Eleccións municipais | BNG

O BNG traballará por convenios bianuais e para dotar de locais ás entidades sociais

Francisco Jorquera e Avia Veira presentan o programa de Benestar Social diante dos colectivos do terceiro sector nun acto na sede de UTACA. 
O BNG comprométese a crear un Comité de Ética participado e que informe e avalíe todas as políticas sociais municipais.

O BNG traballará por convenios bianuais e para dotar de locais ás entidades sociais
Encontro de Benestar Social. Jorquera e Veira
Encontro de Benestar Social. Jorquera e Veira

A Coruña, 17 de maio.- “Presentamos una serie extensa de medidas no eido do Benestar Social. É a parte central e máis ampla do noso programa electoral. No BNG somos conscientes de que nesta materia hai moito por facer e só se pode facer de acordo coas entidades que traballan directamente coas veciñas e veciños”, dixo Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, durante a presentación do encontro sectorial dedicado a políticas sociais que se celebrou este sábado na sede de UTACA, no Birloque. 

UTACA, que atende problemáticas de adiccións, representa para o BNG da Coruña un exemplo de traballo calado, constante e eficiente das asociacións de asistencia social, escasas de recursos materiais e de apoio municipal, “que chegan onde o Estado non chega mais seguen sen ser o suficientemente valoradas desde o Concello”, segundo recoñeceu o candidato nacionalista, acompañado esta mañá por Avia Veira e Mercedes Queixas, as números dúas e tres da candidatura.
Foi Avia Veira a encargada de relatar con detalle o programa nacionalista, empezando polo anuncio da creación dun Comité de Ética “que informe todas as políticas sociais municipais” e pola implantación “dun sistema de indicadores sociais que permita realizar un seguimento e avaliar as políticas locais” tal e como veñen esixindo a maioría das entidades sociais coas que se entrevistaron as nacionalistas estes últimos meses.

No encontro, as asociacións manifestaron as súas prioridades: a necesidade dunha maior seguridade respecto da financiación que han recibir do Concello e a distribución de locais de propiedade municipal ou axudas para as reformas e mantemento preciso das que contan con sede propia. Veira e Jorquera comprometéronse a dar resposta desde o Concello a estas demandas, estudando as posibilidades legais para levar a cabo a primeira, e acelerando unha oferta de locais a partir do inventario xa elaborado.

Reformas das ordenanzas de renda social e de emerxencia social

Veira sinalou ademais algunha das principais medidas que proporá o BNG durante o próximo mandato e que impulsará no caso de ter responsabilidades de goberno. Entre outras, aludiu á reforma da renda social no que respecta a eliminar a obrigatoriedade de conseguir unha vivenda independente abrindo a opción dun piso compartido, así a revisar os incumprimentos e as sancións por incumprimento. Tamén se comprometen a modificar a ordenanza de emerxencia social para facela compatíbel coa renda social, e que se poida solicitar aínda tendo débedas coa Administración.

O BNG tamén inclúe no seu programa a revisión das baremacións de todas as axudas e bolsas sociais do Concello; un apoio explícito ás empresas de inclusión social como centros especiais de emprego ou outras formas empresariais formadas por colectivos en exclusión social; o reforzo do persoal da Unidade de Atención ao Migrante; a elaboración dun plan de accesibilidade ao espazo público e aos edificios públicos municipais, desde punto de vista das persoas con dificultades de mobilidade; a creación de programas de cohabitación para persoas maiores que vivan soas, e un servizo de atención a persoas dependentes como a saída do domicilio e a axuda pola rúa.

Adiccións, cooperación e infancia

Ademais, as nacionalistas comprometen políticas específicas para facer fronte ás adiccións, como a elevación das taxas de apertura de casas de apostas na cidade, ou a realización de campañas de impacto masivo para a prevención.  
No ámbito do voluntariado e da cooperación, o BNG aposta por  crear un foro de entidades de cooperación ao desenvolvemento e de solidariedade internacional, destinando ademais o 0,2% dos orzamentos anuais a cooperación. E tamén por elaborar unha carteira de voluntariado na web municipal.

Respecto da infancia, as nacionalistas propoñen unha bolsa de “prazas de emerxencia” nas escolas infantís públicas, fóra dos períodos ordinarios de solicitude, para as situacións de emerxencia que poidan sobrevir; así como a ampliación dos comedores escolares dos centros de ensino e ampliación das bolsas comedor para incluír actividades de lecer e tempo libre.  

O BNG traballará por convenios bianuais e para dotar de locais ás entidades sociais