BNG | nota de prensa

O BNG leva ao pleno as sucesivas crises do goberno municipal, até 7 no que levamos de mandato

“Inés Rei asumiu a alcaldía facendo bandeira do diálogo e a estabilidade sen que se materializase nin unha cousa nin a outra”, afirma Francisco Jorquera

O BNG leva ao pleno as sucesivas crises do goberno municipal, até 7 no que levamos de mandato

A Coruña, a 29 de abril de 2022. Até 7 crises ten experimentado o Goberno Local no que vai de mandato, razón máis que suficiente para que o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, leve o asunto ao próximo Pleno do 5M en forma de pregunta oral ao Executivo coruñés.

Que valoración fai a alcaldesa da situación do Goberno Municipal?” é o teor literal da pregunta, rexistrada após se coñecer a sentenza que anula o nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes.

“Preocúpanos o que está a acontecer”, di Jorquera, “porque se se confirmar a anulación do nomeamento de Mónica Martínez [a sentenza aínda non é firme] estaríamos ante a sétima crise no que levamos de mandato que afecta a estrutura do Goberno Local”. A sétima que se engade a un longo serial de cesamentos (Eva Martínez Acón como concelleira de Emprego), renuncias (Juan Manuel Díaz Villoslada como concelleiro de Urbanismo, Rómulo Sanjurjo como director de área de Cultura ou Santiago Roura como coordinador xeral da Alcaldía) ou retirada de competencias (Jesús Celemín como concelleiro de Cultura).

Estas sucesivas crises afectan obviamente o funcionamento normal do Goberno coruñés e abocan o Concello a unha preocupante situación de inestabilidade. Se a iso sumamos que nos últimos tempos o Goberno Local “ten roto as vías de diálogo coa oposición” chegaremos a conclusión de que “Inés Rey asumiu a Alcaldía facendo bandeira do diálogo e da estabilidade, sen que se materializase nin unha cousa nin a outra”.

A crise permanente en que se ten instalado un Goberno Local “cada vez máis ensimesmado” tradúcese nunha xestión marcada pola “parálise e a falta de impulso”, conclúe Jorquera.

O BNG leva ao pleno as sucesivas crises do goberno municipal, até 7 no que levamos de mandato