EntreNós

Imprimir

Na encrucillada

Estévez Piñeiro | 24 de febrero de 2020

Hugo Vallejo, na segunda parte diante do Zaragoza. Fotos: RCD.
Hugo Vallejo, na segunda parte diante do Zaragoza. Fotos: RCD.
O Dépor perde en La Romareda diante dun Zaragoza de fútbol aseado que puxo en evidencia algunhas das limitacións do equipo de Fernando Vázquez. Os branquiazuis volven pisar terra: o domingo, contra o Lugo, regresan as urxencias.

Ninguén pode fuxir da estatística, implacábel. Chegou a derrota despois dun empate. O Dépor volve pisar terra. E vaise fartar de aquí o remate da Liga. A carreira é pola permanencia. Despois de dúas xornadas medíndose con rivais e soños de altura -probabelmente os dous mellores equipos da categoría hoxe en día: Girona e Zaragoza-, Fernando Vázquez bota contas e lembra: restan 13 partidos, precisamos 6 vitorias... pode que alcance con 5.

Explicar a derrota obriga a resaltar os erros propios e tirar unha autocrítica severa. A derrota é como a cara B do fútbol. Pasa na vida. Aínda que para a maioría a cara A da vida é como esa cara da Lúa sempre oculta... No fútbol a derrota é circunstancial, doe, pero menos, e se esquece antes.

Mais hai que explicala. 

Unha explicación está na estatística. Ninguén gaña seguido. Oito partidos na segunda volta, seis vitorias, un empate, unha derrota; 19 puntos sobre 24. Toca volver gañar. 

A estatística, explicou o técnico a semana pasada na TVG, informa de que defender as faltas e saques de esquina moi próximo á portería ten rédito: encaixas menos. Pero tamén encaixas, claro. Aconteceu onte. Os rivais estudan o Dépor porque non é un equipo menor e hai que prepararse para meterlle man a esa defensa.

Outra explicación está en sinalar as propias limitacións. Conceptos tácticos. O Dépor, dixo FV ao final, defendeuse ben do Zaragoza no xogo dinámico, mais non defendeu tan ben a balón parado. Se os triunfos anteriores se explicaban desde a defensa; o empate diante do Girona e a derrota de onte en La Romareda, tamén. 

Os rivais estudan o Dépor porque non é un equipo menor e hai que prepararse para meterlle man a esa defensa.

Explicar a derrota é doloroso. Fallou Dani Giménez no primeiro gol encaixado; fallou Mujaid, porque perdeu unha das poucas disputas que adoita perder, no segundo gol; fallou Peru no terceiro gol; e antes fallou Gaku na acción da súa expulsión. Equivocouse FV ao protexer a Mollejo no canto de Gaku, ou simplemente por pensar que debe protexer xogadores cunha amarela... A defensa ten as súas esixencias e os seus riscos, pero a estas alturas faría mal o adestrador branquiazul en enfocar o debate sobre a función das tarxetas ou o desempeño dos árbitros. O fútbol son circunstancias: como o remate de Aketxe contra o pau ou o disparo de Gaku no arranque da segunda metade que puideron devolver o empate ao partido.

Se os triunfos anteriores se explicaban desde a defensa; o empate diante do Girona e a derrota de onte en La Romareda, tamén. 

Explicar a vitoria tamén é inxusto, pero eses días non doe subliñar virtudes. Giménez, Mujaid, Peru e Gaku son incontestábeis neste equipo. 

A afección (e Estévez) ve o fútbol a simple vista: un conto sobre a batalla da fin de semana. E explica as derrotas por unha sucesión de circunstancias que conducen a un desenlace inesperado. A vida non ten prognóstico certo, só ao final lle topas unha lóxica na balanza de erros e acertos...

Os que vén o fútbol desde dentro (como aquí Piñeiro) deconstrúen o relato en pezas e mecanismos con lóxicas internas, un mapa dos regos polos que se move a pelota, escaramuzas tácticas que escriben o resultado da batalla. Teñen unha explicación mellor.

