41 anos con Franco

O legado da ditadura esténdese a todos os ámbitos da vida social, política e económica no Estado

Si, o título do artigo está ben porque, despois de morto o 20 de novembro de 1975, levamos 41 anos con Franco (80 despois da sublevación fascista de 1936). Se alguén pensaba que despois da desaparición do ditador estariamos sen Franco, estaba equivocado.

O título é, realmente, unha copia do libro colectivo 40 anos con Franco, que coordina Julián Casanova, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza.

Sinala Casanova que “Hai xente que nunca estudou nas aulas o século XX. E a educación é fundamental”. A propósito da exhumación dos restos dos xenerais golpistas Mola e Sanjurjo en Pamplona, o ex–ministro Jorge Fernández Díaz afirmaba: “Algúns queren gañar a Guerra Civil non sei cantos anos despois”. Para Casanova este dirixente do PP “é o exemplo de demócrata que nunca tivo unha educación na democracia”. E conclúe este catedrático de historia: “O franquismo ten unha sombra alongada e os mesmos que se fan pasar por demócratas, escócelles cando lles tocas Franco. No son capaces de facer unha condena, como a da dereita europea derrotada polo antifascismo. España no entrou no proceso de ‘desnazificación’ e ‘desfascización’ europeo…. Ti explicas Franco, eles saen con Paracuellos e Carrillo”.

Sen educación non pode haber memoria. O 18 de xullo, dia do levantamento fascista de 1936 contra a democracia, a Constitución e a República; o 17 de agosto día da Galiza Mártir, lembrando o asasinato de Alexandre Bóveda e de moitas demócratas, ou o 20 de novembro, día da morte do ditador Franco, deberían estar no currículo escolar e esas datas aproveitadas nos centros de ensino para falar da loita pola democracia e a liberdade e para crear conciencia cívica en contra das ditaduras.

Se conquistamos unha democracia con moito sacrificio, que non foi un regaliño, por que dicimos que 41 anos despois da morte do ditador aínda quedan restos do franquismo incrustados na sociedade e nas súas institucións? Poderiamos sinalar cen razóns, pero resúmoas nestas dez:

1. Foi o ditador Franco quen elixiu Juan Carlos en 1969 como o seu sucesor, e o futuro rei xurou fidelidade ao Caudillo Franco e ás leis da ditadura. Todo quedaba atado e ben atado. Isto era o que pensaba Juan Carlos do ditador Franco: “Para min, é un exemplo vivo, pola súa dedicación patriótica diaria ao servizo de España. Téñolle un grande afecto e unha grande admiración”. Non é de estrañar que nin o rei Juan Carlos I, nin o rei Felipe VI condenasen nunca a ditadura franquista.

2. Temos unha monarquía corrupta, non elixida polo pobo, implicada en negocios e cobro de comisións, que utilizou o trono para o seu enriquecemento persoal. O rei Juan Carlos era o “chefe”- segundo Daniel Torres, socio de Iñaki Urdangarín- da trama corrupta do Instituto Nóos, onde están implicados quer o xenro do monarca, quer a súa esposa, a infanta Cristina. O rei foi o auténtico inspirador do intento de golpe de Estado do 23F de 1981 ou “golpe de temón institucional”, segundo o xeneral Jaime Milans del Bosch.

3. Non houbo, realmente, unha ruptura coa ditadura. A chamada Transición tivo moito de transacción. Xuíces do represor Tribunal de Orde Público e torturadores do fascismo continuaron exercendo nos seus postos e ascendendo na súa carreira profesional. Os militares golpistas que participaron na sublevación de 1936, controlaron todo o proceso até as primeiras eleccións democráticas de 1977, aínda que non todos os partidos estaban legalizados. Sete ministros de Franco, entre eles Manuel Fraga, fundaron Alianza Popular o 23 de setembro de 1976, despois reconvertida en Partido Popular. Foron esquecidas as vítimas do franquismo e por iso a mestra Hilda Infante, de 85 anos (os seus pais, tamén mestres, foron asasinados en Asturias polos fascistas) manifestaba: “A Transición traizonounos, fixo unha canallada cos nosos mortos”.

