O BNG esixe a declaración de A Coruña como mercado de vivenda tensionado

Aumento insoportábel dos prezos dos alugueres en A Coruña
O BNG esixe a declaración de A Coruña como mercado de vivenda tensionado

A Coruña, a 29 de setembro de 2023.-  O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pregúntalle ao goberno local se lle exixiu xa á Xunta a declaración da Coruña como mercado de vivenda tensionado para así actuar sobre a insoportábel suba dos prezos dos alugueres.

A concelleira do BNG, Avia Veira, dirixirá unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno ordinario que se vai realizar o vindeiro xoves 5 de outubro. “Exixiulle o Goberno Local á Xunta de Galiza a declaración da Coruña como mercado tensionado co fin de poñer en marcha medidas contempladas na Lei de Vivenda?”, inquirirá Veira.

O BNG impulsa esta iniciativa por dúas razóns. A primeira, porque figura no Acordo de Investidura de Inés Rey pactado por BNG e PSOE. E segunda, porque o que estamos a ver no mercado da vivenda na Coruña, remarca Veira, “é insoportábel para a grande maioría da sociedade coruñesa”.

“A alza das hipotecas derivadas do aumento dos tipos de xuro decretado polo Banco Central Europeu veuse sumar a unha realidade xa marcada por prezos de venda e aluguer inalcanzábeis para a inmensa maioría das coruñesas e coruñeses”, argumenta Veira.

Non é posíbel ficar de brazos cruzados diante desta situación e, alén de impulsar políticas de vivenda propias desde María Pita, o Goberno Local ten que se dirixir á Xunta de Galiza -cuxa folla de servizos na materia na nosa cidade é practicamente nula, a pesar de ser a administración que ostenta a maior parte das competencias- para a nosa cidade ser cualificada como mercado residencial tensionado, alega a concelleira nacionalista.

O BNG esixe a declaración de A Coruña como mercado de vivenda tensionado