Coronavirus

Abriuse a convocatoria do plan de dinamización cultural da cidade por un importe de 200.000 euros

O programa pretende axudar a paliar os efectos da crise sanitaria nun sector paralizado durante a pandemia
Abriuse a convocatoria do plan de dinamización cultural da cidade por un importe de 200.000 euros
Plan dinamización cultural
Plan dinamización cultural

A Coruña, 8 de xuño de 2020.- O concello, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos, IMCE, abre a convocatoria do Plan de dinamización cultural da cidade 2020 para a selección de proxectos culturais e a súa contratación e representación na cidade. A convocatoria está dirixida ás creadoras e aos creadores e ás agrupacións culturais locais. O obxectivo é potenciar o desenvolvemento das actividades culturais no ámbito das artes escénicas: música, danza, teatro, circo, cabaré, cine, recitais, performances ou audiovisual. O plan conta cun orzamento de 200.000 euros e cada proxecto recibirá un máximo de 6.000 euros. As propostas teñen que estar destinadas ao público en xeral, ser de carácter gratuíto e desenvolverse integramente na Coruña.

"Trátase dun programa do IMCE dirixido a apoiar a maior parte do sector cultural coruñés ante a delicada situación xerada pola pandemia na industria cultural da cidade", explicou a alcaldesa, Inés Rey.

As solicitudes poderán ser presentadas por persoas físicas e xurídicas (individualmente, en agrupacións de dúas ou máis persoas ou como colectivos artísticos) que teñan a súa residencia na cidade cunha antigüidade mínima desde o 1 de xaneiro de 2020, e a asociacións culturais sen ánimo de lucro que figuren rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC) cunha antigüidade mínima desde o 1 de xaneiro de 2020. Non poderán participar persoas ou entidades participantes no programa de apoio a entidades musicais locais do IMCE do ano 2020.

As propostas deberán ser presentadas a través da sede electrónica da páxina web do Concello da Coruña ou no rexistro oficial do IMCE entre o 8 de xuño e o 5 de xullo. Canto á documentación, as persoas e entidades interesadas deberán presentar, ademais da solicitude de participación no Plan de dinamización cultural da cidade, unha copia do NIF da persoa física ou entidade; unha descrición detallada do proxecto, así como o número de rexistro no REMAC para o caso de asociacións culturais, e o certificado de empadroamento cando as/os solicitantes sexan persoas físicas.

Abriuse a convocatoria do plan de dinamización cultural da cidade por un importe de 200.000 euros