Semana Europea da Mobilidade (16 ao 22 de setembro)

Pés, pedais, transporte público e ZBE para cidades sen emisións

Co gaio da Semana Europea da Mobilidade (16 ao 22 de setembro) adicada a unha mobilidade sen emisións, Ecoloxistas en Acción estrena catro documentais sobre a mobilidade verde en sendas cidades das Rías Baixas: Pontevedra, Vilagarcía, Cangas e Vigo. Ademais, Ecoloxistas en Acción aproveitará para lanzar en redes unha serie de infografías sobre os beneficios das Zonas de Baixas Emisións como colofón da súa campaña ‘Confinemos os coches’.

Pés, pedais, transporte público e ZBE para cidades sen emisións
info mobilidade 1
Semana da mobilidade 2020
  • Os documentais realizados no verán por Ecoloxistas en Acción consisten nunha entrevista a un representante do correspondente goberno municipal e a colectivos do concello relacionados coa mobilidade sen fumes ou a accesibilidade. Aparecen así o Fernando Lores alcalde de Pontevedra, Paola María, concelleira de urbanismo de Vilagarcía e Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas (o alcalde de Vigo mudou de opinión a última hora e rexeitou participar). Aparece tamén en varios dos documentais a técnica de accesibilidade de COGAMI, persoas asociadas aos colectivos ciclistas ou de movementos cidadans.
  • Como acto central da semana proxectárase en Vilagarcía, ao aire libre na praza de Galicia, o sábado 19 ás 21h o documental sobre a mobilidade verde nesta cidade.
  • Ecoloxistas en Acción aposta por potenciar a mobilidade activa e o transporte público, ademais de implantar zonas de cero emisións para conseguir cidades sen emisións. O apoio ao transporte público, dentro e fóra das cidades, é imprescindible para evitar o colapso das cidades, a contaminación e loitar contra o cambio climático. O transporte público debe estar adaptado para que sexa posible a intermodalidade coa bicicleta.

Trátase dunha proposta creada durante as semanas de confinamento e que propón ceder o espazo urbano ás persoas fronte aos coches. A fórmula da organización ecoloxista é pés + pedais + transporte público + Zonas de Baixas Emisións e, se é posible, zonas de cero emisións, de modo que os poucos coches que circulen sexan coches pouco contaminantes ou, aínda mellor, cero emisións. Neste sentido temos que destacar a aposta de Pontevedra por unha cidade peonil libre de ruídos e fumes, unha cidade amable para a convivencia, unha cidade para todas.

Esta proposta de restrinxir a entrada de coches ás cidades e unha repartición do espazo público máis favorable para viandantes, ciclistas e transporte público está apoiada por máis dun 80% da poboación española, segundo unha enquisa realizada por YouGov. Tamén máis de 40 organizacións da sociedade civil reclamaron nos últimos meses este tipo de cambios para as cidades.

Desde Ecoloxistas en Acción reclamamos aos concellos que faciliten que a explosión ciclista que se produciu ao finalizar o confinamento se poida materializar nun aumento da mobilidade ciclista. Aprecianse esforzos neste sentido en Vigo e Vilagarcía coa recente creación de carris bici, ciclocarris ou sendas verdes. Esforzos que aplaudimos e que agardamos que teñan continuidade para que as cidades ciclabes sexan unha realidade.

A organización ecoloxista reclama tamén ás administracións locais que realicen unha campaña de concienciación sobre a seguridade do transporte público. A pesar de que non se atoparon brotes de  contagios de  COVID–19 relacionados con metros, buses, trens ou tranvías, estes medios considéranse lugares pouco seguros. As mensaxes sen fundamento científico lanzados por autoridades e medios de comunicación indicando ao transporte público como un medio pouco seguro fixeron estragos. A suma de todo resultou nunha diminución xeneralizada de persoas que utilizan o transporte público e un repunte do uso do coche. Se a tendencia continúa, é moi probable que vexamos atascos moito máis intensos e un aumento xeneralizado da contaminación, con terribles consecuencias para a calidade do vida e a saúde pública.

É tamén alarmante a situación do tren. A día de hoxe, Renfe non volveu a poñer en marcha todos os seus servizos. Nin sequera liñas con obrigación de servizo público recuperaron a súa frecuencia, o que caia máis aínda o número de persoas que utilizan os trens e que unha longa lista de cidades e pobos visen aínda máis mermadas as súas conexións. Unha política que vai en dirección contraria á transición ecolóxica.

Ecoloxistas en Acción esixe a todas as administracións que tomen medidas no ámbito das súas competencias para reverter esta situación e non só evitar que aumente a contaminación e as emisións de gases de efecto invernadoiro, senón lograr un aire saudable e cidades sen emisións.

Pés, pedais, transporte público e ZBE para cidades sen emisións