Participación cidadá

O centro cívico de Monelos acolle este sábado, día 2, un novo encontro ‘Dillo ti’

A xuntanza, que comezará ás 12.00 horas, contará con servizo de tradución á linguaxe de signos así como outro de conciliación, aberto a toda á cidadanía

O centro cívico de Monelos acolle este sábado, día 2, un novo encontro ‘Dillo ti’
Dillo ti nos Rosales
Dillo ti nos Rosales

A Coruña, 30 de xaneiro de 2019.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e membros do goberno local participarán o vindeiro sábado 2 de febreiro, a partir das 12.00 horas, nunha nova xuntanza Dillo ti. Esta canle de participación cidadá, posta en marcha polo executivo municipal o 30 de xaneiro de 2016, propón un espazo aberto ao diálogo e á conversa entre a cidadanía e o goberno, co obxectivo de poder abordar demandas e inquedanzas da veciñanza e que esta obteña unha resposta directa e inmediata por parte das e dos responsables municipais.

Nesta ocasión a xuntanza terá lugar no centro cívico de Monelos. Será a segunda vez que o Dillo ti encontro se celebre no barrio desde a implantación, hai tres anos, deste programa de participación cidadá. Desde entón, realizáronse encontros nos Castros, Palavea, Os Mallos, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, O Castrillón, Sagrada Familia, Pescaría, A Silva, Feáns, Adormideras, Labañou, Eirís, Santa Margarida, Elviña, Nostián, Zalaeta, San Pedro de Visma, O Birloque, Riazor e Matogrande, entre outras zonas.

A cita, cunha duración aproximada duns 90 minutos, contará como é habitual cun servizo de tradución á lingua de signos, ademais dun espazo de conciliación, que permite ás persoas con nenas ou nenos ao cargo asistir á xuntanza, e que está aberto á toda a cidadanía. Así, todas as e os menores que desexen participar neste espazo lúdico --para o que non é necesaria a inscrición previa-- poderán facelo acudindo ao equipamento municipal durante a celebración do Dillo ti --12.00 a 13.00 horas-- ata completar o número de prazas dispoñibles. Para máis información sobre estas xuntanzas, pódese visitar www.coruna.gal/conversascoalcalde.

O centro cívico de Monelos acolle este sábado, día 2, un novo encontro ‘Dillo ti’