mobilidade

O BNG Propón Solucións para a Mobilidade no Polígono de Agrela

A concelleira do BNG, Avia Veira, mantivo unha reunión esta mañá diante do estadio Agrela 1 Rodrigo Vizoso, con traballadoras e traballadores do Polígono de Agrela para abordar os problemas de mobilidade que sofren a diario, como a falta de prazas de aparcamento e as insuficiencias no transporte público urbano.
O BNG Propón Solucións para a Mobilidade no Polígono de Agrela
Avia Veira con traballadoras do polígono de Agrela
Avia Veira con traballadoras do polígono de Agrela

A Coruña, 18 de setembro de 2023.- "Estamos aquí para responder a unha demanda dos traballadores do propio polígono, que denuncian os graves problemas que enfrontan ao desprazarse aos seus empregos", indicou Avia Veira nun encontro cos medios.

Estes problemas de mobilidade afectan significativamente o acceso aos seus empregos. "Levamos anos denunciando que sen vehículo privado, non se pode traballar no Polígono de Agrela. Dados os prezos dos vehículos, o combustible e os seguros, non todos poden permitirse ter un coche", subliñou Veira.

A concelleira compartiu tres propostas concretas coas traballadoras e traballadores para abordar os problemas de mobilidade. A primeira é a creación de aparcadoiros disuasorios no polígono para aquelas persoas que teñen que usar vehículos privados, como aqueles que veñen de fóra da comarca. A segunda é garantir que estes aparcadoiros estean ben conectados co transporte público, con buses que pasen por eles cada cinco minutos para transportar aos traballadores aos seus empregos.

A terceira proposta é a valorización da infraestrutura ferroviaria existente no polígono, en preparación para un futuro servizo de tren de proximidade na cidade e na comarca.

"Estamos aquí para ofrecer solucións aos problemas que os traballadores nos trasladaron. Estas propostas serán presentadas no Pleno", afirmou.

Ademais, Avia Veira destacou a necesidade de traballar na mobilidade peonil e ciclista unha vez que o tráfico de vehículos diminúa considerablemente. Tamén sinalou a importancia de garantir un bo sistema de iluminación no polígono para a seguridade das traballadoras que saen dos seus empregos tarde e que ás veces deben percorrer longos traxectos ata os seus vehículos.

O BNG Propón Solucións para a Mobilidade no Polígono de Agrela