Conferencia de Pilar García Negro

Descolonizando Rosalía

A profesora Pilar García Negro debuxa na Agra unha Rosalía de Castro pioneira da loita feminista a través dunha lectura fonda das cinco novelas da autora.
 
Descolonizando Rosalía
Iria Ares, Mejuto e García Negro, na Agra
Iria Ares, Mejuto e García Negro, na Agra.

[Artigo publicado na edición de EntreNós dixital o 23 de febreiro de 2017]

“É Rosalía unha chorona?”, preguntou desde a primeira fila o actor Xoán Carlos Mejuto, que minutos antes ofrecera unha lectura dramatizada da última escena de Casa de Bonecas, de Ibsen, a obra que interpreta estes días na Sala Gurugú, aquí na Agra, no único teatro de barrio no barrio, e na que non seguirá segundo tiña previsto. Ibsen, a Casa de Bonecas, a despedida de Nora, foron o prólogo á conferencia de Pilar García Negro o martes pola noite ante vinte persoas na cave da Asociación veciñal da Agra do Orzán, con frío, canos e unha firme vontade por parte do colectivo de veciñas de denunciar o machismo rampante desde alí abaixo cunha pancarta que presidirá o ano lila nun barrio sen teatros.

Resulta que García Negro empezou conectando a Ibsen e a aquelas bonecas rebeldes con Rosalía, porque recordou que a peza estreouse a finais de 1879 en Copenhague e a principios de 1880 en Oslo, o ano de Follas Novas, “unha obra pioneira na loita pola emancipación feminina”, segundo dixo a profesora. “Unha obra explosivamente boa”, incidiu.

García Negro alerta das dificultades de ler a Rosalía sen ter en conta o tempo no que escribiu e a súa tripla condición de muller, galega e literata (expresión tirada de La Regenta). A profesora advertiu dos lugares comúns na interpretación da condición da muller a mediados do século XIX. Interpretacións superficiais coma a que asina Alonso Montero: “Rosalía, como tantas mujeres españolas de 1957, debió de creer que sólo se alcanza la realización personal plena en el matrimonio; por otra parte, la extraña orfandad en que había vivido la empujaba a buscar compañía, amparo y ayuda”. Tal era o marco intelectual do común masculino no XIX, e continuaba sendo na colonia intelectual colonizada á altura de 1971. Por iso a pregunta segue sendo pertinente: É Rosalía unha chorona, muller débil, acovardada, submisa, como o país co que se identifica?

Mullerismo

“En 1859 Rosalía publica La hija del mar, unha novela na que se reclama dunha estirpe de mulleres, e nela está o olimpo feminino, Safo, George Sand. Hai unha vontade clara de pertenza a este universo”, sostén García Negro. Entre 1961 e 1881, Rosalía publicaría outras catro novelas máis: Flavio, Ruinas, El caballero de las botas azules e El primer loco. “En toda esta obra, a columna vertebral, o principio organizador é o seu mullerismo. Isto é, unha conciencia definida sobre o ser muller, sobre os dereitos cuestionados ou negados, sobre o papel da escritora e, a partir de aí, a solidariedade activa coa maioría social feminina, daquela as traballadoras do campo, do mar ou de ambos no noso país. Por primeira vez na literatura galega esta inmensa masa tivo a súa voz”.

Mellor tería sido atopar un revólver, unha baralla ou unha botella de augardente que poemas nas mans de Ana Ozores, láianse unhas personaxes de La Regenta. “Las musas no escriben, inspiran”, subliñou no texto García Negro. Ana Ozores, como a Marcela do Quijote ou as criadas da Celestina e mesmo a Celestina, explicou a profesora, forman parte daquela estirpe de mullerismo que por veces se manifesta abertamente, como no combate dialéctico de Mara, no Flavio de Rosalía, retada polo amigo: “Olvidad vuestro sexo si queréis cumplir vuestro destino”. A veces o mullerismo maniféstase pola inversión de roles, coma no poema do Xan, ou a través das pescudas do cabaleiro coas donas da alta sociedade en El caballero de las botas azules. Lonxe de asumir un destino e moito menos de idealizalo (o matrimonio: cando un busca un Xan/ case sempre atopa un Pedro), Rosalía, sostén García Negro, sempre mantivo “un feminismo radical comprometido coa maioría social, coas mulleres vítimas duplas da emigración polos que marchan e pola carga de traballo que lles queda”.

É Rosalía unha chorona? “Chorar non é malo, revela entre outras cousas a capacidade de compaixón, de estar co outro”, dixo Pilar García Negro. “Claro que Rosalía chora, mais non é unha chorona, que é un insulto e non por casualidade en feminino. Rosalía ten as súas razóns. Lembrade aqueles versos: eu podo dicirche:/non canta, que chora. E lembrade o que di naquel poema: Galicia ti non tes patria,/ ti vives no mundo soia,/ i a prole fecunda túa/ se espalla en errantes hordas… Nese mesmo poema Rosalía fai aquela declaración subversiva: Pobre Galicia, non debes/ chamarte nunca española/ que España de ti se olvida.

Chorar non é malo, e cando chora explosiva Rosalía é subversión. Mais inda non chega coa subversión das bonecas, “a equivalencia do masculino e do feminino é difícil, problemática”, conclúe García Negro alá abaixo no local das veciñas da Agra tinguido de lila, descolonizándose.

Descolonizando Rosalía