CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 3

Pizarra

Na lousa, ou no máis moderno taboleiro plástico, está o mapa de todas as batallas presentes e futuras esperando que apareza un dos nosos ou un epigrafista versado, como Irureta.
Gaku. Dépor-Cádiz. 19.01.2020. Celebración do gol de Sabin Merino. Imaxe somosdepor
Gaku, diante do Cádiz. Abaixo, unha imaxe de Peru Nolaskoain durante o partido; e outra da grada celebrando o gol. Fotos: @somosdepor e RCD.

A pizarra é unha lousa na que os adestradores debuxan puntos e liñas, o código morse futbolístico, e outros signos que non se ven: o mapa de todas as batallas pasadas e futuras.

A pizarra garda sucos que ás veces pasan desapercibidos; entón sobreveñen as crises, os descensos, a apocalipse. Mais na pizarra fican sempre os segredos esperando que apareza un dos nosos ou un epigrafista versado, como foi Irureta.

Non hai maior manifestación do carácter dunha cidade pequena que unha tarde de domingo de fútbol. O carácter está inscrito no cántico da grada, no ton, no trazo na pizarra, neses sucos que son camiños transitados esperando por alguén da tribo que reviva Riazor, a voz que levanta a afección para bailar ao son dos Blues. 

Así gañou onte o Dépor, colista até hai catro días, ao Cádiz, líder até que pisou Riazor e se topou coa pizarra de Fernando Vázquez, na que hai puntos e liñas, determinación e orgullo, fe nos camiños que percorreu aquela aldea que viviu do mar e contra o mar. É o carácter da xente que impregna o equipo: é lousa rexa, vella, impenetrábel.

O debuxo

Reparen no simbolismo da camiseta a raias verticais, a que apela? O costume, esa forma de ver o mundo. Reparen no debuxo con cinco defensas e un medio-campo ben cheo… esa forma pre-moderna de ver o fútbol. O Dépor siderúrxico de Arsenio, o zorro da orde+talento, que acadou a inmortalidade nunha derrota máis épica que calquera título. O Dépor do talento ordenado de Irureta, moendo aquela Liga. O Dépor de hoxe. O debuxo é tamén unha mensaxe. O Dépor é grande na medida que se sente un David, determinado, rexo e impenetrábel, diante dun reto maiúsculo. Está no carácter do equipo. 

O Dépor progresa

Todo este longo excurso é preciso para razoar unha vitoria ben traballada diante do Cádiz, que chegaba líder. O Dépor é outro e progresa facendo as cousas dunha nunha. Un paso máis, e agora xa son (só) nove os triunfos precisos para alcanzar o obxectivo.

Vázquez repetiu esquema, con Mujaid, Somma e Montero, con Salva e Eneko polos carrís, na liña máis tensa e sensíbel. O equipo está sobre os ombreiros da zaga e o porteiro. Por veces, tremen. É lóxico. Por iso a grada saúda cada despexe con entusiasmo. 

Montero é o que máis cousas prometía, e o que peor o está pasando. Polo de agora, Vázquez ten paciencia. E a grada tamén, porque empeza a comportarse co equipo como un pai ou unha nai. Non hai que divinizar a afección. Hai mes e pico estaba manifestándose no centro da cidade contra todos os estamentos do club… era un pai severo. 

Vázquez tivo que reconducir o equipo mentres reconducía a afección. Agora camiñan xuntos, como din en Anfield.

Peru Nolaskoain

Peru. No Dépor_Cádiz do domingo 19 de xaneiro. 24 xornadaO maior exemplo do progreso do Dépor é Peru. No centrocampista vasco o equipo topou onte o compás que no topou durante toda a liga. Peru traballou para frear ao Cádiz na primeira parte e, na segunda, cando se abriu o partido, guiou a ofensiva branquiazul. Progresa a medida que gaña confianza; “gaña confianza porque o equipo gaña”, explica o adestrador. 

E gaña confianza porque a grada cambiou de actitude a respecto do cadro de xogadores. Riazor xa non se expresa coma un pai enfadado. 

Xunto a Peru, o medio-campo ben poboado defendeu 45 minutos moendo o Cádiz, que non xogou a nada até que se viu por debaixo. Aketxe gastou máis forzas das que ten. Gaku segue medrando, mais Vázquez avisa que aínda non se parece ao xogador que el coñece. Mollejo foi o home da tarde perseguindo defensas, incomodando en todas as liñas, un dianteiro que entendeu o que precisa o equipo. A grada empeza a recoñecer aos seus ídolos presentes.

Vázquez tivo que reconducir o equipo mentres reconducía a afección. Agora camiñan xuntos, como din en Anfield.

Dez minutos de ataque

O maior mérito da vitoria debería recaer no traballo defensivo, na concentración do equipo e no empuxe da grada atenta a cargar os pulmóns dos xogadores cando empeza a faltar o ar. Pero o gol marcouno Sabin, que pasou a tarde sen cheirar un pase ou un centro decente, correndo para pisar a área onde nunca chegaba o balón, traballando entre a defensa rival como traballa un nove sen balón. Rematou de cabeza un centro no minuto 28: antes nada, despois, máis do mesmo. O Dépor pasou case unha hora sen estirarse para ameazar o Cádiz (apenas Aketxe, con disparos a balón parado desde moi lonxe).   

Depor_Cadiz. 19.01.2020 (1)Mais no arranque da segunda parte, a pelota empezou a circular máis rápido entre a defensa e Peru. Peru conectou con Aketxe e Mollejo. Apareceu Gaku en ataque para soltar un pase de gol, e Sabin deixou que o porteiro se vencese para marcar fácil.

Quedaban 25 minutos de partido e o traballo volveu recaer na defensa, na concentración, na grada, nos relevos… con Mollejo e Peru exhaustos, como Aketxe ou Sabin, pero sen posibilidade de cambio xa. Repetiuse a agónica resistencia do xoves, o día Hat trick, mais desta volta sen maior susto que un par de intervencións do VAR. A grada, sufrindo.    

O VAR é un recurso moi interesante para a arbitraxe e un invento sensacional para a televisión, pero deben pensa que facer coa xente nos campos durante eses segundos criminais nos que o partido xa non se xoga alí…

Matices

A afección vai aprendendo a vivir con responsabilidade. A parte que lle toca para ter un equipo Goliat construído desde a modestia dun club David orgulloso e insular. Paciencia, coma no campo. As cousas dunha en unha. Primeiro defender. Este ano toca salvarse. Haberá xornadas que serán probas de fe. 

Na pizarra está escrito Riazor-illa-orgullo, está escrito orden+talento, está escrito amarrategui… mais tamén están escritos (e iso soubérono ler tanto Arsenio como Irureta) os nomes de Luis Suárez, Amancio, Fran e Valerón… e outros (José Luis, por exemplo). O Deportivo sempre fixo o fútbol máis sureño deste país. 

Na pizarra está escrito Riazor-illa-orgullo, está escrito orden+talento, está escrito amarrategui… mais tamén están escritos os nomes de Luis Suárez, Amancio, Fran e Valerón… e outros (José Luis, por exemplo).

O próximo

Despois de dúas xornadas en Riazor que serviron para que o equipo e a grada se reconciliaran e xuntos sumaran dous triunfos que teñen a todo o mundo (público e xogadores) convencidos de que "¡Sí se puede!" (o Yes, we can!, versión española), como onte berrou o estadio, o Dépor deixará o acubillo de Riazor-illa-orgullo e a camiseta de raias verticais a próxima xornada para xogar en Albacete. É como enviar un fillo á mili.
 

A ficha do partido

#ResisteDéporResiste