Mobilidade sostible

O concelleiro de Mobilidade Sostible celebra que a Xunta “rectifique, escoite ao Concello e manteña a implantación escalonada do acceso do transporte interurbano ao centro da cidade”

Daniel Díaz Grandío indica, tras participar hoxe na comisión de seguimento do Plan de Accesibilidade do Transporte Metropolitano, que o Goberno autonómico trasladou que estudiará ampliar a cobertura dos autobuses ao aeroporto de Alvedro, para que dea servizo aos voos de primeira e última hora, tal e como solicitou o goberno local

O concelleiro de Mobilidade Sostible celebra que a Xunta “rectifique, escoite ao Concello e manteña a implantación escalonada do acceso do transporte interurbano ao centro da cidade”
Daniel Díaz Grandío
Daniel Díaz Grandío

Concello da Coruña | 10/04/2018

As próximas fases de implantación do acceso do transporte interurbano ao centro da cidade farase de maneira escalonada, tal e como propoñía o Concello da Coruña, polo que se mantén o plan por fases. Tal e como sinalou hoxe o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, tras participar na comisión de seguimento do Plan de Accesibilidade do Transporte Metropolitano, a Xunta de Galicia "optou por retirar a proposta feita pública a semana pasada de unificar as dúas seguintes fases previstas" e manter así o plan inicial, que "garante o éxito da implantación". Nese sentido, o edil celebra que a Consellería de Infraestruturas da Administración autonómica "tivese recapacitado neste aspecto e atenda ás reclamacións do goberno local, xa que o éxito desta implantación radica na súa división en fases, o que permite controlar e analizar os posibles problemas que xurdan". Para o responsable de Mobilidade "é fundamental que o acceso do transporte interurbano ao centro non provoque problemas no tráfico, unha cuestión que garantiu o sistema adoptado ata o momento". "Non tiña sentido modificar agora o plan por fases, que se amosou como a mellor maneira de ter o control sobre a implantación de liñas, por rematar un mes antes. Como administracións públicas a nosa responsabilidade é garantir unha xestión correcta e efectiva, e así debe asumilo a Xunta", indicou.

Desde xeito, a terceira fase de implantación levarase a cabo o 30 de abril, día no que seis liñas de transporte da concesionaria Automóviles Sigrás Carral, con orixes en Santa Comba, Culleredo, Cambre ou Carral, poderán facer paradas de fin de traxecto no centro da cidade. "Se esta etapa remata con bos resultados, o 28 de maio dará comezo a seguinte. O sistema definido hai un ano entre Xunta e Concello, despois de que o goberno local tivera que verlle facer á Xunta que o Plan de Accesibilidade podería derivar nun caos circulatorio na cidade, está a funcionar sen problemas, polo que non entendemos que a Consellería de Infraestruturas quixera introducir novos cambios", apunta. Na última fase de implantación a este plan de penetración sumaranse oito liñas de transporte con orixes en Ferrol, Ourense, Betanzos, Friol e Muros, das concesionarias Arriva e Castromil. A Consellería de Infraestruturas comunicou tamén o remate dos traballos nas paradas dos autobuses en Entrexardíns e Linares Rivas, que cederá ao Concello. As obras serán recepcionadas unha vez que o goberno local supervise o estado das obras.

Na reunión da Comisión de seguimento do Plan de Penetración do Transporte Metropolitano tamén se abordou a reclamación municipal para que a Xunta de Galicia mellore o servizo de transporte público entre a cidade e o aeroporto de Alvedro, especialmente nas primeiras e últimas horas do día, para dar servizo ás persoas que viaxan nestas horas. "Valoramos tamén que a Xunta entenda que esta liña, que é de competencia exclusiva do goberno autonómico, precisa un horario máis amplo", informou Díaz Grandío, quen sinalou que a Xunta se comprometeu a estudar a reivindicación do Concello ao respecto.

O concelleiro de Mobilidade Sostible celebra que a Xunta “rectifique, escoite ao Concello e manteña a implantación escalonada do acceso do transporte interurbano ao centro da cidade”