Nostián

O BNG urxe ao goberno local a que inste a Albada para que dea cumprimento á sentenza xudicial que obriga a selar os vasos colmatados da planta de Nostián

A través dunha moción, Jorquera empraza o Executivo coruñés a que licite coa máxima celeridade un novo contrato e a que, respectando un pronunciamento anterior do Pleno, se defenda ante o Estado o modelo húmido seco de separación do lixo.
O BNG urxe ao goberno local a que inste a Albada para que dea cumprimento á sentenza xudicial que obriga a selar os vasos colmatados da planta de Nostián

A Coruña, 1 de setembro de 2023 - O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, presentará unha moción no próximo Pleno do día 7 de setembro, na que urxe ao Goberno Local a que inste de maneira enérxica á empresa Albada para que cumpra a sentenza xudicial que a obriga a selar os vasos colmatados da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián.

A falta de selado dos vertedoiros representa un serio problema ambiental, xa que os vasos, alonxados da adecuada clausura, continúan a verter augas e lixiviados na rede de saneamento. Ademais, como destacou Jorquera na exposición de motivos da súa iniciativa, "aínda non se atopou unha solución definitiva para os residuos, que continúan a ser enviados ao Centro Xestor das Pías en Sobrado dos Monxes".

O obxectivo do BNG con esta moción é que o Goberno Local leve á práctica os acordos contidos nunha outra moción que foi aprobada por unanimidade no mandato anterior, na sesión plenaria do 2 de marzo. Nese día, o Pleno instou ao Executivo coruñés a "adoptar todas as medidas necesarias diante do Ministerio de Transición Ecolóxica" para "defender e manter un modelo viable de separación húmido-seco das fraccións de lixo". Tamén se demandaba que os pregos do novo contrato, que xa caducou en decembro de 2019, fosen consensuados dentro do Consorcio das Mariñas e que incorporasen medidas para a redución dos residuos, co obxectivo de cumprir cos estándares europeos de tratamento dos residuos.

No entanto, seis meses despois da aprobación desta moción, "non hai evidencias de progreso no seu cumprimento" e persisten "moitas incertezas sobre o futuro da planta de Nostián e do modelo de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos da Coruña", sinalou Jorquera.

Neste contexto, o portavoz nacionalista indicou que tanto o Ministerio de Transición Ecolóxica como a Xunta de Galiza seguen a apoiar a recollida separada de envases, o que implicaría a instalación dun quinto contedor nas rúas, con consecuencias ambientais e custos adicionais.

Jorquera resaltou que, segundo un estudo de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), o modelo coruñés é máis sostible que o de SOGAMA. En 2022, en Nostián, recuperouse o 58,4% dos envases lixeiros, cunha media de 31,9 quilos de residuos de envases por habitante e ano, fronte ao 15,4% (con 8,3 quilos por habitante e ano) de SOGAMA.

Entretanto, a planta de Nostián continúa a deteriorarse, segundo denuncian os traballadores, chegando ao punto de que se produciu "unha avaría no separador balístico que afecta á separación de materiais por densidade, o que resulta nunha menor calidade na separación e un aumento dos envíos ao vertedoiro".

Jorquera subliñou que o tratamento e a eliminación dos residuos sólidos urbanos son servizos esenciais para garantir a protección da saúde pública e do medio ambiente. "Non é aceptable que case catro anos despois do final da concesión, e coa pasaxe dun mandato completo, este servizo siga a ser prestado en situación precaria", rematou.

A moción insta ao Goberno Local a cumprir os acordos de marzo, licitar o novo contrato canto antes, vixiar o correcto funcionamento da planta (incluíndo o selado dos vasos cheos de lixo) e desenvolver un plan de mellora da separación na fonte, xunto con campañas de información e concienciación dirixidas á comunidade.

O BNG urxe ao goberno local a que inste a Albada para que dea cumprimento á sentenza xudicial que obriga a selar os vasos colmatados da planta de Nostián