Cinco vidas de Camilo de Dios, o último guerrilleiro

Un perfil de Camilo de Dios cando fora distinguido hai un ano Republicano de Honra 2016 pola CRMH da Coruña que esta semana primeira semana de abril anunciará o Republicano de Honra deste ano.

Camilo co reloxo de Saavedra, o compañeiro que caeu con el en Ourense
Camilo co reloxo de Saavedra, o compañeiro que caeu con el en Ourense

O que segue son fragmentos de dúas conversas mantidas en Sandiás, moi perto de Xinzo da Limia, nun bar silencioso a carón da Casa do Concello cun vello xubilado que gasta gorra e bastón e loce uns intensos ollos claros que confesan nostalxia. É Camilo de Dios, un dos últimos guerrilleiros vivos, dos do monte. Comunista homenaxeado pola Memoria Histórica da Coruña como representante da Guerrilla antifranquista galega. Na páxina desta asociación podedes atopar a transcrición completa da primeira das conversas.

O estallar a guerra, meus pais, que eran comunistas, fuxiron a Portugal. Escaparon cinco ou seis de aquí do pobo. Aquí había unha célula do partido e tiñan bandeira e todo. Volveron no 40 escondidos e preparouse a cousa. A Garda Civil de aquí recibiu orde do Comandante Xuíz de Ourense -Soto, creo que se chamaba- para que detiveran a Jesús e a Antonio de Dios e que os presentasen para o outro día a mañá no cuartel sen un rasguño. A miña nai, Carmen, tamén a detiveron. Creo que non chegaron a botar dous meses. Volvían para a casa con toda a tranquilidade, pero xa nos roubaran as vacas, roubáronos os porcos, vendéronos a casa. Montaran un cuartel da Falange nela. Foi unha expropiación militar. Cando volveron meus pais xuntámonos na casa que meus pais tiveron que comprar. Foi posible grazas á intervención dun avogado mozo, Luis Romero Becerra. El preparou as cousas para que se arranxara todo. O pai era o da contribución, tiñan a banca Romero, tiñan medio Xinzo. E meu estivera de chofer alí con eles. Grazas a eles puido salvarse. O pai, Gaspar Romero, comprou a casa, comprou as terras, e volveullo ceder todo a meu pai.

Roubáronos as vacas os falanxistas, vendéronas en Vilar de Santos e foron para Allariz. Demos con elas pero inda así tardamos nove meses en recuperalas. Fame non pasamos porque as terras producía e eu xa tiña doce anos e meu irmán case catorce. Eramos rapaces pero corpulentos. Defendémonos e meus tíos botaban unha man. Eran familias largas. Meu pai morreu o 14 de xaneiro do 45. Hai empezou o meu primeiro problema. A que facía aquí de xefa da Falange véusenos sentar nun poio de pedra na casa a cantalo himno falanxista. Eu saín cun pau e deille unha zurra moi grande. Miña nai quería saír, meus tíos tamén, pero empezaron os veciños a dicirlles que non, que se ían a comprometer e tal e cal. Pero eu non esperei a razóns. Cando se deron conta ela xa berraba pedindo auxilio, xa sangraba pola cabeza. E despois escapei. Andei escapado aos doce anos.

Deixei a casa case porque quixen. Parou fronte a casa un camión da Garda Civil. E estaban cinco ou seis guerrilleiros ceando dentro. A mina mandáranme regar un prado para que vixiase algo en canto eles ceaban. Cando volvín xa non había ninguén na casa. Estaba o camión da garda civil. Pararan porque había un garda de aí de Cerradelos que lle chamaban o Santos e lle traían as patacas nun carro, e pararon aí a ver si lle estaban as patacas. Pero, claro, iso soubémolo despois. Deiteime e para outro día inda lle fun matar un cabrito á Celia. Estiven alí e a noite vin que non volvera a familia e xa empecei a preocuparme. Veu un veciño, veume buscar para que me fose onde a nai e o irmán que estaban escondidos en tal sitio. E xa non me deixaron volver para a casa. E resulta que a Garda Civil viña buscar unhas sacas de patacas. Pero o que facían daquela era queimar a casa onde sabían que estaban dentro. E xa fun ao que lle chamabamos o Cuartel General. Alí estaba a Federación de Guerrillas, e déronos unha pequena instrución e xa nos distribuíron.

