Eleccións municipais | Marea Atlántica

A Marea dotará a Agra de espazos verdes e para a veciñanza coa apertura do Parque do Observatorio e a reurbanización de Liaño Flores

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, mantivo un encontro coa veciñanza nas Conchiñas, praza que tamén será reformada no vindeiro mandato, ampliando o parque infantil

A Marea dotará a Agra de espazos verdes e para a veciñanza coa apertura do Parque do Observatorio e a reurbanización de Liaño Flores
MA mitin Agra 02
Xulio Ferreiro no mitin na Agra do Orzán

A Coruña, 14 de maio de 2019.- O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, esitvo onte na praza das Conchiñas, nun mitin da Marea Atlántica no que tamén participou a concelleira de Xustiza Social e número 4 da lista que se presenta ás eleccións municipais do 26 de maio, Silvia Cameán. O rexedor fixo repaso das actuacións levadas a cabo na zona nestes catro anos e dos proxectos que se desenvolverán ao longo do segundo mandato, todos centrados na consecución dunha cidade máis xusta, máis sostible e máis accesible. “No vindeiro mandato comprometémonos, como agora, a seguir coidando do espazo común. Será o goberno local da Marea o que abra o Parque do Observatorio, un espazo para a veciñanza co que dotaremos a Agra da importante superficie verde que precisa. Ao fío, tamén converteremos o edificio do Observatorio Meteorolóxico nun equipamento para a cidadanía deste barrio”, indica o primeiro edil.

O programa de goberno da Marea Atlántica tamén prevé que nos primeiros meses do novo mandato se acometa a reurbanización da rúa Liaño Flores, na que se ampliarán beirarrúas, se crearán espazos de estancia e se favorecerá a vexetalización da contorna, dando maior seguridade e accesibilidade aos percorridos até os centros escolares da contorna e o Ágora. “Tamén remodelaremos a praza das Conchiñas, un proxecto que xa temos preparado e que vai supor a ampliación da área de xogos un barrio que medra en xente nova e que vai contar con zonas de sombra, para que o dereito a xogar non sexa só para os días nos que non chove”, apuntou.

Outra das actuacións que levará a cabo o goberno da Marea Atlántica e que o alcalde repasará esta tarde supón a demolición do viaduto da Rolda de Nelle. “É curioso que os grupos da oposición insistan en que durante estes catro anos non pasou nada. A realidade é que a Marea Atlántica foi o goberno das primeiras veces. Moitísimo se ten falado, en 20 anos, da necesidade de derrubar esta construción, pero ninguén o fixo realidade, agás nós”, evidencia Xulio. O proxecto de derrubo conleva, ademais, unha intervención na contorna, que vai contar con máis presenza de arborado e vexetais e que terá un carril bici. “Nesa aposta por unha mobilidade que respecte e dea espazo ao peón destaca tamén o noso proxecto para impulsar unha ruta a pé entre As Conchiñas e o parque de Santa Margarita que pase pola avenida da Gramela”, apunta.

O programa de goberno de Xulio Ferreiro tamén contempla ampliar a oferta no centro municipal do Ágora, que acollerá a sede estable do Laboratorio Cidadán (Co-lab), un punto de atención permanente para as entidades veciñais da cidade, no que poderán asesorarse para o desenvolvemento de proxectos, unha das tres Xanelas Únicas de rexistro municipal que se habilitarán na cidade e unha das sedes da nova Rede de Información Xuvenil.

A herdanza dos bos xestores: 25 millóns en indemnizacións

“Ao longo destes catro anos tivemos que adicar moitos esforzos a impedir que a herdanza urbanística daqueles que se queren erixir como bos xestores estivo a piques de causar a quebra das arcas municipais. Evitamos ter que acometer o derrubo do edificio Conde de Fenosa, poñendo fin a un litixio de décadas iniciado no vazquismo que podería ter costado á cidadanía 60 millóns de euros. Tamén logramos reducir a edificabilidade que o PXOM permitía levar a cabo no futuro Parque do Observatorio, que tería suposto un auténtico pelotazo urbanístico nun lugar xa especialmente denso e que adoece de zonas verdes”, comenta Xulio, que indica que “a gran problemática de ter que solucionar os problemas do pasado é que non sempre se pode chegar até onde un querería”.

Ao fío disto, o alcalde recordou, no debate que mantivo esta mañá na Radio Galega con candidatos e candidatas á Alcaldía da Coruña que as desfeitas urbanísticas cometidas polos anteriores gobernos municipais custáronlle a veciñanza da cidade, 25 millóns de euros nos últimos catro anos, como consecuencia de varias resolucións xudiciais. Unha factura que supera, en conxunto os 40 millóns de euros.

Entre 2015 e principios de 2019, o goberno municipal tivo que asumir o pago de algo máis de 8 millóns de euros en concepto, na súa gran maioría, levadas a cabo polos executivos anteriores. A esta cifra haberá que sumarlle agora o pago de 3 millóns de euros para evitar o derrubo do edificio Conde de Fenosa —que tería suposto a bancarrota para as arcas municipais—, ademais dos case 14 millóns de euros que aínda ten que aboar o Concello en concepto de indemnizacións polos procesos de expropiación levados a cabo polo executivo socialista no Castro de Elviña a comezos da década do 2000. En total, case 25 millóns de euros, os mesmos que, por contra, o goberno da Marea Atlántica logrou captar este mandato en fondos europeos para políticas públicas.

Silvia Cameán intervindo no mitin de Marea Atlántica na praza das Conchiñas

Xustiza Social

O alcalde tamén recordará na Agra as políticas implementadas pola Marea Atlántica que levaron a que A Coruña se convertese na cidade de Galicia que máis inviste en gasto social. “Este foi o goberno que puxo en marcha a Renda Social Municipal, o programa Housing First para buscar alternativas habitacionais. Este tamén será o goberno que, no vindeiro mandato, elimine a lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar e que amplíe a atención aos maiores e dependentes con servizos como unha lavandería municipal a domicilio”, comenta.

Nesta liña, a concelleira e número 4 da lista, Silvia Cameán, afirmou que o Goberno da Marea Atlántica “quere seguir facendo máis, porque gobernar é dar solucións”. “Queremos que as prazas nas escolas infantís sexan completamente gratuítas, queremos aumentar nun 20% a inversión en políticas sociais, queremos ampliar a Renda Social Municipal, queremos abrir a Casa das Mulleres Marcela e Elisa, e seguir facendo máis políticas feministas, queremos que as persoas maiores da nosa cidade non se sintan solas, queremos abrir dúas escolas infantís máis e combinar unha cun centro de día para as persoas maiores. Queremos máis”, proclama Cameán, que pechou as súas palabras lembrando que “loitar contra as desigualdades implica a defensa dos dereitos sociais e da dignidade e é, ademais, unha obriga dos gobernos decentes”.

A Marea dotará a Agra de espazos verdes e para a veciñanza coa apertura do Parque do Observatorio e a reurbanización de Liaño Flores