Familias de usuarias reclaman a normalización do réxime de vistas ás residencias

“Queremos ter contacto directo cos nosos, sen limites de días nin de tempo”
Familias de usuarias reclaman a normalización do réxime de vistas ás residencias
Manifestación de familiares de usuarias de residencias. Compostela. 2020
Manifestación de familiares de usuarias de residencias a finais do verán.

A recentemente constituída Federación Vellez e Dignidade reclama da Xunta de Galiza a normalización das visitas dos familiares ás residencias de maiores. Unha vez que os centros completaron a fase de vacinación e malia que coas cifras de onte no conxunto das residencias galegas hai 512 persoas, entre usuarias e traballadoras, infectadas pola covid e varios centros -Carballo, A Estrada, Sarria, Bande e Leiro, entre eles- presentan incidencias moi altas, as familias piden acceso máis flexíbel aos centros e reclámano nunha solicitude rexistrada telematicamente este luns diante da Xunta de Galiza.

As familias insisten, levan tempo chamando a atención sobre os efectos laterais das restricións impostas pola covid. “Non ten sentido demorar mais esta situación, agora que están vacinados, o tempo para moitos residentes acabase por cuestión de idade e demandamos o contacto directo cos nosos varios días á semana, se é preciso os familiares usaremos o EPI completo, ese que as residencias non dan as traballadoras”, indican no comunicado difundido este luns.

Vellez Digna, Faudema e ADUR, anunciaron ademais que federaranse a nivel galego para unir forzas na loita contra o abandono dos maiores e por un novo modelo de atención. Os colectivos de familiares, desligados de REDE por discrepancias co presidente daquela plataforma, acusan á Consellería de Política Social de “laxitude” no cumprimento do protocolo conxunto da Sanidade e de Política Social para o manexo da crise nas residencias, e recriminan ao departamento que dirixe Fabiola García de non ter investigado “cando menos os centros que tiveron maior numero de contaxios e mortes”.

As familias consideran que na fase actual da pandemia o réxime de visitas ás residencias ten ás veces interpretacións “arbitrarias e abusivas” e que as direccións “tratan a toda costa de manter lonxe aos familiares para que no vexan nin se queixen nin denuncien”

Vellez e Dignidade, a federación que agrupa agora o principal colectivo de familiares e que está representada no comité de espertos que a Xunta puxo en marcha para tratar o futuro das residencias, alerta de que nos centros “estase a producir unha forma de maltrato silenciosa que é o illamento dos residentes”, e lembran que en menos dun ano xa pasaron polo “estrito confinamento nas súas habitacións na primeira onda sen o persoal necesario para atendelos e acompañalos; ficaron sós e illados, sen saber que acontecía”. As familias consideran que na fase actual da pandemia o réxime de visitas ás residencias ten ás veces interpretacións “arbitrarias e abusivas” e que as direccións “tratan a toda costa de manter lonxe aos familiares para que no vexan nin se queixen nin denuncien”.

Ademais, as familias denuncian que segue haber residencias que “nin teñen todo o persoal, nin dan EPIs completos nin suficientes ás traballadoras nin formaron ao persoal nin melloraron a desinfección e a limpeza, e que nesas condicións é imposible tomar as medidas preventivas que garantan que de entrar o virus non se propague novamente de forma masiva”. “É intolerable que para Política Social siga sendo algo normal residencias con 70 contaxiados ou co 60% dos residentes infectados”, critican.

Diante desta situación, Vellez e Dignidade pide que sexa a administración de xustiza “a que realice, de oficio, unha investigación nas residencias con mais de 10 contaxios” e que se explique por que o numero de mortes e proporcionalmente maior nas residencias privadas que nas públicas.

Familias de usuarias reclaman a normalización do réxime de vistas ás residencias