Carta aberta sobre o conflito das bibliotecas e as consecuencias sobre a lectura

A biblioteca é a máis democrática das institucións

“A biblioteca é a máis democrática das institucións” afirmou a escritora Doris Lessing, Premio Nobel de Literatura en 2007.

A biblioteca é a máis democrática das institucións
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña

 

Concordamos coa afirmación, en efecto, e atrevémonos a engadir que as bibliotecas públicas son o espello da comunidade veciñal que as envolve co cobertor da súa presenza participa(c)tiva como garantes do encontro humano en liberdade.

Pensarmos nunha biblioteca pública convídanos a procurar, explorar, viaxar, descubrir, mais tamén cuestionar, descartar e optar, pois o desenvolvemento da mirada crítica e ética está na cerna deste espazo de encontro e convivio desde a multidiversidade.

“Non sería fermoso o mundo se as bibliotecas fosen máis importantes que os bancos?” preguntábase Felipe, compañeiro inesquecíbel de tantas tiras da sempre lúcida Mafalda.

Con todo, contido e continente dunha biblioteca non son materiais suficientes para dotar estes espazos de alma, pois o activo máis importante para as bibliotecas públicas funcionaren como servizos de proximidade e daren as respostas precisas á comunidade é o seu persoal traballador.

As bibliotecas municipais da Coruña son amplos espazos de encontro entre a veciñanza e a cultura aberta e plural, axudando o persoal bibliotecario mediador a trazar eses percorridos desde os seus múltiples camiños de chegada, como territorios de formación e transformación, mais tamén de cohesión social.

Cada usuaria demanda da súa biblioteca de barrio unha necesidade, desde un espazo-tempo de lectura a outro de formación, consulta, alfabetización ou socialización, sen esquecer os cuartos das emocións.

É a alta calidade profesional do equipo humano que conforma a nosa rede de bibliotecas municipais a que terma coas mans do compromiso, nos últimos anos, dun proxecto de excelencia en orixe, pioneiro e moi recoñecido, mais que o insuficiente atendemento político dos últimos anos freou por varias causas: a falta de criterio organizador do seu medre, a insuficiente aposta económica para garantir o servizo de préstamo de novidades, as dificultades que crea a dobre xestión público-privada nas condicións laborais e na consecuente falta de interlocución e coordinación interna, a deficiente formación continuada ou o carácter de transitoriedade e incerteza do proceso de remunicipalización comprometido polo goberno actual da Marea Atlántica, que erosionou e desgastou as forzas dos equipos humanos das nosas bibliotecas. Catro anos que agora recolle unha memoria caracterizada por un superávit de intención convertido nun real e contrastado déficit de atención. 

Un cadro de desamparo que diagnostica unha desilusión que, no entanto, as usuarias nunca percibimos. 

Desde o BNG da Coruña apostamos no alto valor do proxecto transformador e cohesionador das bibliotecas municipais da Coruña. É moita hora de reforzar a ilusión dos equipos humanos para que este proxecto volva ser pioneiro e proa cultural da nosa Cidade Creativa.

Mais tamén sabemos que é moita hora de actuarmos con valentía política para que o plan estratéxico de lectura –nesta cidade históricamente modelo en creadoras, librarías e editoras- sexa o motor que impulse o proxecto cultural da nosa cidade, avanzando na consolidación dun modelo de funcionamento de xestión única; no desenvolvemento dun plan de lectura global, transversal, inclusivo e coeducativo; no reforzo dos cadros de persoal para atender a demanda social e que, ao tempo, facilite a coordinación de todas as bibliotecas; acrecentando significativamente o investimento orzamentario; deseñando un plan de actuacións específico para cada barrio e ampliando a configuración territorial de bibliotecas a barrios como Novo Mesoiro ou á nova Biblioteca Central.

«O acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia» afirmou o noso veciño escritor Xabier P. Docampo. Alimentemos, desde a responsabilidade e o compromiso cómplice, todos os novos actos de amor que están por chegar neste vindeiro maio e que queremos cheo de ilusións recuperadas tamén nas nosas bibliotecas municipais. 

MERCEDES QUEIXAS ZAS, candidata do BNG nas municipais (número 3 da lista)

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968), docente, escritora, académica na RAG, activista en prol da lingua e delegada sindical no ensino público, veciña dos Mallos. É secretaria xeral da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e membro do Consello Escolar Municipal. Licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués pola UDC, exerce como docente en educación secundaria no ensino público galego desde 1996.​

A biblioteca é a máis democrática das institucións