Antiga sede de Fenosa

Acordo sobre o edificio da antiga sede de Fenosa

Para poñer fin ao conflito, as partes contaron coa axuda de Pascual Sala, expresidente do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, que actuou como mediador

Acordo sobre o edificio da antiga sede de Fenosa
Antigua sede de Fenosa
Antigua sede de Fenosa

A Coruña, 31 de xaneiro de 2019.- O procedemento de mediación intraxudicial iniciado en outubro do ano pasado para acadar unha resolución consensual entre as partes sobre a sentenza que obriga ao derrubo do edificio que acolle a antiga sede de Fenosa acaba de finalizar, cun acordo que permitirá, en caso de ser homologado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), poñer fin á controversia sobre o inmoble.

O litixio comezou hai máis de 21 anos pola concesión, por parte do Concello da Coruña, dunha licenza de rehabilitación do antigo edificio de Fenosa, que foi anulada polo TSXG nunha sentenza de 2001, que acordaba a demolición do mesmo. Posteriormente, tramitáronse diversos incidentes xudiciais formulados polo Concello para evitar que o inmoble se derrubase, tendo en conta que os custos da execución da sentenza están estimados en aproximadamente 60 millóns de euros, o que levaría ao Concello a unha insostible situación económico-financeira cun elevado custo social, e na que, con total seguridade, os servizos públicos se verían afectados. Non existindo máis alternativas dentro do procedemento xudicial, o pasado mes de outubro, o Concello e a parte recorrente (Margarita Blázquez e Valentín Souto), así como a comunidade de persoas propietarias do edificio, acudiron a un procedemento de mediación para lograr un acordo que satisfixese non só o interese de cada unha das partes intervenientes, senón, especialmente, o interese xeral.

A mediación preséntase como un medio alternativo de resolución de conflitos de carácter voluntario cunha identidade material e procesual análoga á conciliación, na que as partes intentan chegar a un acordo coa axuda dun mediador. O caso da antiga sede de Fenosa resulta particularmente relevante, pois se trata dunha das primeiras veces no estado español no que unha administración pública accede a participar nun procedemento deste tipo.

Neste caso, as negociacións duraron máis de tres meses, durante os que as partes contaron coa axuda do equipo de mediación do despacho de avogacía Roca Junyent, liderado por Pascual Sala, socio do despacho de avogados Roca Junyent e ex-presidente do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, que interveu como mediador xunto con Marlén Estevez e José Aitor Santana.

Dado que a mediación vén dun procedemento xudicial en curso, o acordo só será eficaz se resulta homologado xudicialmente polo alto tribunal galego. Na fórmula acordada polas partes, a sentenza executarase, se conta co visto bo da Sala, mediante a substitución da execución ‘in natura’ por unha serie de medidas de diverso alcance. Entre elas, cóntase o recoñecemento público da responsabilidade da Corporación municipal respecto da anulación da licenza urbanística, a adopción dun Protocolo de Boas Prácticas urbanísticas dirixido a evitar que un caso coma o do antigo edificio de Fenosa se volva producir, a construción por parte do Concello dun edificio de arredor de 50 Vivendas de Protección Oficial no Parque Ofimático da Coruña a proposta da parte recorrente e en concepto da renuncia desta a esixir a íntegra compensación que considera que lle correspondería, e o recoñecemento dunha indemnización polos danos persoais de índole moral causados á recorrente durante máis de 21 anos. Así mesmo, despéxanse incertezas sobre a situación urbanística do inmoble e impulsaranse accións para incluír o antigo edificio de Fenosa como ‘edificio singular’ no PXOM vixente.

Acordo sobre o edificio da antiga sede de Fenosa