CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 12

Hostia

O Dépor esborrállase en Almería cunha defensa superada en cada empurrón do rival nun partido que deixa problemas que Fernando Vázquez deberá resolver nunha semana. 
 
Hostia 1
Os xogadores, ao final do partido. @RCDeportivo

Non temos moito que contarmos hoxe, non si?

Escribimos, tristes: “Pumba! Caemos, vaia golpe…” Dicimos: “hostiaaa!...” (e para dentro, un reproche): “hooostia”.

De súpeto, o Dépor esfarelouse en Almería, a mil quilómetros da casa, a mil quilómetros do equipo que foi crecendo nos últimos dous meses desde a defensa…

Pumba!

A defensa cedeu ao primeiro empurrón do Almería (cederon Peru e Montero diante do nove visitante que pelexou o balón con toda a determinación que se precisa na área), cedeu tamén no segundo (un buraco polo centro que Peru non tivo vigor para tapar), cedeu no terceiro envite porque Uche nunca tivo folgos para chegar en axuda e esa vez tampouco chegou, e cedeu case o final porque nin Montero ni Uche nin Peru nin case ningún seguían xa no partido aínda que estiveran sobre o campo.

Pumba!

De súpeto, todo o discurso sobre o que Fernando Vázquez construíra esta remontada improbábel derrubouse.    

O partido durou 30 minutos, o tempo que lle levou ao Almería instalarse cun cómodo 2-0 e comprobar que o Dépor defendía mal e non parecía poder corrixir os erros. 

Bergantiños, sempre baixo o foco dun sector de Riazor, deixou paso a Uche no once inicial. Foi a única peza que tocou FV no equipo respecto aos dous partidos anteriores. Pódese intuír que buscaba? Certo é que non o topou. A partir de Uche, o equipo foi un castelo de naipes. Quen máis o sufriu foi a parella de centrais encargada de pechar o lado esquerdo (Peru e Montero).

Así que a cousa foi, máis ou menos, como se tivera caído unha bomba nesa parte da estrutura do equipo que por aí se esfarelou todo, nun enorme burato. 

Peru pareceu incómodo e sen a atención debida e ningunha contundencia. Stuani e Luis Suárez xa fixeran del un pandeiro, mais en accións puntuais. Onte sufriu todo o partido. Tamén Montero. Tamén Uche, nos seus primeiros noventa minutos completos. Sobráronlle máis da metade. Está fóra de forma. Así que a cousa foi, máis ou menos, como se tivera caído unha bomba nesa parte da estrutura do equipo e por aí se veu todo abaixo, tragado por ese enorme burato.

Gaku intentou multiplicarse. Aketxe e Çolak volveron sacrificarse. Merino correu coma sempre sen recibir un só balón en condicións. Salvo as penetracións de Mollejo, moi incisivo, e os intentos sen concretar de Hugo (substituto de Eneko, lesionado moi cedo), o Dépor foi incapaz de ameazar en serio ao Almería.

Malia a todo, o Dépor parecía máis equipo co que dicía o resultado. FV tiña que mover a cousa no vestiario...

Pero Merino resentiuse da súa lesión e o técnico foi prudente. A tarde xa viña torta e non era cuestión de complicala máis. Beauvue saíu polo dianteiro vasco e FV ordenou adiantar a presión a campo contrario. O Dépor quixo, pero non puido.

Un mal pase de Hugo cara o centro colleu a Uche e os tres centrais de saída. En tres toques o Almería púxose na área. Giménez desviou o primeiro disparo, o poste devolveu o balón cara un enorme burato e apareceu implacábel Juan Muñoz. Daquela Montero quedara no chan; Peru, baixo a liña de gol; e Uche, canso, mirando. 

Pumba! 

Era o minuto 53 de partido e quedaban case corenta de tortura por diante. Até Mollejo pareceu baixar os brazos. O equipo amarrouse a Koné, Aketxe, Hugo e Gaku, que non desistiron. Botaron de menos a Çolak, o socio imprescindíbel para o entrexogo. O turco traballa como nunca se lle viu traballar, pero estivo desacertado co balón. E, sen pasadores, os goleadores están secos. Todo mal, coma un castelo de naipes. Nunca se sabe cando colocar a última carta. Se o tocas, o mesmo se vén todo abaixo. Sucedeu en Almería.

Non paga a pena seguir dándolle máis voltas. Todo o demais foi unha tortura, no ataque (sen acerto) e na defensa (sen contundencia).

Toca empezar de novo desde a posición de descenso na clasificación. Mirar cara adiante. Levantarse para volver caer, cataplún!, levantarse… (xa o advertimos nos primeiros capítulos desta crónica: é un partido longo, farase longo, é a historia do Dépor).

Restan once partidos (33 puntos): o Dépor precisa gañar cinco (15). Sabe como facelo, mais sabe que custará esquecer e reconstruírse rápido. Volver a casa desde tan lonxe. A mil quilómetros de distancia de si mesmo. FV deberá topar as palabras para indicar o camiño. El ten a palabra.


A ficha do partido
 

#ResisteDéporResiste