Nomenclátor

Teño a esperanza de que algún día A Coruña sexa declarada Cidade Europea da Cultura e para conseguir ese obxectivo non estaría mal comezar por poñer ao día o nomenclátor da cidade. Temos aínda rúas con nomes que non existen, traducións ao castelán que non se corresponden co seu significado e todo isto pode dar a imaxe dunha cidade pouco culta.

A rúa Isabel López Gandalla da Cidade Vella é unha merecida homenaxe a unha enfermeira, protagonista da expedición filantrópica contra a variola na chamada expedición Balmis que, partindo do noso porto, distribuíu a vacina polo mundo entre 1803 e 1814. Estudos recentes de Antonio López Mariño, xornalista coruñés, descubriron que esta enfermeira naceu en Ordes e que o seu nome é Isabel Zendal Gómez. Temos a rúa Gregorio Hernández sen que ninguén saiba quen é esta personaxe histórica porque nunca existiu. Habería que recuperar a figura de Gregorio Fernández, que naceu en Sarria e morreu en 1636. No Museo Nacional de Escultura de Valladolid ten un retrato con esta referencia na parte inferior: «Gregorio Fernández insigne Escultor Natural del Reyno de Galicia».

Na entrada á Cidade Vella está a Puerta de Aires e o deseñador gráfico Pepe Barro explicaba nunha entrevista en La Voz, que é unha castelanización de Ares e que alí estaba o pazo dos Ares Pardo das Mariñas. O nome da rúa debería ser Porta dos Ares.

É un misterio a procedencia do nome da rúa Caballeros, preto da estación de autobuses. O pleno de 24 de setembro de 1982 aprobaba o «Novo nomenclátor da cidade» e contemplaba tamén a galeguización das rúas. Entre outras medidas, falaba da recuperación do nome tradicional da rúa dos Alcabaleiros (a alcabala era un antigo imposto que gravaba as vendas de calquera mercadoría), que substituiría ao nome actual de Caballeros. Ten moito sentido esta proposta porque nesa zona, límite entre os concellos da Coruña e Oza, era onde se pagaba ese imposto.

O presidente Fraga presentaba o Nomenclátor de Galicia en 2005, que recollía os topónimos oficiais dos concellos galegos, parroquias e 37.305 lugares, invitando aos organismos oficiais a que “se sumen ao proceso de normalización idiomática e usen estes topónimos en mapas e rotulacións”. Pouco avanzamos porque continúa La Grela ou A Grela, como referencia do lugar onde está un importante polígono industrial, cando a palabra grela non existe nin en castelán, nin en galego. Dá exemplo e utiliza correctamente o topónimo a Asociación de empresarios Agrela (agrela é o diminutivo de agra).

Hai casos realmente curiosos como o de Riego de Agua. Preto do Teatro Rosalía hai un panel turístico informativo, que ten este texto do historiador Rodríguez Maneiro: “O seu nome orixinal en galego, Rego de Auga (suco de auga) ?así coñecida porque nela existía un suco que recollía as augas das rúas lindeiras­? foi castelanizado erroneamente a Riego de Agua”.

Pasaron case 40 anos desde a publicación en 1977 dun interesante traballo de Xosé María Monterroso Devesa, promovido PSG: As rúas da Cruña. Por un nomenclátor urbano galego, racional e democrático. Creo que o concello da Coruña debería tomar a iniciativa de constituír unha comisión municipal, aberta a expertos, para a actualización do nomenclátor, galeguización do mesmo e recuperación da toponimia tradicional.

Comentarios