BNG | nota de prensa

O BNG abstense ante ante o convenio coa Xunta para a ampliación do CHUAC

O proxecto significa máis ladrillo sen concretar compromisos reais de mellora na asistencia sanitaria e porque obriga o concello a financiar unha obra supramunicipal

Avia Veira acusa o Goberno Local de branquear a política sanitaria da Xunta –caracterizada pola falta de medios humanos e materiais no hospital e nos centros de atención primaria- e salienta que o interventor reitera o seu criterio de o Concello ter escaseza de recursos para financiar unha obra de titularidade autonómica

“Non estamos en contra do novo CHUAC. O que dicimos alto e claro é que a sanidade pública non precisa de investimento en ladrillo: non é prioritario un envoltorio novo, senón dotala dun investimento en persoal, en melloras asistenciais, en ampliación da carteira de pedidos”

O BNG abstense ante ante o convenio coa Xunta para a ampliación do CHUAC
Escanos
Avia Veira e Francisco Jorquera

A Coruña, a 27 de xaneiro de 2021. O grupo municipal do BNG optou pola abstención ao se someter a votación esta mañá, en Pleno extraordinario, o convenio de colaboración coa Xunta de Galiza para a ampliación do CHUAC.

Na súa intervención para fixar a posición do BNG, a edil nacionalista Avia Veira criticou o convenio por considerar que, tal e como está concibido, o proxecto só vai significar máis cemento e non concreta en que se vai traducir a suposta mellora da atención sanitaria na nosa cidade. Alén diso, obrígase o Concello a asumir parte do financiamento, con 26,5 millóns de euros, dunha obra de titularidade supramunicipal. Faise, aínda por riba, con reparos por parte da Intervención, que, hoxe como en maio pasado, cando se filtrou á prensa o contido do convenio, pon reparos a esta operación por considerar que a facenda local non ten capacidade económica abonda para sufragar unha obra que é de competencia autonómica.

“Non estamos en contra do novo CHUAC. O que dicimos alto e claro é que a sanidade pública non precisa de investimento en ladrillo. Non é prioritario un envoltorio novo, senón dotala dun investimento en persoal, en medios humanos, en melloras asistenciais, en ampliación de carteira de servizos”, esclareceu Avia Veira.

A concelleira nacionalista acusou o gabinete presidido por Inés Rey de “branquear” a xestión sanitaria do Goberno Feixóo –caracterizada polas privatizacións e a insuficiencia de recursos nos hospitais públicos e nos centros de atención primaria- ao asinar un convenio oneroso para a Facenda local e que, alén de máis, non compromete realmente a Xunta a mellorar a asistencia sanitaria na cidade. “Estamos de acordo con que haxa un novo CHUAC, pero que vai ter a poboación da Coruña a cambio?”, preguntouse. “Vai ter melloras na atención primaria? Máis carteira asistencial? Máis persoal traballando no novo hospital? Vai ter máis camas o novo CHUAC? Vanse pechar esas camas no verán? Dígoo porque verán tras verán vemos como se pechan plantas enteiras en hospitais da nosa cidade, 300 camas por verán”, dixo.

Os compromisos do SERGAS en materia sanitaria para o novo CHUAC non se ven por ningures no convenio: “Vale, si, actualizar o Plan Director, só faltaría”, ironizou Veira.

O que non ten sentido é que o Concello financie unha obra supramunicipal con 26,5 millóns de euros –máis as exencións fiscais, isto é, o que vai deixar de ingresar en concepto de IBI polos centros sanitarios públicos radicados na Coruña- sen saber ben “que imos ter a cambio e como van quedar os servizos sanitarios na nosa cidade”, remarcou.

O BNG non lle ve problemas a que o Concello financie os viarios que conecten a cidade co novo CHUAC –“é algo que está dentro das nosas competencias e vamos empregar maioritariamente as coruñesas e os coruñeses”- mais o que non é de recibo é que o Goberno Local se comprometese a pagar tamén a “obtención do solo”, isto é, as expropiacións.

E este último extremo, ademais, conta cos reparos do Interventor. Xa o dicía en maio e reitérao agora.

O asunto é que en maio “cando o Goberno Local solicitou os informes á Asesoría Xurídica, á Intervención e ao secretario xeral” desde o Executivo coruñés “se insistía en que había un problema de competencias, en que o convenio abeiraba a ilegalidade”.

O BNG non entende a mudanza de postura do Goberno Local a este respecto, sendo que o convenio non mudou desde maio, como tampouco entende por que naquela altura o Executivo presidido por Inés Rey dixo que pularía por que o CHUAC medrase cara á zona do aparcamento e do parque de Eirís –para afectar o menor número de vivendas posíbeis- e agora acepte a proposta da Xunta.

“Sabemos que é o que mudou? Non sabemos. A natureza do convenio vén sendo a mesma. O Concello segue sen ter competencias en materia sanitaria. O novo CHUAC segue a ser unha actuación supramunicipal. A xestión da Xunta en materia sanitaria continúa a ser a mesma”, recapitulou Veira.

A concelleira do BNG pediulles tamén aos dous grupos que apoian este convenio, o que dá soporte ao Goberno Local e o do PP, que non “insulten a intelixencia de ninguén” ao ligar a urxencia na construción do novo CHUAC á loita contra a pandemia.

“Por favor, que non se diga que este hospital ten nada que ver coa Covid-19, nin que vai ser preciso para vencer o virus, nin nada parecido. A Xunta xa falaba del en 2018 e 2019. Non insulten a intelixencia de ninguén dicindo que o novo hospital vai servir para a loita contra a pandemia porque non estamos na China e o hospital non vai estar a semana que vén feito”, dixo.

De todos xeitos, o BNG –que reiterou a súa consideración de que o Goberno Local non xustificou debidamente a convocatoria urxente deste Pleno, alén de dificultar o traballo de control da oposición ao lle entregar a documentación con moi pouco tempo para a estudar- optou pola abstención e non polo voto contrario para patentizar que “nós nunca nos opoñeremos á mellora das infraestruturas sanitarias da cidade”.

O BNG abstense ante ante o convenio coa Xunta para a ampliación do CHUAC