Igualdeade e diversidade

A Xunta de Goberno local dará luz verde mañá ao proxecto de Ordenanza Municipal para a Igualdade na Diversidade

A edil Rocío Fraga sinala que a proposta prevé actuacións específicas na loita contra as violencias machistas e o empoderamento das mulleres, ademais de incorporar a perspectiva de xénero na actividade cotiá municipal ou á planificación e xestión orzamentaria

A Xunta de Goberno local dará luz verde mañá ao proxecto de Ordenanza Municipal para a Igualdade na Diversidade
A concelleira Rocío Fraga durante unha rolda de prensa
A concelleira Rocío Fraga durante unha rolda de prensa

A Coruña, 27 de marzo de 2019.- A Xunta de Goberno local aprobará na vindeira sesión o proxecto de Ordenanza Municipal da Coruña para a Igualdade na Diversidade, unha norma que nace co obxectivo de eliminar, no eido local, calquera tipo de discriminación e desigualdade que poida incidir sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral, ademais de sentar as bases de futuro para lograr a máxima efectividade das medidas de igualdade na actuación diaria e cotiá do Concello. A idea do executivo municipal é que esta proposta se transforme “no documento normativo básico para a intervención do Concello en materia de igualdade”, segundo expón a edil Rocío Fraga. “Esta ordenanza quere garantir a elevación da Igualdade como compromiso para o goberno local, como camiño para a consecución dunha sociedade máis igualitaria, xusta e solidaria pero, ao mesmo tempo, complexa e diversa”, salienta a concelleira.

Así, a nova norma municipal avoga por aplicar o principio de integración transversal da igualdade no Concello e os seus organismos e entes dependentes, como son, entre outros, os consellos municipais ou os consellos de administración das empresas públicas, entre outras propostas; ademais de incorporar a perspectiva de xénero na actividade cotiá da institución, concretamente, nos procesos de contratación e nas convocatorias de subvencións. Neste sentido, o texto tamén propón definir, con carácter previo á elaboración de calquera norma ou actividade, o impacto de xénero que esta terá “para analizar se pode ter repercusións positivas ou adversas no obxectivo global da erradicación das desigualdades”, explica Fraga, quen apunta, en especial, ás actividades de planificación e xestión orzamentaria.

O proxecto tamén establece a elaboración dun Plan de Igualdade, como documento que dispoña o desenvolvemento e a concreción da política municipal de igualdade entre mulleres e homes, así como na xestión do persoal municipal. Ao fío, a ordenanza sitúa o compromiso coa igualdade e a diversidade no primeiro nivel da organización municipal e da estrutura da administración municipal executiva e, do mesmo xeito, no nivel das direccións e coordinacións de área, “co obxectivo de transversalizar as políticas de igualdade, así como a prevención e a loita contra a violencia machista”, apunta Fraga. Precisamente a proposta inclúe un capítulo específico sobre as violencias machistas, para o deseño de medidas de intervención, prevención, sensibilización, formación, atención e protección das violencias que se producen con base en desigualdades estruturais derivadas do sistema patriarcal. Ademais, a nova ordenanza pauta favorecer o empoderamento das mulleres, a corresponsabilidade e o uso non sexista da linguaxe, a través da definición de conceptos e o establecemento de medidas e actuacións para acadar resultados de mellora nestes eidos. Por último, a ordenanza plasma o compromiso do Concello da Coruña á hora de desenvolver proxectos coeducativos dirixidos ás novas xeracións, libres de estereotipos e prexuízos de xénero, “coa idea de contribuír a un cambio de valores e actitudes na nosa sociedade a favor da diversidade da identidade de xénero”, expón a edil de Igualdade.

De cara á elaboración da ordenanza, nos meses de novembro e decembro abriuse un período de consulta previa á cidadanía para a redacción do texto, coa finalidade de recoller achegas, “das que non se recibiu ningunha”, apunta Fraga. Xa no mes de marzo, antes da sesión constitutiva do Consello Municipal de Igualdade --que tivo lugar o pasado día 11 no Pazo de María Pita--, a concellería enviou ás entidades participantes no novo organismo o borrador da iniciativa coa finalidade de recibir, novamente, achegas sobre a mesma. “A día de hoxe, unicamente a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana presentou propostas de modificación, algunhas das cales xa se incluíron no proxecto que se levará mañá á Xunta de Goberno local”, expón a concelleira. Logo do visto e prace deste ente, o executivo municipal levará o texto ao Pleno para a súa aprobación inicial e posterior exposición pública.

Comentarios
A Xunta de Goberno local dará luz verde mañá ao proxecto de Ordenanza Municipal para a Igualdade na Diversidade