Asociación Veciñal Agra

Concentración veciñal en defensa do Parque da Agra este xoves diante do concello

A Asociación Veciñal Agra rexeita calquera proposta que edifique no Parque da Agra. O pleno desta semana abordará a modificación parcial do PXOM no polígono M22.

Concentración veciñal en defensa do Parque da Agra este xoves diante do concello
Parque do Observatorio
Parque do Observatorio.

A Asociación veciñal Agra reuniuse o 14 de febreiro co concelleiro de Urbanismo, que lles remitiu o 3 de marzo o plano de zonificación da modificación puntual do PXOM no ámbito do Parque do Agra así coma planos de zonificación do documento de aprobación definitiva do PXOM 2013 e do documento Borrador.

“Hai que fixarse moito para percibir a redución de edificabilidade”, comenta a presidenta da Asociación veciñal Agra, María Gutiérrez: “É evidente que non se trata ese espazo como parte dun barrio saturado de cemento. Inda que non edificasen vivenda ningunha, a zona verde sería moi pequena para o barrio da Agra, e sería a única, pois non hai máis espazo libre. Parece que en ningún momento se considera a posibilidade de non edificar.”

O barrio da Agra foi feito sen poñer couto á avaricia, en tempos de enorme afluencia de xentes que viñan á Coruña para os recén creados polígonos industriais. A realidade actual é diferente: hoxe non urxe acoller unha gran masa de poboación operaria; na cidade hai unha bolsa enorme de vivendas baleiras. Non hai necesidade de máis vivendas no barrio da Agra. Ademais, construír máis vivendas obriga a asfaltar novas rúas para darlles acceso.

É unha cuestión de vontade política facer un parque no noso barrio, e a corporación municipal gañaría puntos de bon facer, de atender unha vella e moi necesaria demanda veciñal dun dos barrios máis deshumanizados e densos da Europa. Mais sucédense corporación tras corporación que non dubidan en baleirar as arcas públicas para obrar na zona “nobre” da cidade ou para pagar indemnizacións millonarias sen esixir responsabilidades...

Somos 29.000 persoas en 4,23 quilómetros cadrados cunha única praza, a das Cunchiñas, que en 2013, sendo alcalde Carlos Negreira, ficou reducida e discontinua (como lograron xustificar un foxo para zona infantil de brinquedos?), por tanto, menos multifuncional (característica imprescindible cando se carece de espazos alternativos), sen árbores e sen posibilidade de telos no futuro por ter embaixo un aparcadoiro de pagamento.

Sobran razóns. Non podemos dar os parabéns a un proxecto só porque podería ser peor. Que non é un disparate o que propoñemos e que é posíbel. Lográmolo no pasado, cando impedimos que inzasen a rolda de Outeiro de pasos semellantes ao viaduto da Rolda de Nelle –que supuxo un estrago de cartos públicos para facelo e para derrubalo, amais de grave prexuízo para a calidade de vida da veciñanza nese cruzamento-.

Por iso convocamos unha concentración veciñal este xoves, 5 de marzo, ás 9:15 da mañá en María Pita, antes da reunión do pleno, para lle lembrar ao Pleno o deber primordial de servizo ao interese público e xeral.

Concentración veciñal en defensa do Parque da Agra este xoves diante do concello