Crítica anarquista de prexuízos anarquistas

Carlos Taibo presentou o seu último ensaio, [email protected] y [email protected] de aquí y de ahora, no Ateneo Libertario Xosé Tarrío, un dos centros sociais máis activos do barrio da Agra. 
Crítica anarquista de prexuízos anarquistas
Presentación de Carlos Taibo no Ateneo Libertario Xosé Tarrío este luns.
Presentación de Carlos Taibo no Ateneo Libertario Xosé Tarrío este luns.

“Hai unha eiva dramática no movemento libertario español, e é a falta de discusión sobre o nacionalismo de Estado”, dixo Carlos Taibo este luns no Ateneo Libertario Xosé Tarrío, un dos centros sociais máis activos do barrio da Agra, falando da difícil relación que o anarquismo mantén cos nacionalismos. Unha fenda que quedou patente nas intervencións do público. Case todas cuestionaron que Taibo compartise a estratexia de boa parte do anarquismo catalán de vencellarse en diferentes modos e intensidades ao procés

Taibo apuntou que o que sucede hoxe co anarquismo catalán garda paralelismos co que pasou co anarquismo cubano a finais do XIX, que se sumou á loita pola independencia. E dixo que entre a prohibición de votar en referendo e un referendo deturpado, el elixe a segunda. O que intentou poñer de manifesto, mesmo recorrendo a un texto de Bakunin, é que o anarquismo debe diferenciar entre os nacionalismos saídos “da maquinaria do Estado” e “os nacionalismos contra o Estado”, e que nestes últimos (non en todos) poden atoparse (ás veces) características revolucionarias. 

Taibo veu presentar o seu último ensaio: [email protected] y [email protected] de aquí y de ahora (Los Libros de la Catarata, 2019). E falou contra o anarquismo desde dentro do anarquismo. Foi provocador e sincero: “entre esa tradición que aposta por limitar a organización só ás loitas para evitar que se cren burocracias, e esa outra que reclama artellar organizacións ben alicerzadas que recollan a herdanza do movemento e presenten á sociedade un proxecto, eu quédome con esta última; porque se existe a burocracia é que cando menos hai actividade”. Tamén animou a rescatar o sindicalismo de barrio, constatando a crise do sindicalismo libertario e do sindicalismo en xeral que deixou de falar de alienación e explotación cando a alienación e a explotación están tan presentes. E puxo como exemplo do que podería ser una vía para reactivar o sindicalismo anarquista a vitalidade dos centros sociais, como o propio escenario da charla, que teñen vencellos moito máis fortes cos espazos sociais de loita.

Taibo animou a pensar en conceptos dos que se fala e non se sabe moi ben que conteñen. Como o nacionalismo. E preguntouse se o nacionalismo significa defender a auto-determinación, e significa tamén defender a lingua minorizada, e estar en contra da represión por parte do Estado… “para defender iso tes que ser nacionalista?”. Declarouse favorábel ao dereito de auto-determinación e chamou a dialogar “con todo o mundo”, mais matizou: “outra cousa é acordar”. E insistiu nas eleccións binarias: auto-determinación fronte a exo-determinación (“algo, por outra parte, difícil de concibir”); referendo fronte a represión; nacionalismo contra o Estado fronte a nacionalismo de Estado… 

Na súa invectiva contra os lugares comúns do discurso dominante insistiu no despiste do movemento anarquista (“unha eiva de corenta anos”, “nin unha soa teorización”) a respecto do nacionalismo trivial do Estado español, “que parece que non existe pero se manifesta cada día na monarquía, nas forzas armadas, no deporte, nos medios”. Unha solución “lóxica e natural” diante de outras eleccións como xa lle pasou a Ferrer i Guardia, lembrou Taibo, cando lle propuxeron que ensinara en catalán en Catalunya e dixo que en esperanto ou nada (resultado “natural”, en español).

Rematou Taibo intentando deixar un pouso de esperanza, dicindo que o anarquismo pode encontrar espazos comúns con outras tradicións que acrediten na autoxestión e sexan conscientes dos riscos que trae o inminente colapso, animando á “descomplexización” das sociedades no mesmo camiño da descolonización, da despatriarcalización, da destecnoloxización… Mais non evitou mirar cara a cara o que ten diante dos ollos. “Teño que acreditar na xente. Non digo que acredite; digo que teño que facelo… porque se non, nada do que predico ten sentido”. 

Comentarios
Crítica anarquista de prexuízos anarquistas