Viñetas desde o Atlántico

Coma o máis eficaz dos superheroes que transitan o cómic, Viñetas desde o Atlántico soubo conxurar o mal e a pesares da pandemia clausura hoxe a edición máis complexa e estraña

Desde a organización, que desde o minuto un e pese ás circunstancias empeñouse en ver a botella medio chea, destacan a actitude cómplice da cidadanía cara ao festival e expresan o seu agradecemento infinito aos autores que no medio da situación xeral quixeron achegarse á cidade para departir cos seus seguidores. 

Todas as exposicións de Viñetas seguirán abertas ao público ata o 13 de setembro 

Coma o máis eficaz dos superheroes que transitan o cómic, Viñetas desde o Atlántico soubo conxurar o mal e a pesares da pandemia clausura hoxe a edición máis complexa e estraña
As figuras ao foso por seguridade
As figuras ao foso por seguridade

A Coruña, 23 de agosto de 2020. Cando esta tarde chegue ao seu fin e peche oficialmente a  XXIII edición do Salón Internacional  do Cómic Viñetas desde o Atlántico, dedicada ao cómic infantil e xuvenil, estará a rematar o festival máis estraño de toda a súa historia, o que transitou no medio dunha pandemia mundial que estivo a piques de impedir a súa celebración e que  multiplicou ata o infinito as dificultades de organización do encontro. Pero a organización de Viñetas, como o máis eficaz dos superheroes que transitan a arte do cómic, soubo conxurar o mal e apostar por ver a botella medio chea, facendo posible un Viñetas desde o Atlántico case case normal. Destácao así o seu director, o debuxante Miguelanxo Prado: “Tivemos claro que ou non se podía facer ou, se se facía, veriamos a botella medio chea desde o minuto un; a domingo podemos dicir que a botella está case chea; a actitude do público foi excepcional, mantendo un comportamento cívico e de respecto ás normas sociosanitarias impostas exemplar, iso é o que nos permitiu manter o festival en marcha estes sete días”. Afeitos ás salas de exposicións cheas de afeccionados, ás colas quilométricas para as firmas ou a ver a sala de charlas  a rebousar de afeccionados nas anteriores edicións, toda a organización de Viñetas entende e agradece o esforzo da cidadanía en respectar as limitacións marcadas. 

O máximo responsable de Viñetas desde o Atlántico quere tamén deixar patente o seu agradecemento infinito aos autores que acudiron presencialmente estes días á cidade, Agustín Ferrer Salas, Enrique V.Vegas e  Xulia Vicente. “Sabemos o complicado da decisión de achegarse a Coruña nas circunstancias nas que se atopa todo o país e por suposto que entendemos aos que finalmente non puideron vir”. “Para Viñetas foi moi bonito poder colgar no Kiosco Alfonso a obra de  Xulia Vicente, unha autora que coñecemos como  preadolescente nas primeiras edicións do salón”, destaca Prado. 

Pero hai máis complicidades que agradecer. Os medios de comunicación, sempre atentos co festival, axudaron máis ca nunca a transmitir esta idea de esforzo colectivo por parte de afeccionados, autores, organización e institucións.  

Desde o punto de vista do contido, para a organización foi unha alegría inmensa poder atesourar estes días a inmensa produción de cómic infantil que na actualidade estase a publicar en España. “Calquera que visite Palexco poderá comprobar a cantidade, calidade e variedade das propostas; desde Viñetas esperamos que esas exposicións sirvan de catálogo para que calquera adulto que queira iniciar aos seus pequenos no mundo da Banda Deseñada poidan saber que elixir, que regalar”. 

“Confiamos en que a edición 2020 de Viñetas sexa unha anomalía na historia do festival. A continuidade do festival internacional que converte cada agosto Coruña na capital mundial do cómic, está máis que asegurada”, conclúen desde a organización. 

Coma o máis eficaz dos superheroes que transitan o cómic, Viñetas desde o Atlántico soubo conxurar o mal e a pesares da pandemia clausura hoxe a edición máis complexa e estraña