Artesás do século XXI no Colmado

 

Abre na Sagrada Familia O Colmado, un espazo no que atopar desde obxectos para agasallo elaborados con impresoras en 3D até a axenda cultural enteira do país ou produtos das feiras. Ana e Yolanda levan esta tenda física que se desenvolve tamén no mundo virtual cun compromiso social explícito que fai parte do valor das súas artesanías e servizos.

 

Artesás do século XXI no Colmado
Ana e Yolanda, impulsoras do Colmado, no barrio da Sagrada
Ana e Yolanda, impulsoras do Colmado, no barrio da Sagrada

Imprimetresde son artesás dixitais, artesás do século XXI. Tiveron que esperar a este século porque tiñan as mans, existía o debuxo, o deseño… mesmo o deseño por ordenador íase popularizando co abaratamento dos aparatos, mais faltaba a máquina precisa. As impresoras en 3D eran unha realidade a mediados dos anos noventa. Pero eran carísimas. Hoxe, o investimento necesario para dispor dun destes instrumentos é asumíbel para unha pequena empresa. E as impresoras 3D fan cousas da nada… cousas que están na cabeza das artesás e que o deseño e man son quen de traducilas a bits que informan á máquina de como “crear”.

Imprime 3DE son Ana e Yolanda. Imprimetresde é parte da tenda O Colmado, na rúa San Isidoro, case na esquina coa Ronda de Outeiro. Ana e Yolanda son tamén O Colmado, un lugar “como o que eran os colmados, no que podes atopar case de todo”, explica unha delas, as promotoras. Aquí, ademais da venda de obxectos que elaboran as artesás e dos cursos de deseño e impresión en 3D que se impartirán, radícanse outros proxectos: dafeira, unha web (dafeira.ga) de venda on line de produtos que se poden atopar en calquera feira. “Produtos non perecedoiros”, precisa Ana, que levou O Colmado as últimas citas ecolóxicas da cidade. “Queremos que a web sexa un portal no que diferentes produtores expoñan seus produtos, artesás coma nós… Cada un ten seu espazo e a venda final e o envío faina cada un. Nos ofrecemos o mantemento do sitio e traballamos para que uns tiren doutros”. No Colmado tamén está tu place (tuplace.es), unha web que ofrece unha axenda de eventos de todo tipo, sinaladamente, culturais. “A axenda compleméntase coas demais cousas que ofrecemos na tenda física e nas virtuais”, opina Yolanda, que empezou hai cousa dun ano a traballar na casa coas impresoras e gozou dun éxito inmediato con obxectos tan sinxelos como un marca-páxinas de homenaxe a Rosalía de Castro. Era unha peza de plástico en varias capas. Complexa de deseñar e mesmo de producir polas máquinas. Artesanía cun compromiso duplo: o político (nacional, cultural e feminista) e o ecolóxico.

Yolanda, que antes de vender en Internet xa vendera en feiras e festas, expresa inquedanzas como feminista e nacionalista nos deseños, e tamén mantén un serio compromiso coa sustentabilidade dos obxectos que imprimetresde oferta no mercado. “Os materiais que empregamos son biodegradábeis. Usamos o PLA, un polímero de características similares o plástico de polietileno. Na web explicamos en detalle o que é. Só dicir que calquera material de PLA que vaia o lixo pódese utilizarse como abono… é un produto que se obtén da remolacha principalmente. É unha tecnoloxía nova, apenas hai dez anos que se comercializa”, conta Yolanda. Outro dos produtos básicos é a madeira. Tanto o PLA como a madeira veñen en bovinas de cores que as impresoras transforman nas pezas deseñadas mediante un procedemento de deposición por capas. É un proceso lento. Antes del está o deseño, claro; e despois, a limpeza, unha operación delicada… “Nos dicimos que somos artesás entre outras cousas porque cada peza é diferente, mesmo saen da máquina pezas do mesmo deseño con pequenas diferencias e na limpeza tamén actuamos sobre elas”.

Ana e Yolanda fixeron dos seus gustos e inquedanzas unha profesión na que van apañando pequenos éxitos, como o suceso do marca-páxinas (hoxe na tenda tamén se pode atopar a Rosalía noutros deseños) ou como a peza en madeira que realizaron para o club de lectura da Fundación Pondal en Ponteceso, ou fitos como o atrezzo que elaboraron para a obra de teatro Falar sen cancelas… “Nun momento da representación Isabel Risco e os dous actores botaban man de patacas, grelos e amorodos para facer unha comida, e non podían andar con produtos frescos de cada vez, así que lles demos a solución. A verdade é que non foi a primeira vez que replicamos un produto de alimentación. Hai unha queixería na avenida Fisterra que inda ten exposto un queixo que parece tal cal…”, confesa Ana. Foron pezas pintadas a man, porque unha das tarefas claves no proceso é dar coa cor axeitada para cada peza. “O lila tivémolo que comprar a un fabricante portugués porque non dábamos coa cor axeitada”, di Yolanda mentres mostra as pezas de máis demanda estes días no Colmado: pendentes, colgantes e ata un chaveiro co símbolo das mulleres e un puño lila avisando de que o día 8, e mesmo antes no país, hai folga internacional feminista.

Os deseños son delas pero tamén fan deseños a demanda. Buscan clientes con necesidades de merchandising. Ofrecen o servizo desde o arranque do proceso: a idea. Agora tamén van dar cursos, “con grupos de varios niveis, por idades e coñecementos”, para animar á xente do barrio ao deseño. Elas son da Falperra e da Sagrada. Pensan que a tenda, O Colmado, é tamén un servizo ao barrio, e que podería ser tamén un servizo para os coles e institutos que teñen impresora 3D “pero non saben como sacarlle partido”.

O Colmado quérese un espazo de convivencia e compromiso no que cada proceso está pensado para actuar sobre o medio físico e social a modo de revulsivo. Empezando pola tenda, polos produtos artesás que se venden como obxectos de agasallo… “decidimos traballar así desde o principio, e eliximos estes materiais, e agora resulta que esa elección é decisiva nas vendas, ten un efecto claro na decisión de compra”, di Yolanda.

Comentarios
Artesás do século XXI no Colmado