BNG | Nota de prensa | Semana europea da mobilidade

O BNG concibe a mobilidade como “un dereito das veciñas e veciños” e non como un negocio

Avia Veira critica a presenza nos stands do Obelisco de empresas dos sectores automobilístico e petroleiro e defende que as políticas de mobilidade se acorden non coas grandes compañías, senón en interlocución “co rico tecido asociativo da cidade”

O BNG concibe a mobilidade como “un dereito das veciñas e veciños” e non como un negocio
BNG Rolda Prensa Mobilidade (2)
BNG Rolda Prensa Mobilidade

A Coruña, a 17 de setembro de 2019. A mobilidade debe ser vista “como un dereito das veciñas e dos veciños” e non como “un negocio”, afirmou este martes 17 de setembro en rolda de prensa o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera. As políticas de mobilidade deben comezar a mudar “xa no primeiro ano do mandato”, defendeu Avia Veira. As nacionalistas compareceron perante os medios para dar a coñecer as súas alternativas en plena semana europea da mobilidade.

Jorquera precisou que o pear básico sobre o que se debe construír a política de mobilidade é, a xuízo da formación nacionalista, “a preeminencia do transporte público”. No caso da Coruña iso pasaría necesariamente “pola recuperación do carril bus” e por estudar, durante este mandato, a hipótese de introducir a xestión directa por parte do concello, tal e como, polo demais, figura no acordo de investidura asinado por BNG e PSOE.

En concreto, o acordo suscrito por nacionalistas e socialistas que viabilizou a investidura de Inés Rey marca como liña a seguir darlle prioridade, xa no primeiro ano de mandato, a actuacións como a regulacións dos VMP –“o concello anuncia agora que o vai facer cos patinetes eléctricos”, dixo Avia Veira- e singularmente a mellora do servizo de autobuses. “Cómpre intensificar as frecuencias, modificar o mapa de liñas, recuperar o carril bus e ampliar o horario dos servizos”, pormenorizou Jorquera.

E todo iso cun propósito: pór o peón por cima dos automóbeis, remarcou Veira. E cun modelo na cabeza das nacionalistas: Pontevedra, “a demostración de que se pode humanizar as cidades”, dixo a concelleira.

Veira criticou tamén a presenza nos stands dispostos polo concello na zona do Obelisco de grandes corporacións do sector automobilístico ou petroleiro, como Repsol ou Lexus. Non deben ser eses axentes os interlocutores do concello á hora de planificar as políticas de mobilidade e si “o rico tecido asociativo da cidade”, defendeu Veira. “As políticas de mobilidade só son posíbeis desde a independencia a respecto das grandes empresas e en interlocución directa coas veciñas e os veciños. Iso é o que nos ensina o modelo Pontevedra”, concluíu a concelleira.

O BNG concibe a mobilidade como “un dereito das veciñas e veciños” e non como un negocio