Coidado dos espazos públicos e rexeneración urbana

O programa ‘A Pé de Barrio’ desenvolveu desde o seu inicio 3.099 actuacións

A concelleira de Medio Ambiente fixo hoxe balance dos traballos realizados nos primeiros meses desta iniciativa municipal, “a máis intensiva de mantemento do espazo público que se ten feito ata a data na cidade, e que garante que se atenden todos os barrios en pé de igualdade”

O programa ‘A Pé de Barrio’ desenvolveu desde o seu inicio 3.099 actuacións
María García
María García, concelleira de Medio Ambiente

Concello da Coruña | 31/10/2017

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fixo balance esta mañá das actuacións desenvolvidas polo Concello a través do programa intensivo de coidado e mantemento do espazo público A Pé de Barrio, que desde a súa posta en marcha o pasado mes de xuño abordou os distritos 10, 4, 3 e 1, o que inclúe os barrio de  Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro, Mesoiro, Novo Mesoiro e Feáns, a zona de Vio e Caveiro, as urbanizacións Obradoiro e Breogán, Birloque, O Martinete, Someso, A Silva, Cances e San Cristovo das Viñas, Bens e Nostián.

Segundo detallou, foron 125 días de traballo, nos que se procedeu á limpeza intensiva e retirada de herbas en 463 rúas, a 450 baldeos nocturnos -dentro do plan especial de verán en prazas por toda a cidade- e se acometeron un total de 3099 actuacións de coidado dos espazos públicos e de rexeneración urbana. Delas, 608 foron en fontes, o que inclúe as accións de mellora da súa eficiencia no aforro de auga e electricidade, de control de calidade e salubridade das augas, limpeza e retirada de sólidos flotantes, baleirado e hidrolimpeza e revisión do equipamento mecánico e eléctrico e o pintado de 643 metros cadrados de fontes. Outras 645 actuacións teñen que ver co alumeado público, desde a substitución de lámpadas e equipos auxiliares, pintado de soportes, revisión de centros de mando, análise e correccións lumínicas e reposición de elementos da rede eléctrica, e outras 1552 foron actuacións de reparación e substitución de contedores e papeleiras, retirada de pintadas, reasentamento das tapas dos rexistros da rede de saneamento e actuacións de control de pragas e incidencias con aves. Ademais, a concelleira referiuse ás 263 intervencións efectuadas en parques e xardíns, incluídos os xardíns históricos de San Carlos e a Rosaleda, no Distrito 10, coa plantación de máis de 3000 roseiras e o pintado de bancos e sinais. Tamén se resolveron nestes meses 672 incidencias en materia de rexeneración urbana, entre reparacións nas beirarrúas, repintado de pasos peonís, substitución de baldosas, instalación e reparación de bancos, fontes e alumeado, pavimentado e eliminación de fochancas nas rúas.

"A Pé de Barrio é unha pedra angular nas nosas políticas de proximidade, nas que cobra relevancia a atención aos barrios, a través dese coidado intensivo de mantemento e limpeza, pero tamén do resto de políticas municipais de todas as concellerías, para esa cidade dos barrios que intenta responder ás necesidades e as demandas históricas da veciñanza", sinalou García, quen salientou o "reto organizativo", que representa esta iniciativa, "para concentrar os distintos servizos municipais nun mesmo espazo de maneira intensiva e, ao tempo, seguir desenvolvendo o traballo rutinario, que se mantén na cidade e que continúa despois de que pase A Pé de Barrio. Nese sentido, recordou que se trata do programa de coidado e mantemento "máis intensivo que se ten feito na cidade ata agora na Coruña, que percorre, ao longo dos doce meses do ano, a totalidade dos distritos e dos barrios da cidade", e que concentra os traballos de 24 contratas municipais de distintas concellerías, especialmente, Medio Ambiente, Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible, cun operativo de limpeza en profundidade que se ve completado, durante o tempo en que o dispositivo opera nun determinado barrio, co resto de intervencións de mellora e reparación das distintas contratas. Con el, trata de darse resposta ademais  ás suxestións que fai cidadanía a través das distintas canles de participación, desde os encontros 'Dillo ti' ao teléfono 010, e outras e actuacións concretas que saen á luz durante preparación de A Pé de Barrio en cada zona. Nese sentido, a concelleira salientou que o Concello realiza visitas aos comercios e a hostalería dos barrios -un total de 998 visitas desde o inicio do programa- e reunións previas coas asociacións veciñais, "co fin de recuperar esas cuestións que a xente que vive nos barrios coñece".

Como lembrou a responsable de Medio Ambiente durante a súa comparecencia desta mañá, o programa iniciouse en xuño nos barrios do Distrito 10 -Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro- con actuacións durante 90 días, que incluíron limpeza inclusiva en 368 rúas e 2.161 actuacións de coidado do espazo público. No Distrito 4 - Mesoiro, Novo Mesoiro e Feáns, a zona de Vío e Caveiro, as urbanizacións Obradoiro e Breogán- actuouse durante 16 días, nos que se realizaron 392 actuacións de coidado do espazo público, 192 en parques e xardíns e 200 de rexeneración urbana, ademais de 55 limpezas intensivas de rúas. O dispositivo chegou na primeira quincena de outubro ao Distrito 3 -Birloque, O Martinete, Someso, Lamelas, A Silva, Cances e San Cristovo das Viñas-, onde se realizaron 40 limpezas intensivas en rúas, 337 actuacións de coidado do espazo público e 146 de rexeneración urbana. Por último, o Distrito 1 -Bens e Nostián- supuxo 78 actuacións de coidado dos espazos públicos e de rexeneración urbana e limpezas intensivas nas rúas do lugar de Bens, Nostián, Mazaído e Comeanda. "Como se ve, estamos atendendo con prioridade a barrios da periferia, que tradicionalmente foron excluídos de determinados servizos municipais. Para nós é moi importante que se inclúan neste e nos demais programas en pé de igualdade co resto da cidade", incidiu García, quen indicou que o programa opera agora e durante as próximas dúas semanas nos barrios do Distrito 7 como son o  Barrio das Flores,  Monelos, Elviña e Matogrande, ou a contorna da Estación do Ferrocarril.  Tamén, a concelleira apelou unha vez máis a "esa colaboración necesaria, para manter as rúas libres de coches cando pasan os servizos de limpeza intensivos, e para manter eses resultados satisfactorios e de confort nos barrios".

O programa ‘A Pé de Barrio’ desenvolveu desde o seu inicio 3.099 actuacións