Renda Básica universal

A Renda Básica Universal un dereito social necesario da cidadanía nesta crise sanitaria

A Renda Básica Universal un dereito social necesario da cidadanía nesta crise sanitaria

A Renda Básica Universal un dereito social necesario da cidadanía nesta crise sanitaria
Encontro sobre a renda básica na Coruña
Encontro sobre a renda básica na Coruña

A Coruña, 17 de marzo de 2020. Comunicado do Colectivo pola Renda Básica da Coruña

  • O Coronavirus vai agravar a crise socioeconómica, iniciada no 2008, especialmente para as persoas en situación de maior vulnerabilidade.
  • A aplicación de políticas de austeridade e as axudas e flexibilizacións cuantitativas dirixidas a bancos e empresas non foron nin serán eficaces.
  • A Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente permitirá dar unha resposta paliativa á crise actual, propiciando unha vida digna á nosa cidadanía.

É evidente, que a crise socioeconómica iniciada no ano 2008 non tiña rematado para a maioría da poboación, sometida a paro ou traballos precarios, a normativas laborais cada vez máis desfavorábeis, ou convertida en falsa autónoma. Pero agora, atopámonos cunha crise sanitaria, o Coronavirus que vai agravar a crise socioeconómica, especialmente para as persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade. Hoxe mesmo, na nosa cidade, acaban de anunciarse limitacións, impostas por razóns sanitarias, en entidades onde se cobren necesidades básicas como a Cociña económica e noutros servizos sociocomunitarios.

A crise vai ter, está a ter xa, gravísimas consecuencias sociolaborais e económicas. Despedimentos ou “finalización de contratos” de traballadoras e traballadores con contratos precarios, e non tan precarios, quebra de profesionais autónomas/os e pequenas e medianas empresas, no comercio minorista, turismo, ou outros sectores afectados xa pola precariedade como as traballadoras do fogar, coidadoras, etc.

Falamos do sociolaboral e do económico, pero realmente estamos a falar de persoas, do noso benestar social. A crise acabará afectando a toda a cidadanía, como unha consecuencia da paralización da actividade provocada pola crise sanitaria e económica. Como xa ocorreu no 2008, cando o medo e a incertidume fixo caer en picado a demanda interna e, co consumo, caeu o resto do sistema produtivo.

A experiencia demostrounos que non é eficaz aplicar políticas de austeridade, nin de axudas e flexibilizacións cuantitativas dirixidas a bancos e empresas. O aumento da desigualdade que produciu esta falsa saída é amplamente coñecida. O sistema económico actual non será quen de sobrevivir ao aumento extremo desta desigualdade que se producirá na sociedade post-virus.

Diante desta situación, a Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente permitirá dar unha resposta paliativa á crise actual, propiciando unha vida digna á nosa cidadanía. Os estudos realizados amosan que é posible financiar un ingreso regular para cada unha das persoas que residen no estado español.

Por todo iso, o colectivo pola Renda Básica da Coruña, solicita:

  • Ao goberno do estado a implantación inmediata dunha Renda Básica para toda a cidadanía, con carácter individual e incondicional, coa contía suficiente para vivir dignamente e cunha duración como mínimo ata fin de ano.
  • Á Xunta de Galicia e aos diferentes municipios galegos a adhesión, a través de declaracións institucionais, a esta solicitude dirixida ao goberno do estado.

A Renda Básica Universal un dereito social necesario da cidadanía nesta crise sanitaria