Declaracións do concelleiro Xiao Varela

o Concello “non renunciará a cumprir o mandato da cidadanía de que o cárcere provincial sexa un espazo aberto e participado”

As condicións do convenio até o de agora vixente impedían ao Concello acometer o investimento necesario para poñer a punto o edificio e frear o grave deterioro que sofre, feito polo cal o goberno local decidiu non prorrogar a súa continuidade

O titular de Rexeneración Urbana avanza que solicitará unha nova reunión urxente con Equipamentos Penitenciarios co obxectivo de chegar a un acordo que permita que a vella prisión sexa “un espazo aberto á cidadanía, realmente seguro e accesible”

o Concello “non renunciará a cumprir o mandato da cidadanía de que o cárcere provincial sexa un espazo aberto e participado”
O edil Xiao Varela.
O edil Xiao Varela.

A Coruña, 11 de febreiro de 2019.- O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reivindicou nesta xornada “a vontade do goberno local de seguir a traballar para conseguir que o antigo cárcere provincial sexa un espazo cidadán seguro, accesible e con todas as garantías”. “A renuncia do Concello a prorrogar o actual convenio de cesión de usos do edificio que ten coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP) deriva, precisamente, das dificultades que presenta o actual acordo que, neste momento, deixaba as mans atadas ao Concello para poder poñer a punto o edificio”, aclarou o responsable municipal, que insistiu en que, “o feito de non seguir adiante con este convenio nas condicións actuais, para nada supón que renunciemos ao cárcere”. “A apertura deste espazo á cidadanía é un obxectivo de programa deste goberno. Non obstante, debemos facelo con todas as garantías e niso é no que estamos a traballar”, dixo o edil. “O goberno local aposta dende o primeiro día por recuperar este edificio. O que ocorre é que existen moitas outras administracións que levan moito tempo poñendo atrancos”, recordou. “O desleixo por parte de anteriores gobernos e administracións é o principal motivo do grave estado de deterioro que presenta o equipamento”, recordou.

Tal e como estaba formulado o convenio de cesión entre Concello e SIEP, en vigor até o pasado día 15 de xaneiro, o Concello non podía realizar o investimento necesario para a adecuada posta a punto do edificio. “O convenio establecía un límite orzamentario que se demostrou moi insuficiente, de 300.000 euros, a vista do grave deterioro do inmoble, que quedou exposto unha vez comezaron os traballos de adecuación”, manifestou Varela, que salientou tamén os obstáculos que implica o feito de que a infraestrutura non sexa de titularidade municipal. “Como o Concello, polo momento, non é o titular do cárcere, está imposibilitado legalmente para asumir o forte investimento que sería necesario para frear o grave deterioro que sofre e que se demostrou cando comezaron as obras impulsadas polo goberno para posibilitar a súa apertura”, explicou. “O convenio co SIEP non nos permite investir a cantidade precisa para rehabilitar o espazo pero, á vez, fainos responsables da conservación do edificio mentres dura a cesión de usos”, contrapuxo.

Cambio de titularidade ou cesión indefinida

Ante esta situación, o titular de Rexeneración Urbana reitera que a folla de ruta do goberno local pasa por “continuar loitando para que a administración local obteña a titularidade do edificio e que, mentres iso non ocorre, o SIEP asuma as súas responsabilidades”. “No inmediato, imos solicitar unha nova reunión urxente co SIEP para seguir buscando alternativas que nos permitan avanzar na recuperación do cárcere para a cidadanía”, indicou Varela.

Antes de renunciar á prorroga do anterior convenio de cesión, o goberno local fixo a Equipamentos Penitenciarios dúas propostas, dirixidas a outorgar ao Concello da Coruña da capacidade necesaria para poder actuar no edificio. A primeira opción pasaba por ceder ao goberno local a titularidade do equipamento á espera do fallo xudicial sobre a mesma, mentres que a segunda proposta era a dunha cesión de usos, neste caso, indefinida. “Trátase, en ambos casos, de solucións que permitirían ao Concello investir no inmoble, á vez que amortizar ese cuantioso gasto”, explicou o edil Varela, que indicou, como exemplo, “que só a renovación da envolvente do edificio está taxada nuns 13 millóns de euros”.

A este respecto, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, manifestou que “o compromiso do goberno local coa apertura e recuperación do cárcere para a cidadanía non está en cuestión”. “Foi este goberno local e non ningún dos anteriores o que logrou abrir o cárcere á cidadanía. Na actualidade, o executivo coruñés segue a buscar fórmulas para recuperar este espazo, mentres existen outras administracións e outras formacións que parece que non están pola labor”, comentou, á vez que lamentou “a oposición radical amosada polo PP á apertura do cárcere, que parece moito máis interesado en evitar que se free o deterioro do edificio”.

A concelleira quixo agradecer o traballo realizado por todas as persoas e entidades que traballaron e traballan a prol da recuperación deste simbólico espazo. “O goberno local continúa traballando para dar cumprimento a un mandato da cidadanía”, explicou.

o Concello “non renunciará a cumprir o mandato da cidadanía de que o cárcere provincial sexa un espazo aberto e participado”