EntreNós

Imprimir

Estamos preparadas?

Erik Dobaño | 11 de febrero de 2020

Armada, Seixo e Pollán, este martes na AAVV Agra do Orzán.
Armada, Seixo e Pollán, este martes na AAVV Agra do Orzán.
O parladoiro sobre a vida no barrio reúne no local da AAVV Agra do Orzán tres ducias de veciñas e veciños combatendo o frío social.

“Estamos preparadas para o que vén?”. A pregunta ficou no ar. O parladoiro ao redor do que significa o barrio, organizado este martes pola Asociación Veciñal Agra do Orzán, deixou máis preguntas no ar.

Periodicamente, a asociación propón un debate e veciñas e veciños acoden para espantar o frío social: a incomunicación e certa frustración por non saber como romper os muros. Falar do barrio axuda. Mais parece que hai tempo que ninguén espera outra cousa da conversa que matar un par de horas falando do que nos pasa.

O que nos pasa, sucede todos os días. Edificios altos que non deixan ver o ceo, beirarrúas estreitas e apertadas polos autos, prazas públicas clausuradas ou sen luz nin vida, árbores de compromiso cos pés nos sumidoiros… o que nos pasa é que pasan os anos e o barrio avellenta cando a nós.

“Estamos preparadas para o que vén?”, inquiriu unha das informantes chamadas para abrir o debate, María Luisa Pollán, de Equus Zebra, a ONG máis antiga do barrio, que naceu coa misión de integrar persoas en risco de exclusión social e por iso traballa especialmente con inmigrantes africanos. Pollán preguntaba por ese barrio que avellenta e que está habitado fundamentalmente por xente maior (xubilados) e inmigrantes. E o barrio é un entorno hostil para colectivos con necesidades moi precisas.

“Está o barrio preparado para as persoas maiores e para os inmigrantes?” Pregunta retórica. Se estabamos alí é porque non o está. “Temos que facer presión diante de quen decide”, propuxo a activista, e o moderador estivo de acordo e lembrou o éxito da peonalización da rúa Barcelona… hai 25 anos.

Constatada a impotencia, a xente púxose a falar dos inmigrantes, que son as primeiras vítimas da compaixón. Pode que os inmigrantes, a maioría, vivan en pisos-patera e gasten o diñeiro nos locais de apostas e acaben instalándose nun gueto. Mais a diferencia de nós, da maioría de nós, eles poden fuxir.

O barrio é invivíbel. Os poderes públicos non atenden a presión ningunha, a menos que teña a potencia para mover cadeiras no palacio municipal. E diso xa non queda porque a xente vai maior e xa nos acostumamos á dobre fila permanente, a que nos quiten as prazas e mesmo ás beirarrúas ocupadas con caralladas de todo tipo e que prometan un parque que nunca será. 

Pode que os inmigrantes, a maioría, vivan en pisos-patera e gasten o diñeiro nos locais de apostas e acaben instalándose nun gueto. Mais a diferencia de nós, da maioría de nós, eles poden fuxir.

Por iso parece que Ricardo Seixo, outro dos informantes, mestre xubilado e membro moi activo da asociación veciñal, ten máis razón que Carmen Armada, moza arquitecta e activista política, sobre onde hai que poñer o foco. Di Armada, que naceu na Agra, que non importa tanto o construído como o que alberga, que as cidades se constrúen e reconstrúen (despois dunha guerra, por exemplo) sobre experiencias, memorias e xentes que se identifican co lugar. Inda cre Armada na comunidade. Pero é que aquí se está a librar unha guerra todos os días, é o que pasa todos os días… Por iso Seixo parece apuntar mellor a unha das causas da incomunicación, da frustración e desde frío social que non se pasa dicindo que hai que botar man dos inmigrantes, coitadiños. Seixo sinala o espazo físico como a principal constrición da vida na Agra. 

Nun sitio coma este, abandonado e sen músculo comunitario, ou te piras, como procuran facer os inmigrantes, coitadiños, ou combates o frío social en reunións de veciñas e veciños nas que nunca se chega a conclusións demasiado comprometedoras. Carmen Armada apuntou unha vía para ilo levando: ‘Barrionalistas’, dos Chicos del Maíz, que di así: “El barrio, su gente, las miserias cotidianas/ A veces lo amas y otras lo detestas/ Repican las campanas/ Vamos a pegarle fuego a la casa de apuestas…

Estamos preparadas.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/xentes-da-agra/estamos-preparadas/20200211222105009057.html


© 2020 EntreNós