Defensa do común

A Comisión en Defensa do Común tamén se suma á reclamación da Casa Cornide

 

A Comisión Aberta en Defensa do Común reapareceu esta mañá no Centro Cívico da Cidade Vella para advertir ao goberno municipal que debe cumprir o acordo plenario de hai un ano e convocar un referendo na cidade para decidir sobre a recuperación dos terreos da fronte litoral en mans do Estado. A Comisión sinala que se no pleno de abril non se reactiva o proceso, fará a súa propia consulta pública “con urnas por toda a cidade”. Ademais, os portavoces da plataforma anunciaron unha nova xornada de mobilización en abril na que xa incluirán entre as súas reclamacións a devolución gratuíta ao patrimonio público da Casa Cornide, propiedade da Familia Franco desde que en 1962 Pedro Barrié de la Maza lla regalara á muller do ditador.

 

A Comisión en Defensa do Común tamén se suma á reclamación da Casa Cornide
Tres dos portavoces da plataforma, Pedro Fernández, Ricardo Vales e Manolo Monge, este xoves diante da Ca
Tres dos portavoces da plataforma, Pedro Fernández, Ricardo Vales e Manolo Monge, este xoves diante da Ca

“Se os Franco puxeran hoxe a Casa Cornide á venda, eses oitocentos metros cadrados construídos acadarían no mercado un valor en torno aos 5 millóns de euros… cartos que non queremos que leve a familia do ditador”, advertiu esta mañá Pedro Fernández, o presidente da Asociación de veciños da Cidade Vella, que minutos antes da rolda de prensa na que a Comisión Aberta en Defensa do Común anunciou que suma ás súas reclamacións a recuperación deste palacio do século XVIII do que se encaprichara Carmen Polo e co que foi agasallada polo financeiro, adulador e beneficiario dos favores de Franco, Pedro Barrié de la Maza… minutos antes, diante do enorme portalón verde do palacio, Fernández especulaba: “E se tirámolas portas?”.

Tirar as portas (simbolicamente) das propiedades do Estado na fachada litoral da Coruña, herdanza indirecta daquelas lamas, é o que persegue e non consegue a Comisión Aberta, que hoxe parouse diante do alcalde e do goberno municipal e estableceu un prazo: “se no próximo pleno de abril non se reactiva o proceso para convocar a consulta popular á cidadanía sobre a fórmula de devolución da Solana, o Hotel Finisterre, dos terreos portuarios, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, se non se reactiva, será esta Comisión a que convoque a consulta sen necesidade de ir comprar urnas a China pero con toda a intención de que a cidadanía se pronuncie”, indicou Manuel Monge, ex concelleiro nacionalista e ex presidente da CRMH.

Monge e Fernández, que estiveron acompañados no acto por dous históricos do activismo coruñés, Rosa Quiroga e Ricardo Vales, explicaron que o goberno municipal dispón do informe xurídico que establece as condicións do referendo popular acordado no pleno da corporación o 6 de marzo de 2017 mais falta que se poña xa en marcha o procedemento, “porque a consulta ten uns trámites que poden levar catro, cinco ou máis meses” e falta pouco máis dun ano para as eleccións municipais. “Hai tempo, pero hai que darse présa”, sosteñen desde a Comisión e sinalan o exemplo de Alcázar de San Juan (Cidade Real) para avisar que as consultas promovidas polo asociacionismo veciñal contan co respaldo do Tribunal Supremo. “O concelleiro de Rexeneración Urbana dixo que eles, o goberno municipal, acompañaría á Comisión na consulta. Nós non queremos iso”, subliñou Monge, “queremos que sexa o Concello o que convoque a consulta e nos acompañaremos. Foi o que se aprobou vai case un ano”.

Despois de que Ricardo Vales dera conta das razón que levaron a asemblea da Comisión a decidir conformar unha asociación (basicamente, para evitar obstáculos burocráticos) e de que Rosa Quiroga anunciara unha mobilización para abril (a data determinarase a próxima semana), Pedro Fernández informou de que o asunto Cornide tratarase proximamente nunha palestra na que intervirá, entre outros, o investigador Carlos Babío que vén de desvelar nun libro (Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio) a avaricia dos Francos e a vasalaxe das elites coruñesas da época. A Casa Cornide, o Hotel Finisterre, o Pazo de Meirás ou o vello cárcere que non termina de ser “recuperado pola cidadanía” fan parte dun mesmo todo, o da memoria sometida, que iniciativas como a Comisión Aberta en Defensa do Común, o Proxecto Cárcere ou a Xunta Pro Devolución do Pazo están intentando liberar. Hai un fío que une a estas plataformas, na que se mesturan sindicatos, partidos e veciñanza máis o menos organizada, que din que non só a memoria, senón tamén os bens espoliados pertencen ao pobo. “Do cárcere claro que nos lembramos, confiamos no traballo que se está a facer desde o Proxecto Cárcere”, indicou Vales no remate da conferencia de prensa.

A Comisión, que nacera para defender como patrimonio público os terreos da Maestranza en Monte Alto, segue viva, non perde a memoria, insistirá ante o goberno e os grupos municipais para que se cumpran os acordos e se atenda á opinión da cidadanía cando se negocie coa Autoridade Portuaria ou co ministerio que corresponda… “porque tamén iso está nos acordos plenarios de 2017, o mesmo que está a modificación do Plan Xeral de Urbanismo nun acordo de 2016”, teima Manuel Monge, “pasaron os meses e seguimos esperando”. Seguirán, e animados pola “repercusión”, din, que está tendo a loita da Comisión fóra da Coruña, sempre co síndrome de cidade-illa, entre plataformas cidadás en lugares como Madrid ou Zaragoza.

O goberno municipal volve ter a pelota no seu patio. A pregunta segue no ar… e ten a seguinte formulación: “Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público de La Solana e o Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os terreos portuarios a desafectar, do cárcere provincial e dos terreos do Campo da Estrada, e que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas do porto exterior de Punta Langosteira e as súas concesións?” O texto fai parte dos acordos plenarios e será sometido a consideración da cidadanía, ben polo Concello, ben pola Comisión Aberta… mesmo o referendo podería incluír un envite aos Franco pola Casa Cornide. Sucederá antes das eleccións municipais do próximo ano? Esa é, a día de hoxe, a pregunta que precisa contestación urxente.

A Comisión en Defensa do Común tamén se suma á reclamación da Casa Cornide