Literatura

Urco, na fronteira co Alén mundo

Tomás González Ahola, editor de Urco, falou onte de literatura fantástica na Livraria Suévia.

Urco, na fronteira co Alén mundo
Charla de Tomás G. ahola, de Urco, na Suévia
Charla de Tomás González Ahola, de Urco, na Suévia.

Nestes tempos nos que se debate se a lingua arre ou xo, aparecen uns mozos e topan un can negro, enorme, escuro, e montan unha cooperativa “para facer o mal” e encher os miolos dos afíns con historias de medo e esperanza. Contos imprescindibles nun país que sempre fixo fronteira co Alén mundo.

Unha empresa improbable. E aí seguen. Dez anos despois. Facendo maxias.

Tomás González Ahola, editor de Urco, falou onte de literatura fantástica, o manto que abrangue todo o que publican (sagas, gótica, pulp, ciencia ficción, terror), na Livraria Suévia –non no local da Asociación veciñal, como informamos por erro, non por despistar­–.

González Ahola falou ao fío dunha exposición pensada para divulgar o xénero entre a mocidade e que estes días inda se pode visitar –esta si– na Asociación veciñal da Agra. Son sete paneis que percorren a historia da novela fantástica desde a cova de Polifemo até os viaxes interestelares a lombos de seres mitolóxicos coma os urcos e de autores vértice como Poe, Tolkien ou Philip K. Dick, inda que cada quen ten os seus favoritos e por iso Heinlein, Arthur C. Clark ou Ursula K. Le Guin, de quen por certo o editor deu noticia de que adquiriran os dereitos para traducir ao galego as Historias de Terramar, un arquipélago de illas pequenas, unha imaxe axeitada dos afíns, cos seus gustos, cos seus medos e esperanzas.

González Ahola explicou como foi Poe quen forxou a chave que abriu a porta do fantástico ao cruzar os mitos co racionalismo, como nas novelas góticas se fundaron os arquetipos modernos (o vampiro e Frankenstein), como a popularización da lectura sucedeu finalmente alá, nos Estados Unidos, no pulp durante a depresión “por autores que pasaban fame e escribían para poder comer”. Como alá se inventou a técnica, o oficio, a escola e a industria, nunha liña que vai de Poe a Lovecraft e deste a Stephen King. Falou González Ahola de como Tolkien non foi quen pariu a triloxía, se non que foi o editor partindo en tres anacos unha novela de mil e pico páxinas; e do éxito, que non da necesidade, veu a moda das triloxías. Falou de autores reaccionarios, como Tolkien, libertarios, Heinlein, psicodélicos, Dick; de vidas difíciles, case todas.

E confesou que adora a Le Guin e as súas indagacións sobre as utopías, que a crise actual dá para que se fagan grandes novelas distópicas, que o xénero no país vai tirando con xente como Ramón Caride ou Xosé Duncan e que o de ser unha lingua con poucos falantes non está tan mal porque abarata os custes dos dereitos de autor.


 

Urco, na fronteira co Alén mundo