A caída en Ourense. Aquela guerrilla de choque estaba mandada por Juan Sorga, que era de Vilar de Barrio, que fora tenente na guerra. Por idades, o seguinte era José María Saavedra, socialista, de Ferrol. Despois estaban Antonio Pérez Barreiros, Manolito Novoa e Manuel González Rodríguez, a este déronlle garrote en Ourense, collérono canda meu irmán. Nos viñamos a Ourense a cumprir unha misión. Íamos os seis a facer tres golpes simultáneos en Ourense aquela noite, o día de san José. O que tiña que nós levar a comida non chegou con ela… nunca soubemos como foi, non sabemos se o colleron e cantou. O Manolito xa morreu arriba onde caeron os morterazos, a aquel xa lle abriron o peito alí. Cando estabamos comendo nos metrallaron, pero rompemos o cerco. Morreu un capitán, que era de Xinzo, morreu un sarxento e dous gardas. Rompemos o cerco e sen darnos conta, José María i eu, en retirada, fómonos meter ao cuartel de Infantería, na cidade. Saímos e metémonos nunha casa de catro pisos que había alí nas Mercedes. Botaron á xente fóra e a morterazos desde o cuartel queimaron a casa. Alí é onde eu caín ferido, xa de máis gravidade. José María pegouse un tiro. Díxome que llo pegase eu, pero el tiña a man esquerda sa, porque a dereita lla desfixeran cunha granada, saqueille a pistola da funda, mire se estaba montada e metinlla na man e pegouse el o tiro. Véxolle o ollo colgando, sen moas, cuspindo sangue… e dixen ‘bueno, pois está morto’. E non o rematei precisamente por iso. E tres meses despois topeino no cárcere da Coruña, levárano para Ferrol, torturárano alí á torta e á dereita, por iso caeu tanta xente de Mugardos e da de por alá. Déronlle garrote vil na Coruña. O día que o mataron pasei a noite máis amarga da miña vida. Deixoume un reloxo de herdanza.

Despois da morte de Pío XII no 58 houbo un indulto, e a min tocoume facer a mili. Acabei como escolta dun coronel aquí en Ourense. Era de Santander. E republicano. Cando empezou a guerra detivérono. Estivo no castelo un tempo e despois incorporouse ao Exército. Pero non ascendeu coma os da súa quinta. Era da quinta de Yagüe. El tiña o meu historial e un día chamoume o despacho. Tivemos unha pequena conversa. Preguntoume si eu era comunista. Naquel momento o Partido Comunista era ilegal. Como ía a dicir que era comunista… Logo que si era franquista. ‘Iso menos có outro, señor’. E o final preguntoume: ‘Si che dou unha escopeta e andamos polo monte cazando coellos, eu sería un branco para ti?’. ‘Mi señor, se de iso dependera o futuro do país, vostede sería un branco. Pero o futuro do país non depende diso’, respondinlle. Entón incorporouse da cadeira e tendeume a man. Desde ese día fun seu escolta e chofer. Cando morreu, levei a súa viúva no coche até Santander. Ela falaba pouco. Pero ese día me preguntou se non me soaba de algo o seu apelido. Bedoya. Confesoume naquel momento que Paco Bedoya, o guerrilleiro que caera en Castro Urdiales uns anos antes era seu curmán. Así eran aqueles tempos, a xente calaba moito.

O ano pasado (2015) Camilo enterrou os restos de seu irmán Perfecto, que caeu nun enfrontamento coa Garda Civil nun pobo de Ávila, en maio do 50, cando trataba de chegar a Madrid cun grupo de guerrilleiros entre os que ía a súa nai Carme. Carme foi a cadea, da que non sairía até 1963. Camilo atopou a fosa de Perfecto xunto a un muro do cemiterio de Chaherreros. Recuperou alguns obxectos. Garda na casa as botas que levaba Perfecto, que tiña 19 anos aquel día.

[No verán de 2016, Camilo de Dios inda celebrou unha homenaxe moi especial a Perfecto. Foi en Sandiás, con xentes chegadas de Chaherreros: http://www.laregion.es/articulo/a-limia/guerrillero-perfecto-dios-hermana-sandias-y-crespos/20160806122052639974.html ]