BNG | nota de prensa

O BNG propón nunha moción contra os abusos bancarios

A iniciativa vaina defender Francisco Jorquera no pleno do 8A

O BNG propón nunha moción contra os abusos bancarios
Jorquera
Jorquera

A Coruña, a 4 de abril de 2021. O Concello tense que implicar para, desde a súa interlocución cos gobernos central e galego, defender a adopción de medidas que poñan fin aos abusos bancarios e a exclusión financeira –eis os fechamentos de oficinas na nosa cidade- que sofren sectores cada vez máis amplos da veciñanza.

Así o vai defender o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, por medio dunha moción que se vai debater e votar no pleno do próximo xoves 8 de abril.

Comisións que se incrementan abusivamente, campañas que convidan as persoas maiores a utilizar internet para facer as súas xestións (ignorando a existencia da fenda dixital), fechamento de oficinas, recortes de servizos e horarios...Todos estes fenómenos, consecuencia do imparábel proceso de concentración e centralización do poder financeiro, están a resultar en prexuízos para as persoas consumidoras e iso a pesar de que foron as e os cidadáns as que financiaron o rescate do sector bancario após a crise de 2008, “con perto de 42 mil millóns de dólares de fondos públicos que o propio Banco de España dá por perdidos”, defende Jorquera.

O proceso de concentración e centralización deixou fóra Galiza. E na Coruña sabémolo ben, coa desaparición de entidades (Caixa Galicia, Banco Pastor, Banco Gallego, xa nun pasado máis remoto o Banco do Noroeste). Da man da desgaleguización veu tamén o desvencellamento do sector financeiro das necesidades da nosa economía produtiva e así Galiza é entre os territorios do Estado aquel que presenta unha peor ratio na relación entre os aforros depositados nos bancos e os créditos concedidos no propio país. Dito doutro xeito, os aforros das e dos galegos drénanse fóra, reinvístense fóra da Galiza.

Que defende en concreto o BNG nesta moción? Que o Concello se dirixa ao Goberno central para que nas súas funcións de regulación do sector financeiro impida prácticas como o incumprimento das normas de competencia, o agravamento da exclusión financeira ou o recurso sistemático ao incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal.

Canto ás competencias da Xunta, a Administración galega débese mover para evitar a deslocalización de servizos financeiros e, a través do Instituto Galego de Consumo e Competencia, debe promover campañas colectivas de reclamacións bancarias, con información ás persoas consumidoras e coa realización de estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.

Por último a iniciativa do BNG pretende que a Corporación municipal exprese o seu apoio “ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego”.

O BNG propón nunha moción contra os abusos bancarios