CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 2

Hat trick

Niso ía matinado a xente mentres baleiraba Riazor. Dilucidando que diaños quer dicir que o mesmo día Arsenio anota un hat trick bebetiano o seu sucesor, FV, aparece cunha chistera e no canto dun coello, saca un tigre e empeza a sumar de 3 en 3: tres goles, seis puntos, unha luz.
Koné, diante do Racing na 23ª xornada de liga 2019-20
Javier Otero, de SomosDepor.com.
Koné, durante o partido de onte en Riazor. Abaixo, Çolak á carreira despois de anotar o segundo gol. Fotos: Javier Otero (somosdepor.com) e RCD da Coruña.

O día que Arsenio Iglesias foi nomeado fillo predilecto da Coruña nun pleno municipal que ademais acordou concederlle unha rúa e o nome dos campos da Torre, chovía moito e o Zorro de Arteixo, que xa vai maior e nunca foi moi amigo das festas, agradeceu a honra a través dun comunicado no que se felicitaba por un hat trick “como aqueles que facía Bebetiño, acordádesvos?”.

Ese día había partido en Riazor e a chuvieira cesou xusto antes do solpor. Despois, no estadio, durante hora e media case vinte mil almas padeceron emocións que se sucedían á velocidade dun raio: contento, noxo, enfado, abatemento, piedade, consolo, esperanza, entusiasmo, éxtase, ira, medo, pánico, enteireza, ledicia, tenrura… Foi un deses partidos que os deuses se reservan de cando e cando, que non resolveu nada pero que agocha presaxios.

“Han acabar con nós!”, suspiraba unha muller na grada de fondo entre os mortais que saben que a vida e o fútbol son o mesmo aínda que nunca se mesturan. Intuía que aquilo era cousa dos deuses gozando na congoxa dos mortais. Deuses enredando cos dados e coas coincidencias para anunciar glorias ou desventuras. Presaxios…

O Dépor é outro

O Dépor é outro. Con esa constatación comeza a crónica futbolística dunha tarde excitante. Despois de 12 xornadas como colista, onte conseguiu endosar ese posto ao Racing nun partido que os locais comezaron cunha determinación que non se viu antes esta tempada en Riazor. O Dépor é outro, entre outras cousas, porque Fernando Vázquez dispón dun nove que empezou marcando. E porque desprega unha defensa de cinco homes para que os centrais se protexesen entre eles e os laterais atacasen. Para que o equipo colla o fío dos partidos desde atrás. A orde, que pregoaba Arsenio. Orde previa ao talento… se aparece.

Mais o plan defensivo fallou porque os centrais aínda tremen, os laterais apenas se atreven e os pivotes defensivos recuaron tanto que aos 14 minutos o Dépor encaixou un gol. Nos minutos seguintes a afección sostivo o equipo. O Dépor nin tiña o balón nin ía buscalo a campo contrario, mesmo empezaba a perder a orde precaria. 

Fernando Vázquez entendeu que o equipo non se ía sobrepoñer por si mesmo e decidiu intervir de maneira drástica. Retirou un central (Montero) e incluíu un axitador (Çolak). Xusto despois, Sabin empatou e Çolak, facendo combinar aos mediocampistas, aproveitou a tregua para ter dominando ao Racing antes do descanso.      

A segunda parte tivo dous actos: dez minutos nos que Çolak entregou a vitoria ao Dépor e media hora de agónica defensa local en inferioridade. Neses dez minutos Çolak desactivou o principal perigo rival, Abdoul Karim Yoda, nun amago de pelexa nos que ambos saíron con tarxeta. O francés perdeu o norte e desapareceu do xogo. O turco creceuse e anotou o mellor gol do Dépor esta tempada: unha triangulación en banda, pausa, aceleración, regate e disparo cruzado en carreira. “É un futbolista doutra categoría”, dixo o adestrador despois. Mais nese intre esqueceu a tarxeta anterior e foi expulsado por celebrar o tanto cos seareiros…

Con dez empezou a agonía. O equipo sentiu o alento da grada. Xa non había lugar para tremores e os dez que quedaban no campo foron crecendo nun traballo de galeras. Gaku, Mujaid e Aketxe mostraron un punto máis de decisión. Apareceu Bergantiños para manter o compromiso de todos. O Racing, a verdade, no fixo moito. Pero despois de vinte minutos de disparos frouxos, acertou con dous envelenados que despexou Giménez, o último en reivindicarse.

Malo ou dramático?

Foi un partido malo e foi un partido espectacular. Houbo pouco fútbol e moito fútbol. Foi un partido aburrido e foi vizoso. Pregúntenlle ao público. Todas dirán o mesmo. E por que? Porque gañamos.

Logo: o Dépor está vivo, a afección está viva. “Prendeu a mecha, podemos”, falou pola radio Fernando Vázquez.

Hai equipo?  

As cousas, palabra de Antic, empezan sempre por un porteiro e un nove. O primeiro andamio do equipo está posto. O partido arrancou en Sabin e rematou en Giménez. E polo medio apareceu Çolak, un elixido. Toleou e fixo tolear e marchou cedo, o sino dos elixidos. 

Que sistema?  

662x372a_1621505520200116_cronicawebFernando Vázquez exhibiu repertorio. Cando menos, tres solucións improvisadas. A improvisación de inicio: os cinco defensas e Nolaskoain e Gaku nos pivotes. A da reacción á media hora: un 4-4-1 + Çolak “liberado”. E a posterior á expulsión, con Bergantiños ordenando a liña de mediocampistas. 

En diferente medida, as tres solucións funcionaron. De saída o Dépor sentiuse sólido, e cosido ás botas de Aketxe no balón parado demostrou ter un plan para gañar. Achicouse co paso dos minutos e por iso recibiu un gol. A balón parado conseguiu o empate, xusto antes do cambio de debuxo. 

Cunha defensa de catro e Çolak intervindo no entre-xogo, o Dépor avanzou un fútbol de ataque. Posibelmente, ese debuxo é do que gusta FV. Mais precisa que os xogadores recuperen confianza. 

Despois do 2-1 e a expulsión, o recurso a Bergantiños, con bagaxe e ascendente sobre o equipo, anuncia un novo rol para o capitán. Bergantiños é a chave para manter comprometido todo o grupo dentro e fóra do campo.

(Nota: Non se censura a improvisación, só se sinala como unha circunstancia máis.) 

Çolak?  

Çolak tería sido o heroe de non mediar a expulsión. O turco é un disparo ao ar. Pero non se ve outro capaz de axitar o equipo. Ofrecerá algunha tarde gloriosa e algunha outra desventurada. O sino dos elixidos. FV sabe que calquera equipo na situación do Dépor precisa ese tipo de xogador.

Niso ía matinado a xente mentres baleiraba Riazor. Procurando un significado. Dilucidando que diaños quer dicir que o mesmo día Arsenio anota un hat trick bebetiano o seu sucesor, FV, aparece cunha chistera e no canto dun coello, saca un tigre e empeza a sumar de 3 en 3: tres goles, seis puntos, unha luz. “Sufrimos, cremos, podemos”, estaba dicindo pola radio a esa hora o porteiro Giménez. Hat trick.

A xente tamén cre. Pero anda confundida. Normal.

Os xaponeses [Gaku saberá] teñen unha estratexia para limitar a incerteza cando os deuses se poñen a xogar cos dados. “Golpear a pelota sen mirar o burato”. Din que é o segredo no golf para controlar a angustia. O que pasou non conta, o que esta por vir aínda non chegou. Unha guía de vida. Fai as cousas dunha en unha. 
 

A ficha do partido

#ResisteDéporResiste