Urbanismo

A Comisión Aberta busca pegamento

As críticas á iniciativa de Marea Atlántica por convocar un roteiro o pasado domingo marcan a asemblea de preparación da manifestación do día 7.

A Comisión Aberta busca pegamento
Asemblea da Comisión Aberta de Defensa do Común este martes cinco días antes da manifestación-min
Asemblea da Comisión Aberta de Defensa do Común este martes cinco días antes da manifestación.

Como se traballa dentro dunha plataforma política? Segundo o debate de onte na asemblea da Comisión Aberta de Defensa do Común, hai dúas formas. Unha, a clásica, coas organizacións e colectivos implicados cedendo a iniciativa para acadar consensos. Outra, innovadora, garantindo por riba de todo a autonomía de cada organización ou colectivo particular. Por expresalo en palabras do representante de Zocamiñoca: “Nós non participamos en plataformas que nos digan o que podemos ou non podemos facer”. Era a primeira vez que Zocamiñoca tomaba parte nunha das asembleas da Comisión e o seu representante, a título individual, marchou antes de que rematara.

A cinco días da manifestación do día 7 de maio que pretende contrarrestar coa veciñanza na rúa o poder da Autoridade Portuaria e o Estado que lexitima esa autoridade, a Comisión Aberta busca pegamento.

O debate sobre as formas de participar ou non participar viña a conto da reprimenda da CIG e do BNG á Marea Atlántica por ter convocado o roteiro do último domingo de abril sen ter en conta a opinión da Comisión Aberta. A xustificación buscárona os membros de Marea no seu xeito de participar.

“Se cada un pega os carteis que lle parece, para que carallo queremos os carteis que encargou a Comisión?”, preguntou un dos portavoces nacionalistas. O asunto alterou a orde do día, na que se trataba de poñer nomes ao presentador (falarán con Xurxo Souto), decidir quen irá na faixa de cabeza (será a ducia e pico de membros da Comisión) e recordar que o lema incluirá a expresión “devolución gratuíta” (do cárcere, dos peiraos, dos terreos en disputa). Mañá xoves a Comisión convocará unha rolda de prensa para chamar á mobilización. Presidirá o cartel deseñado por Pepe Barro, unha bica cun coitelo listo para facer racións. “Basta xa de especulación!” bramará a faixa. E, como recordou alguén case ao final da asemblea, a faixa está por facer e non é pequena. A Comisión busca mans e pegamento para encetar un camiño, que non lle papen o pastel, que xa se dixo (e xa se viu) non será doce.


Máis información

Remata a acampada de dous días por unha Coruña aberta ao mar

Risco de creba na unidade fronte ás privatizacións


 

Comentarios
A Comisión Aberta busca pegamento