BNG | Nota de prensa | Cárcere provincial

O BNG insta o goberno local a que impulse a declaración do antigo cárcere provincial como ben de interese cultural

Moción para a súa defensa no pleno do xoves 3 de outubro

O BNG insta o goberno local a que impulse a declaración do antigo cárcere provincial como ben de interese cultural

A Coruña, a 28 de setembro de 2019.- O grupo municipal do BNG vai defender no pleno do próximo 3-O unha moción para o concello demandar da Xunta a declaración do antigo cárcere provincial como ben de interese cultural.

Será Avia Veira quen defenda esta iniciativa a través da cal o BNG pretende garantir a conservación do edificio e a súa abertura ao público.

O cárcere foi construído en 1925 en terreos de propiedade municipal cedidos polo concello ao naquela altura chamado Ministerio da Guerra. “É un edificio singular cun alto valor arquitectónico e histórico cuxo deseño radial sobre o eixo panóptico responde ás teorías disciplinarias de Bentham [filósofo inglés do século XVIII]”, relata Avia Veira no texto da moción.

Se o cárcere fose declarado como BIC –para o BNG reúne valores arquitectónicos e históricos máis que sobrados para que así sexa- o seu actual propietario, o Estado, tería que “investir o necesario” para o seu mantemento e, alén do máis, tería tamén que estabelecer “un réxime de visitas para o público”, para dese xeito dar cumprimento á lei 5/2016, de 4 de marzo, de Patrimonio Cultural da Galiza.

“Este inmóbel singular, que abrangue no seu interior tanta memoria, tanta historia, non pode seguir no estado de abandono e de deterioro actual. Cómpre actuar decontado”, advirte Avia Veira.

A declaración do cárcere como BIC e a súa correcta conservación por parte do seu propietario non significa en absoluto que o BNG renuncie á cesión gratuíta do edificio ao concello. Mais mentres esa transferencia non se concretar, o Estado debe impedir a ruína do inmóbel, a xuízo das nacionalistas.

O BNG insta o goberno local a que impulse a declaración do antigo cárcere provincial como ben de interese cultural