renda básica

Ana Miranda urxe a posta en marcha da renda básica europea para evitar unha crise social consecuencia do coronavirus

O BNG critica a pasividade da Unión Europea fronte as consecuencias económicas causadas pola pandemia

Ana Miranda urxe a posta en marcha da renda básica europea para evitar unha crise social consecuencia do coronavirus
Ana Miranda pleno 8
Ana Miranda pleno

Bruxelas, 24 de marzo de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera imprescindible que a Unión Europea active unha renda básica para protexer ás persoas máis damnificadas pola crise causada polo Covid-19. “Entre as medidas que Europa debe activar en relación ás consecuencias da pandemia causada polo coronavirus resulta urxente a mobilización de fondos europeos para evitar unha crise social que dane ás persoas máis vulnerables”, subliña.

Segundo salienta a nacionalista, “Europa non pode adiar máis a posta en marcha de medidas que palíen as consecuencias económicas da crise causada polo coronavirus” xa que ao seu xuízo “lamentablemente está dando unha imaxe que dista moito do que debe ser a Unión Europea”. Neste sentido critica a falta de respostas e a inacción das institucións europeas, así como a falta de coordinación, polo que reclama “menos palabras e máis accións”.

“Europa tiña que ser un exemplo de resposta económica e social diante desta crise e vemos que non é así”, considera Miranda, quen sinala que os fondos europeos deben servir para facer fronte á crise tanto desde a perspectiva sanitaria, coa compra de todo o material imprescindible para evitar os contaxios, como económica, atendendo ás necesidades empresariais pero tamén da cidadanía máis vulnerable especialmente nesta situación de incerteza.

A portavoz do Bloque en Europa manifesta que precisamente a urxencia da activación da renda básica vén dada pola inacción da Unión Europea na implantación deste mecanismo, a favor do cal o BNG xa traballou na lexislatura pasada, así como na posta en marcha do salario mínimo europeo, anunciado pola Comisión Europea hai máis de dous meses. “Resulta impresentable facer anuncios de medidas que non se poñen en marcha”, critica Miranda, quen considera que se este SME estivera implantado, as consecuencias da crise sobre as persoas con menos recursos ou que neste momento perden o seu traballo “obviamente serían menores”.

Plan global de medidas

Ana Miranda salienta que nas circunstancias actuais, o BNG foi pioneiro en presentar un plan global de medidas para mitigar os efectos sociais e económicos do coronavirus, que xa foi trasladado á Xunta de Galiza. Entre estas propostas, desde o punto de vista europeo figuran a reprogramación de fondos comunitarios como FEMP, FEADER, FEDER, FSE e Fondo de Cohesión, para atender ás urxencias na Galiza; a articulación do Fondo de Solidariedade da UE para atender esta crise, e o incumprimento dos requisitos de axuste fiscal contemplados no “Pacto de estabilidade e crecemento” da Unión Europea, que supoñen poñer fin ao límite de gasto e do limiar de déficit e débeda.

Ana Miranda urxe a posta en marcha da renda básica europea para evitar unha crise social consecuencia do coronavirus