Bosques da Coruña | Cambio climático

O Concello creará o Bosque de Breogán en Feáns

A edil María García presentou esta mañá o proxecto, o segundo da iniciativa Bosques da Coruña, que afonda na estratexia de loita contra o cambio climático, o incremento da biodiversidade e a prevención de incendios a través de solucións baseadas na natureza. A área contará con zonas de árbores, claros para o repouso, catro quilómetros de sendas e infraestruturas para o xogo e o lecer saudable.

O Concello creará o Bosque de Breogán en Feáns
A concelleira de Medio Ambiente, María García
A concelleira de Medio Ambiente, María García

Concello da Coruña | 17/08/2018

A concelleira de Medio Ambiente, María García, avanzou esta mañá o segundo dos espazos verdes que se proxectan na cidade dentro do programa municipal Bosques da Coruña, que estará situado en Feáns e se chamará Bosque de Breogán. Como explicou García, o Concello vai recuperar e rexenerar unha zona verde degradada, de 83.000 metros cadrados, mediante a plantación de especies autóctonas de árbores e de sotobosque, unha actuación que se completará coa creación dunha rede de sendeiros e de mobiliario para o lecer e o descanso. O futuro bosque estará situado en terreos municipais ao sur do cemiterio de Feáns, entre o equipamento e a Urbanización Breogán. "Trátase dunha área castigada pola construción de infraestruturas e tamén porque amplas zonas foron lugar de depósito de entullos. É unha paisaxe ferida pero que por sorte está cicatrizando", afirmou García, quen explicou que, con este proxecto, se busca "potenciar o cinto verde periurbano e a naturalización da cidade, unha política prioritaria do Goberno local para a conservación e mantemento da natureza urbana e a súa biodiversidade". O Bosque de Breogán, que está en fase de anteproxecto, seguirá o mesmo proceso de consulta cidadá ao que se someteu o primeiro dos Bosques da Coruña, o das Cinco Illas, no barrio dos Rosales.

García recalcou que o Concello aposta nas súas políticas ambientais, como exemplifica o proxecto Bosques da Coruña, por solucións baseadas na natureza, "que aportan unha maior calidade de vida e están destinadas a uso público, a un lecer saudable".  Este tipo de solucións, apuntou, "son tamén unha estratexia de loita contra o cambio climático, tanto de mitigación porque expandimos o bosque para combater o CO2 como de adaptación porque preparamos lugares de sombra ante episodios de calor". Nesta liña, García recalcou que este tipo de proxectos comportan un fomento de biodiversidade na cidade e de oportunidades de contacto coa natureza, unha mellora da paisaxe e forman parte da estratexia de prevención dos incendios forestais, "xa que substitúen masas de vexetación facilmente combustible por outras que aportan humidade ao sistema e que son máis resistentes ás lapas".  

O espazo está proxectado en catro áreas que teñen "diferentes características, tipoloxías de vexetación e potencialidades de uso" e nas que as intervencións previstas buscan acadar a máxima naturalidade coa implantación de vexetación autóctona no espazo, que estará atravesado por unha rede principal e outra secundaria de sendeiros para favorecer a súa transitabilidade e tamén a conexión coas zonas urbanizadas próximas ao bosque. Ademais, o espazo verde acondicionarase cunha mínima intervención, que respecte a paisaxe actual e evite grandes desmontes ou movementos de terras, e tamén cun deseño de bosque autónomo e eficiente que precise dun pouco mantemento. Como avanzou a concelleira, está prevista a ampliación do bosque, nunha segunda fase, que incluirá o perímetro do cemiterio conectará co núcleo de Feáns e a rede de sendeiros que conducen ao núcleo de Feáns.   

Tal e como explicou García, o bosque contará cunha zona central formada por unha pradaría poboada de plantas herbáceas "que convida a unha estancia tranquila para o goce da natureza" e que contará con mobiliario para fomentar o repouso. Este claro natural está rodeado de dúas masas arbóreas, unha de salgueiros e outra de eucaliptos, na que se vai intervir de maneira paulatina para ir substituíndo estes exemplares por vexetación autóctona. Ao carón desta área central atópase unha zona que presenta unha maior degradación ambiental, "na que houbo depósitos de entullos e restos de áridos de obras". "Pretendemos que esta zona, na que se van facer actuacións brandas de acondicionamento, sexa a zona de uso máis intensivo", indicou. Así, aportarase unha nova capa de terra vexetal "que permita plantar especies axeitadas para unha zona de xogos para nenos e nenas e de estancias de uso máis intensivo". Nas dúas áreas restantes, as máis próximas á Urbanización Breogán, a intervención permitirá que o piñeiral e a explanada existentes acollan unha zona de estancia, accesible a persoas maiores, onde poida haber mesas e merendeiros e outro mobiliario para o descanso, no que existan tamén espazos con sombra e para a práctica do deporte. A Concellería de Medio Ambiente comezou realizar accións de adecuación este ano, que consistiron na tala dos exemplares de eucalipto que non cumprían coa distancia mínima ás casas.  

O novo espazo verde contará tamén cunha rede principal e outra secundaria de sendeiros, de case catro quilómetros, para favorecer a mobilidade e a realización de actividades ao aire libre, na que se recuperarán, potenciarán e estabilizarán os antigos camiños, que se complementarán coa creación de novas vías a través dunha roza e sega baixa que permitan o tránsito peonil. A iniciativa ten un orzamento inicial estimado de 450.000 euros, que se sufragará maioritariamente con fondos DUSI. O proxecto EIDUSCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).

Comentarios
O Concello creará o Bosque de Breogán en Feáns