Eleccións municipais | BNG

Jorquera comprométese a dinamizar os centro sociais e completar o ‘corredor verde’ en Novo Mesoiro

O candidato nacionalista tamén coñeceu a iniciativa da Escola A Caracola e produtores locais e apoiará que o futuro colexio conte con cociña propia que mellore a alimentación do alumnado cunha base de produtos frescos.

Jorquera comprométese a dinamizar os centro sociais e completar o ‘corredor verde’ en Novo Mesoiro
aNOV3
Jorquera no Novo Mesoiro

A Coruña, 15 de abril.- Novo Mesoiro é un barrio peculiar pola súa separación da cidade e a composición da poboación, con franxas de idade moito máis baixas que a media da Coruña. Novo Mesoiro ten problemas semellantes ao resto do barrios (carencias en transporte e mantemento de espazos verdes), tamén problemas en canto a falta dunha comunicación seria e fluída co goberno municipal, segundo denuncian as veciñas reunidas este luns con Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, e Avia Veira, a número 2 da lista. Pero tamén achega solucións novidosas: como a proposta alimenticia en marcha na Escola Infantil A Caracola, que empezou a funcionar hai uns anos despois de que os responsábeis do centro se interesaran pola formación en seguridade alimentaria e consumo responsábel que ofrecía o GDR das Mariñas Betanzos e entraran en contacto con produtores locais. Agora queren ampliar a iniciativa ao futuro colexio, pero a Xunta négase e di que cátering e nada de cociña. Así sucede na maioría dos 25 colexios públicos da área municipal.

Jorquera coñeceu a iniciativa de mans dunha das responsábeis da Caracola e apoiará que o futuro colexio conte con cociña propia que mellore a alimentación do alumnado cunha base de produtos frescos. “É un proxecto interesantísimo, que se asenta na colaboración de docentes, de familias e produtores agrarios, que aposta por mellorar a calidade alimentaría nos colexios con produtos de proximidade e axuda a fomentar tanto a actividade agraria como un consumo ecolóxico. É un proxecto que desde o Concello hai que apoiar e impulsar”.

Entre os problemas do barrio que teñen que ver co mantemento de espazos verdes, durante a visita, as directivas da AAVV e outras veciñas chamaron a atención respecto do estado do chamado ‘corredor verde’, un espazo entre mazás de edificios na parte alta de Novo Mesoiro que empezara a acondicionarse no anterior mandato grazas á presión veciñal, pero que o actual goberno deixou parado. Jorquera comprometeuse a impulsar esta actuación municipal. “É imprescindíbel completar este corredor, a segunda fase está sen executar e a zona, nestes momentos, está nun estado lamentábel e mesmo é un foco de infeccións que non se pode permitir nunha cidade como A Coruña”, manifestou o nacionalista.

Francisco Jorquera tamén se comprometeu a “escoitar e falar cantas veces sexa preciso” coas veciñas e veciños, que se queixan do desinterese do goberno actual por atendelos, e recolleu a súas demandas, entre as que subliñou: “a necesidade de mellorar as conexións de transporte público cos centros hospitalarios, e mellorar os equipamentos, porque o Centro Cívico é insuficiente e os espazos TEUS deben completar a oferta e ter unha actividade permanente.”

As veciñas seguen reclamando facilidade para utilizar o pavillón de deportes, como alternativa a falta de espazo para actividades no Centro Cívico, e teiman na reclamación dun instituto de ensino medio para o barrio, que a Xunta tampouco atende alegando que só se habilitan no rural. E Novo Mesoiro, con 3.900 vivendas e uns 8.000 veciños, unha illa lonxe da cidade, reivindica que empecen a consideralo un barrio con necesidades e oportunidades que teñen que ver co rural. 

Jorquera comprométese a dinamizar os centro sociais e completar o ‘corredor verde’ en Novo Mesoiro