As derrotas, máis que ningunha outra cousa (a historia do Dépor é unha proba definitiva), dan para filosofar moito e sempre agroman leccións necesarias. 

O partido: Fernández soubo ser Vázquez

O Dépor ten limites. FV moveu o equipo até eses límites, pero leva tempo dicindo que será preciso superalos. O modelo non está, agora, en discusión. Mais se cuestiona constantemente para melloralo. 

Zaragoza Dépor ÇölakDiante do Zaragoza, o Dépor dispuxo de máis posesión e sufriu menos para se defender. O Zaragoza non é o Girona. É un equipo de Víctor Fernández, cuns rexistros clásicos, organizado arredor do balón, que se defende cedendo terreo e sen molestar coa presión. Ese fútbol que se di 'aseado', e que permitiu o Dépor gozar de transicións cómodas. Un engano, unha cenoria... O Zaragoza non gañou por toque, senón a balón parado. Fernández meteu o dedo descaradamente nas debilidades do rival. Sinaladamente, no inicio da segunda metade. Cedeu o balón e tres cuartos de campo. Esperando a Luis Suárez. Só tardou quince minutos en aparecer e matou o partido cando o Dépor parecía ter levantado a cabeza. 

Até ese minuto sesenta e dous, o do gol de Suárez, apenas un par de minutos despois da expulsión de Gaku, o partido era unha trampa que o Dépor estaba negociando ben, salvo pola diferencia nas áreas. 

Tiña marcado moi cedo o Zaragoza, pero Mollejo respondeu de inmediato e o choque volveu o seu carreiro. O Zaragoza propoñendo case por obrigación e o Dépor estirándose inesperadamente. Todos aparentemente cómodos á espera de cazar un gol.

Cazouno Atienza nunha acción de estratexia. Aketxe estivo a piques de conseguir empatar, tamén a balón parado. E no descanso, os adestradores revisaron as tácticas. 

Vázquez veu que podía, pero non se moveu. Gaku, confesou o técnico branquiazul na rolda de prensa, dixo que aguantaría cunha amarela. O xaponés definiu o partido. Este domingo tocoulle a el. Errou unha ocasión no minuto 48 e doce despois recibiu a segunda amarela. 

Fernández pensou que podía ser Vázquez e botou o Zaragoza atrás. Luis Suárez cumpriu o plan. Gañou un choque a Peru (que sufrira menos que con Stuani hai unha semana, pero entrou tímido á disputa), Giménez dubidou e aí rematou o partido.

Fernández foi o primeiro adestrador que verdadeiramente situou ao Dépor nunha encrucillada. A semana anterior, o Girona veu xogar o seu partido e xogouno. Víctor xogou contra Vázquez. Puxo o Dépor diante do dilema de que camiño tomar. A expulsión de Gaku impediu que a partida se xogase até o final. Pero dar resposta o dilema será cada vez máis perentorio. 

Gaku definiu o partido. Este domingo tocoulle a el. Errou unha ocasión no minuto 48 e doce despois recibiu a segunda amarela. 

Repertorio

Despois de dúas xornadas sen cumprir o obxectivo: lembren, só vale gañar; o equipo necesita ampliar o repertorio de ataque. O partido en La Romareda rematou no minuto sesenta. Vázquez puxo no campo a Vallejo, Koné e Keko, dous extremos e un media punta, con Merino de referencia arriba. Esa é a evolución (independentemente dos nomes) á que aspira o adestrador. 

A semana previa ao partido co Lugo vai ser delicada. O modelo funciona. Os números di iso. Pero Vázquez sabe que precisará máis. A medida que avanza, a competición tornará máis tensa e igualada. O Lugo pode ser tan duro como o foi o Girona. O Dépor leva cinco goles encaixados en dous partidos (un, de penalti). O adestrador asegurou que manterá a Peru como central. Sen Gaku, previsibelmente entrará Uche. Para ampliar o ataque, Vázquez tería que desvestir a defensa. Chegou a outra encrucillada desde que iniciou o camiño da remontada. 

 

A ficha do partido
 

#ResisteDéporResiste
 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/deportes/na-encrucillada/20200224082833009114.html


© 2020 EntreNós