Concedido polo Seminario Galego de Educación para a Paz

O Foro Galego de Inmigración recibiu o Premio Portapaz 2017

Foi 2016 ano especialmente duro especialmente para o colectivo dos migrantes forzosos, que escapan de guerras, da fame, da crise económica.

O Foro Galego de Inmigración recibiu o Premio Portapaz 2017
Portapaz_03
Portapaz_03

O Premio PortaPaz 2017 foi outorgado ó Foro Galego de Inmigración polo seu traballo constante en prol de converter que no mundo a migración sexa respectada como un Dereito Humano e acabar coa discriminación, o racismo e a xenofobia.

Un ano máis o Seminario Galego de Educación para a Paz quixo aproveitar o “Día Escolar da Paz e da Non violencia”, para agradecer e recoñecer a grande labor que no día a día persoas anónimas levan a cabo de xeito altruísta axudando a compartir uns valores e obxetivos que dende o seminario tratan de compartir coa sociedade e que forman parte dos principios fundacionais que lles fixeron comezar o seu traballo fai máis de 30 anos.

É precisamente por que saben da dificultade de este tipo de accións que queren aportar como cada ano o seu gran de area, un gran que supón un recoñecemento para aqueles que sen pediren nada a cambio loitan por un mundo mellor traballando por e para os demais. Queren que gran a gran, pouco a pouco, cambiemos a sociedade a mellor nunha cultura de paz e transmitindo os valores que emanan da Declaración Universal dos DD HH. 

No nome do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, o seu portavoz agradeció o recoñecemento con estas palabras: 

No nome do Foro Galego de Inmigración agradezo a concesión deste premio, que para nós ten moito valor simbólico,  ao Seminario Galego de  Educación para a Paz co que por certo vimos traballando e interrelacionado loitas  dende hai bastantes anos.

 

Loitas comúns e interrelacionadas que teñen que ver co noso obxectivo fundamental: a defensa dos dereitos das persoas migrantes na Galiza e no Conxunto do Estado Español.  Este premio serve para afianzar o noso continuado esforzo  de denuncia das violacións e incuprimentos dos dereitos destas persoas. Entre eles salientamos:

  • O dereito a seguridade das persoas migrantes. En primeiro lugar violentado de forma terrible cos valos, muros, murallas e a propia utilización dos mares como fronteiras infranqueables coas que estamos a provocar a morte directa de moitos miles de persoas. Logo,  seriamente comprometido por unha lexislación e una interpretación da mesma, que  considera as situacións de irregularidade administrativa das persoas migrantes (mesmo as que se producen, por  razón   simplemente do desemprego, en persoas e familias con moito tempo de residencia entre nós) como delictos e non como meras faltas administrativas. Isto provoca un tratamento destas persoas (homes, mulleres, nenos e nenas que só pretenden buscarse a vida de forma digna) como delincuentes coa aplicación inmediata de medidas: redadas racistas, internamento en Cies, deportacións, mesmo deportacións masivas e organizadas a través dos chamados  “voos da vergoña”. Estas actuacións, non son inocentes, pretenden inocular na poboación migrante residente o “medo” como estado habitual de vida e presentar diante do conxunto da sociedade a inmigración como un problema a resolver e non como una oportunidade para todas.
  • O dereito a sáude: Aquí urxe  a derogación do Decreto 14/2012, que rachou cunha sanidade pública universal e gratuita no Estado Español. Este decreto expulsou do acceso a sanidade pública como dereito a máis de 800.000 persoas no Conxunto do Estado e alomenos 9.000 na Galiza.
  • O dereito á igualdade de acceso ás prestacións e axudas sociais. Nomeadamente aquí en Galicia no tema da RISGA, que debería reformarse para incluír ás persoas residentes en situación de irregularidade administrativa, que cumpran os mesmos requisitos que o resto de cidad@s. Este dereito debería obrigar tamén ás administracións a establecer servizos públicos específicos e especializados de atención a este colectivo, que inclúan tamén a vixiancia e denuncia pública e xurídica das actuacións racistas que cometan as diferentes administracións públicas ou calquera outra persoa ou grupo da sociedade civil.
  • O dereito ao traballo digno e a loita contra a explotación laboral. A poboación migrante de Galicia traballa de forma fundamental en sectores moi precarizados e de baixa cualificación. Compre pola Administración Autonómica vixiar a non discriminación nas condicións laborais destas persoas traballadoras, que dispoñen da correspondente autorización administrativa. Compre tamén  a loita contra a explotación laboral no ámbito da contratación irregular. Neste sentido, hai sectores como o emprego doméstico onde se deben extremar as precaucións e os recursos contra a explotación laboral deste colectivo. Ademáis do emprego doméstico, outro ámbito de especial sensibilidade é a venda ambulante en xeral e de forma específica o que se coñece como top mantaNeste caso unha lexislación autonómica debe garantir os dereitos destas persoas traballadoras á venda ambulante en igualdade de condicións. Compriría habilitar espazos de venda consensuados co colectivo e espazos de participación con colectivos veciñais e outros respecto a esta cuestión.  Outro ámbito que incluímos neste apartado é a loita contra explotación laboral e sexual de mulleres ( a inmensa maioría), pero tamén de homes inmigrantes, con dispositivos por parte das administracións , que permitan a estas persoas recursos habitacionais e ingresos mínimos suficientes para elas e as súas familias, mentres se tramitan as denucias xudiciais.
  • O dereito a participación cidadá en condicións de igualdade. Resulta incrible que as persoas residentes no Estado Español e na Galiza non teñan recoñecido aínda o seu dereito a participar, sin restriccións nas diferentes convocatorias electorais (estatais, autonómicas ou locais) que establece o noso ordenamento xurídico. É un atranco enorme para conquerir a igualdade real dos dereitos das persoas migrantes.
  • Por último o dereito ao refuxio e asilo político gravemente comprometido como sabemos neste momento no Conxunto da Unión Europea, e polo que tamén traballamos e loitamos  últimamente no Foro

Para ir rematando, recordar, que outro dos nosos grandes obxectivos e promover unha Sociedade Intercultural na que todas teñamos efectivamente  os mesmos dereitos e obrigas., e de novo agradecer este recoñecemento do Seminario Galego de Educación para a Paz, que servirá para impulsar as nosas loitas comúns e interrelacionadas, que compartimos tamén con outros grupos e colectivos aos que dalgunha maneira  tamén recoñece este premio. 

 

Moitas Grazas. 

O Foro Galego de Inmigración recibiu o Premio Portapaz 2017