BNG | nota de prensa

Ana Miranda reclama á Comisión Europea un plan que garanta a seguridade do persoal sanitario que evite o seu contaxio

O BNG critica a existencia no mercado de máscaras que non cumpren os requisitos europeos mínimos de protección

Ana Miranda reclama á Comisión Europea un plan que garanta a seguridade do persoal sanitario que evite o seu contaxio
Ana Miranda pleno 6
Ana Miranda pleno

Bruxelas, 30 de abril de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, dirixiuse á Comisión Europea para reclamar un plan que garanta a seguridade dos traballadores e traballadoras sanitarias que evite o seu contaxio polo uso de máscaras defectuosas que non cumpren a normativa europea de filtrado. “A protección das persoas que traballan no sector sanitario é unha urxencia e a súa seguridade ten que ser garantida sen demora”, subliña.

Para a portavoz do Bloque en Europa é “inadmisible a existencia no mercado de máscaras que non cumpren os requisitos mínimos europeos de protección e que non evitan a enfermidade de quen as usa”, en referencia ás 240 afectadas con positivo en COVID-19 a causa do uso de máscaras de protección defectuosas, tal e como xa recoñeceu o propio Sergas aos sindicatos.

Segundo apunta Ana Miranda, na gravidade deste asunto incide que non só foron detectadas miles de máscaras defectuosas en Galiza, -en concreto o modelo Elite EB09.04 (FFP3) e un lote de KN95 Mask Purvigor (FFP2), segundo apuntan informacións publicadas-, senón que esta situación tamén foi observada nestes días polo Servicio Andaluz de Salud.

“Europa ten que esforzarse en dar unha resposta global á pandemia non só no eido económico senón tamén, e de forma prioritaria, garantindo a seguridade do persoal sanitario facendo cumprir os requisitos mínimos nos produtos que se comercializan para o seu uso nos hospitais e centros de saúde”, sinala Miranda ao respecto, quen nun escrito dirixido á Comisión Europea pregunta se a CE ten coñecemento desta situación.

Ana Miranda reclama á Comisión Europea un plan que garanta a seguridade do persoal sanitario que evite o seu contaxio