Violencia machista

O goberno local pon en marcha a segunda fase do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas

A Concellería de Igualdade abre a licitación, por valor de 126.132 euros, do contrato para o deseño de actuacións, que inclúen a elaboración dun proceso de acompañamento, deseño de follas de ruta, formación a entidades ou a creación do distintivo que recoñecerá os espazos libres de violencias machistas na Coruña

O goberno local pon en marcha a segunda fase do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas
Violencias machista
Tecendo convivencia en igualdade

A Concellería de Igualdade e Diversidade dá un novo paso de cara a avanzar no obxectivo do goberno local de acadar unha Cidade Libre de Violencias Machistas. A área que dirixe Rocío Fraga vén de publicar no Perfil de Contratante a licitación do conxunto de actividades e programación que permitirá a implantación, o ano que vén, do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, o compromiso consensuado coa veciñanza para traballar na creación dunha estratexia municipal de prevención e intervención fronte as violencias machistas.

Tal e como apunta a edil, nesta segunda fase do proceso de dinamización cidadá, posto en marcha polo executivo local en novembro de 2016, o Concello pretende “afondar no fomento do trato respectuoso e incluínte” a través do traballo directo “con tres ámbitos de especial incidencia na cidade”, como son a hostalería e os locais de ocio nocturno, os medios de comunicación e o tecido asociativo do ámbito sociosanitario. “O impulso e aplicación de cambios reais e efectivos pasa por contar cunha cidadanía concienciada e proactiva. Para isto cómpre ter en consideración a grupos clave que impliquen especial afluencia de público, conten cunha importante responsabilidade social á hora de concienciar e previr comportamento indesexados ou teñan un papel activo no desenvolvemento e acompañamento veciñal”, sinala Fraga.

De cara a esta nova fase do proceso a Concellería de Igualdade pretende desenvolver os acordos que se recollen no documento do Pacto Social, presentado en maio de 2017, e que abranguen a necesidade de poñer en marcha no termo municipal unha formación específica así como apoio técnico para poder poñer en marcha accións e condutas concretas para prever e erradicar calquera forma de violencia machista. O texto, que se pode consultar na páxina web www.coruna.gal/igualdade, apunta tamén ao lanzamento de campañas específicas na loita contra as violencias, entre outras propostas. “O Pacto vai alén das palabras e quere ser unha ferramenta útil no camiño cara a outros modelos de convivencia máis igualitarios e máis xustos, e que recollan o respecto á diversidade e pluralidade da nosa cidade”, especifica Rocío Fraga.

A aplicación da segunda fase do Pacto Social, que se desenvolverá ao longo de 18 meses, incluirá a mobilización das adhesións ao pacto así como dinamizar a posibilidade de aumentalas tendo como referencia os grupos clave --medios de comunicación, hostalería, locais de ocio nocturno e tecido asociativo--. O Concello establecerá follas de ruta para cada un dos ámbitos e asesorará tecnicamente para a súa implementación, ademais de elaborar unha proposta de bolsas de accións concretas vinculadas á detección e actuación fronte ás violencias machistas que poidan ser de interese para á cidadanía en xeral.

Entre as principais novidades desta nova etapa situarase o deseño e produción de novos materiais, como a creación dun distintivo xenérico do Pacto Social que dea conta das adhesións ao mesmo, así como dun material específico que recoñeza á entidade como un Espazo libre de violencias machistas, que se entregará a todas aquelas que realicen a totalidade, ou unha parte significativa cando menos, das medidas recollidas nas follas de ruta. “Esta simboloxía visibilizará, publicamente, o traballo e o compromiso real pola igualdade e fronte ás condutas machistas por parte da entidade”, apunta Fraga, quen destaca a elaboración dunha nova cartografía da cidade “que sitúe nun mapa as empresas que se recoñecen polo seu respecto á igualdade e que actúan contra as violencias machistas”. Este mapa, tal e como apunta a responsable municipal, tamén funcionará como unha base sobre a que a Concellaría de Igualdade, por medio da implicación cidadá, poida facer un seguimento daquelas entidades ou espazos que manteñan no tempo este compromiso por unha cidade libre de violencias machistas.

Formación e puntos de información

Na segunda fase do Pacto Social por unha cidade libre de violencias machistas, o goberno local desenvolverá tamén unha formación presencial e online específica sobre igualdade, dirixida a empresas e entidades e á poboación en xeral, e que incluirá tanto un curso básico de igualdade e prevención das violencias machistas, como accións formativas especializadas en función do sector ao que se dirixe. Esta iniciativa virá acompañada pola creación de material informativo específico e un conxunto de guías que darán forma ao I Protocolo Municipal de Actuación fronte ás violencias machistas. Todos estes materiais estarán dispoñibles para a veciñanza en formato físico e tamén para a súa descarga a través do portal web do Concello, nun novo espazo virtual no que se dará conta de todas as actuacións vinculadas ao desenvolvemento do Pacto.

Ademais, estableceranse puntos de información sobre o Pacto así como sobre o contido dos materiais elaborados. Estes espazos, que contarán con dúas profesionais e que se establecerán nun mínimo de seis ocasións ao longo do ano, ofrecerán á veciñanza, con carácter xeral, información sobre dereitos e formas de actuar fronte a unha situación de violencia machista, ademais do acompañamento a rapazas e mulleres vítimas de violencias sexuais.

Para o desenvolvemento destas actuacións, cuxo prazo de presentación de ofertas rematará o mércores 31 de outubro, o Concello investirá un total de 126.132,25 euros. De cara á execución técnica do servizo, a empresa adxudicataria deberá contar, cando menos, con dúas persoas dinamizadoras formadas en xénero --con especial fincapé na violencia machista--. Entre os criterios que se terán presentes estarán a formación ou experiencia acreditada en accións relacionadas coas persoas LGTBQI, así como en procesos participativos ou de dinamización grupal.

O goberno local pon en marcha a segunda fase do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas