A esperanza de vida en Galicia, no nivel máis alto: 83,34 anos

Na cidade da Coruña a esperanza de vida ao nacer está por riba da media do país e sitúase en 83,43 anos: 86,25 é a media entre as mulleres, e 80,16 entre os homes. 
A esperanza de vida en Galicia, no nivel máis alto: 83,34 anos
Calle Barcelona
Imaxe da rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán.

As nenas e nenos nados no ano 2018 en Galicia teñen unha esperanza de vida media de 83,34 anos, a máis alta desde que existen rexistros, segundo informa o Instituto Galego de Estatística (IGE). Na distribución por provincias, a esperanza de vida na Coruña é de 82,96 anos. A media máis alta é a de Ourense, con 83,69 anos; e despois sitúanse Pontevedra, con 83,67, e Lugo, 83,25.

Mais no caso concreto da cidade da Coruña, a esperanza de vida ao nacer é de 83,43 anos: 86,25 na media das mulleres, e 80,16 na media dos homes. 

A esperanza de vida en Galicia aumentou en 0,22 anos a respecto do ano anterior (2017) e aumentou en dous anos en relación ás cifras de 2008. A esperanza segue a ser maior entre as mulleres, que alcanzan unha media de 86,4 anos, mentres que para os homes a media situouse nos 80,18 anos. Nun informe da OMS (Organización Mundial da Saúde) de 2016, España figuraba como un dos cinco estados do mundo cunha esperanza de vida máis alta xunto a Xapón, Suíza, Singapur e Australia.

O IGE informa ademais doutras dúas estatísticas que están a aumentar: a esperanza de vida aos 65 anos, é dicir, a media de anos que quedan por vivir a unha persona que chega a esa idade, alcanzou os 21,61 anos en 2018 (en 2017 era de 21,45); mentres que a esperanza de vida ao cumprir 80 anos pasou dos 10,04 anos aos 10,41 anos nese período.

No caso da cidade da Coruña, a media aos 65 anos é de 21,96 anos; e a media aos 80 e de 10,59 anos.

A esperanza de vida en Galicia, no nivel máis alto: 83,34 anos