BNG | nota de prensa

O BNG insta o goberno local a non destinar ningunha partida dos orzamentos 2022 a mercar os peiraos de Calvo Sotelo e batería

Son terreos públicos e, unha vez liberados de usos portuarios, non ten ningún sentido destinar diñeiro público á súa adquisición.
O BNG insta o goberno local a non destinar ningunha partida dos orzamentos 2022 a mercar os peiraos de Calvo Sotelo e batería

A Coruña, a 7 de xaneiro de 2022. Esa posición do BNG sobre os peiraos do Calvo Sotelo e Batería vaise levar ao Pleno do vindeiro xoves 13X en forma dunha moción que será defendida polo noso voceiro, Francisco Jorquera.

A iniciativa insta o Goberno Local a que non inclúa ningunha partida destinada á adquisición dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería nos orzamentos do Concello para 2022. Orzamentos dos que, polo demais, continuamos sen ter noticias, como denunciou Jorquera no Pleno extraordinario do pasado 30 de decembro.

O Goberno Local comprometeuse a destinar 15 millóns de euros das arcas do Concello a mercar Batería e Calvo Sotelo, nunha operación que se insire nunha lóxica, a de amortizar así a débeda contraída pola Autoridade Portuaria coruñesa pola construción da dársena exterior de Punta Langosteira, que o BNG non comparte en absoluto.

A débeda debe ser condonada como foi a de València e pagar agora por Batería e Calvo Sotelo é tanto como renunciar a liquidación do débito, considera Jorquera.

É por isto que o grupo municipal do BNG propón que eses 15 millóns se destinen “a atender outras necesidades da cidade” e, en particular, a “incrementar a dotación para o desenvolvemento dun Plan de rexeneración e revitalización dos barrios”.

Esta proposta fai parte do catálogo de ideas que o BNG trasladou ao Goberno Local para a súa incorporación aos orzamentos 2022, sen que polo de agora teña habido resposta por parte do Executivo coruñés, silencio que animou a formación nacionalista a levar esta cuestión ao Pleno a través desta moción.

O BNG insta tamén o Goberno Local a que impulse a constitución dun consorcio, coa participación das distintas administracións e entes implicados, para acometer a transformación dos terreos do porto interior, mantendo sempre a súa titularidade pública.

Igualmente, a formación nacionalista empraza o Executivo coruñés a que esixa a condonación da débeda do porto e ínstao a que artelle fórmulas directas de participación da cidadanía na definición da futura fachada marítima da Coruña.

O BNG insta o goberno local a non destinar ningunha partida dos orzamentos 2022 a mercar os peiraos de Calvo Sotelo e batería