4. A familia Franco conservou toda a fortuna e posesións que roubaron ao pobo (fincas, pazo de Meirás etc.) e a muller de Franco recibía unha pensión, que superaba o salario do presidente do goberno.

5. Militares golpistas, significados fascistas e servidores da ditadura eran recoñecidos socialmente con títulos nobiliarios, concedidos por Franco e o rei Juan Carlos: Ducado de Franco e Señorío de Meirás, Marquesado de Arias-Navarro, Ducado de Mola, Marqués de Queipo de Llano, Duque de Calvo sotelo, Duque de Primo de Rivera etc.

6. O PP, co apoio de Cidadáns, pon todo tipo de obstáculos e non quere que se retire a simboloxía franquista e as distincións honoríficas a golpistas e criminais. Unha moción do PSOE en Calatayud no pleno do 29 de outubro de 2015 para retirar a Franco a Medallla de Ouro, foi rexeitada polos votos do PP e a abstención de Cidadáns. Albert Rivera, xustificaba a abstención do seu partido porque non están a favor de abrir “un debate sobre a memoria histórica”.

7. Hai unha humillación e desprezo continuado das vítimas do franquismo e das súa familias. Despois de 40 anos de democracia, aínda hai 150.000 persoas, asasinadas polo franquismo, en cunetas e foxas comúns, sen enterrar dignamente, unha auténtica vergoña para un estado que se define como democrático. Mentres, José Joaquín Peñarrubia, senador do PP por Murcia, declaraba que en España “xa non hai máis foxas que descobrir”, cando se debatían os Orzamentos Xerais do Estado e a necesidade de recursos financeiros para aplicar a Lei da Memoria Histórica. Rafael Hernando, portavoz do PP no Congreso, manifestaba: “ Parece que algúns se lembraron dos seus pais porque existen subvencións para os encontrar, Francisco Cañizares, portavoz do PP nas Cortes de Castela-A Mancha dicía que as vítimas do franquismo “non preocupan á inmensa maioría dos cidadáns. E Pablo Casado, responsábel de comunicación do PP, declaraba: “Os de esquerdas son uns carcas, todo o día coa foxa de non sei quen”.

8. A Fundación Francisco Franco continúa coas súas actividades de propaganda da ideoloxía fascista e lembranza do ditador, recibindo subvencións oficiais. Presumimos de país europeo, pero sería posíbel en Alemaña unha Fundación Hitler ou unha Fundación Mussolini en Italia?

9. Se un xuíz, como Baltasar Garzón, pretende investigar os crimes do franquismo e o financiamento ilegal do PP a través da trama Gürtel, é apartado da carreira xudicial. Existe unha impunidade para os crimes do franquismo e non se autoriza a extradición de ministros de Franco e torturadores que reclama a xustiza arxentina. A Fiscal Xeral do Estado envía directrices a todos os xulgados para que non se recollan denuncias, nin testemuñas dentro da Querela Arxentina.

10. O Estado español ocultou ou esqueceu durante anos as resolucións da ONU que estabeleceron o carácter criminal do réxime franquista, segundo as normas de dereito internacional, así como a súa natureza ilegal e ilexítima. A situación dos dereitos humanos en España deixa moito que desexar. O Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU visitaba España en setembro de 2013 e facía as seguintes recomendacións, que non foron escoitadas polo goberno: derrogar con carácter inmediato a Lei de Amnistía de 1977, que é interpretada como unha lei de punto final para non xulgar os crimes do franquismo; tomar as medidas lexislativas necesarias para garantir o recoñecemento da imprescritibilidade dos crimes de lesa humanidade polos tribunais nacionais; creación dunha comisión de expertos independentes, encargada de restablecer a verdade histórica sobre as violacións dos dereitos humanos cometidas durante a guerra civil e a ditadura; permitir que as familias identifiquen e exhumen os corpos das vítimas e, no seu caso, indemnizalas. Por outra parte, a ONU esixía a España que busque os desaparecidos do franquismo e lembraba que a prescrición do delito só pode producirse cando “a persoa aparece con vida, se atopen os seus restos ou se restitúa a súa identidade”.