Ente consultivo para garantir a xustiza e a reparación

O alcalde constitúe o Consello da Memoria Democrática

O órgano quedou conformado, ademais de polo rexedor e o concelleiro de Culturas, por representantes da Universidade, a CRMH, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, o Ateneo Republicano, a Real Academia Galega, o Instituto Cornide e o Arquivo Municipal, así como edís da Corporación e investigadoras de recoñecido prestixio

O alcalde constitúe o Consello da Memoria Democrática
Consello da Memoria
Consello da Memoria

Concello da Coruña | 31/01/2018

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu esta tarde, acompañado do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, o acto de constitución do Consello Municipal da Memoria Democrática, órgano consultivo e de participación vinculado ás políticas municipais para a recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da Guerra Civil e a ditadura, así como a atención e o apoio á súa descendencia directa. Ademais dos representantes do goberno local, este novo ente conta entre os e as súas integrantes con membros das asociacións memorísticas da cidade, historiadores de recoñecido prestixio, a Universidade da Coruña e membros da corporación municipal.

"O Consello nace coa finalidade de promover a reparación moral e a recuperación da memoria persoal e familiar daquelas persoas que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa durante este período escuro da nosa historia, e para dar resposta ao establecido na Lei de Memoria Histórica e atender ás demandas das vítimas en termos de verdade, xustiza e reparación, dentro do compromiso inalterable deste goberno local coa memoria", dixo Ferreiro, que procedeu tamén a dar a primeira "encomenda formal a este órgano consultivo" que é a de analizar a situación na que se atopa a histórica Casa Cornide (rúa Damas), na actualidade en mans da familia do ditador Francisco Franco. "Os e as integrantes da Comisión analizarán se é posible que o Concello leve a cabo unha eventural reclamación para que este inmoble, que un día foi casa do prolífico historiador e humanista José Cornide, pase a formar parte do patrimonio público", indicou o rexedor, que aludiu, ademais, a que "con esta solicitude damos cumprimento a unha moción aprobada no Pleno municipal".

Entre as funcións do Consello da Memoria Democrática está, precisamente, a emisión de informes sobre aqueles proxectos ou programas relativos ás políticas municipais dirixidas á recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da represión, así como a promoción de espazos de estudo e debate en relación coas materias da súa competencia, o impulso e coordinación de actividades con outras administracións e entidades que traballen na consecución de obxectivos de recuperación da memoria democrática.

Ademais de polo alcalde e polo concelleiro de Culturas, o Consello da Memoria Democrática está constituído por dous membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Rubén Afonso Lobato e Victoria Mejuto Vilas; Carmen García Rodeja, pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica; Xosé Alfeirán, polo Ateneo Republicano de Galicia; Xesús Alonso Montero, pola Real Academia Galega; Antón Fraga, polo Instituto José Cornide de Institutos Coruñeses; as investigadoras Ana Romero e Emilio Grandío e un membro do Arquivo Municipal e, pola banda da Universidade da Coruña, Uxío Breogán Diéguez e Montserrat Golías Pérez, das facultades de Ciencias da Educación e Socioloxía. Todos e todas asistiron a esta primeira xornada de constitución agás Alfeirán e Alonso Montero, que excusaron a súa presenza. O ente consultivo complétase con representantes do Arquivo Municipal, da propia Concellería de Culturas así como con membros do resto de formacións políticas con representación no Pleno. Se ben ningún representante do grupo municipal do PP acudiu á conformación do Consello, si o fixeron o edil socialista Fito Ferreiro, e a nacionalista Avia Veira.

Oficina Municipal de Atención ás Vítimas

Durante a súa intervención no acto de constitución, Ferreiro recordou que, ademais da creación deste ente, o Concello contará en breve cunha Oficina Municipal de Atención ás Vítimas da Represión Franquista, que se desenvolverá apoiada sobre a cátedra de investigación sobre memoria que o goberno local puxo en marcha da man da Universidade da Coruña.

O mandatario local quixo destacar o traballo desenvolvido "ao longo de todos estes anos tanto por asociacións memorísticas como por entidades e formacións políticas que marcaron o camiño para a restitución da memoria". Así, recordou que o goberno local da Coruña conseguiu "sacar do rueiro os nomes dos asasinos", así como retirar as honras que recibían en María Pita "alcaldes que foron nomeados polo medo e non polas urnas". Ao fío, recordou a intención do executivo de retirar este exercicio a simboloxía franquista presente aínda nunha das vidrieiras do Concello.

O alcalde constitúe o Consello da Memoria Democrática