Reunión Inés Rey - Feijóo

Concello e Xunta acordan a construción do novo CHUAC, do centro de saúde de Santa Lucía, da Intermodal e dun albergue de peregrinos

Inés Rey: “Hoxe sentamos as bases do futuro sociosanitario da cidade ao acordarmos a sinatura do convenio para o novo CHUAC en xaneiro, un hospital que xa é unha referencia en Galicia e no Estado, e que ampliaremos e dotaremos con máis medios materiais”
Concello e Xunta acordan a construción do novo CHUAC, do centro de saúde de Santa Lucía, da Intermodal e dun albergue de peregrinos
Núñez Feijóo e Inés Rey
Núñez Feijóo e Inés Rey

A Coruña, 11 de xaneiro de 2021.- A alcaldesa, Inés Rey, acordou esta mañá co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, impulsar diferentes proxectos de interese para A Coruña, como a construción do novo complexo hospitalario co que "sentamos as bases do futuro sociosanitario da cidade". Sinalou que "tras un ano durísimo en que a actualidade política e a xestión viñeron marcadas pola pandemia, a saúde é un dos obxectivos prioritarios" e agradeceu "a disposición do Goberno autonómico para que A Coruña acade mellores cotas de benestar e volva ser referencia do noroeste peninsular a nivel de dotacións, infraestruturas e benestar social".

A alcaldesa apuntou que o convenio sobre o hospital asinarase este mes, co fin de "ampliar un hospital que xa é unha referencia en Galicia e no Estado, para o dotar de máis medios materiais". Unha reunión, apuntou a alcaldesa da Coruña, que se enmarca dentro "da normalidade das relacións institucionais que procuramos desde o Concello e así o levamos facendo desde a primeira toma de contacto en xullo de 2019".

Inés Rey lembrou que "tras un ano durísimo en que a actualidade política e a xestión viñeron marcadas pola pandemia, tivemos esta reunión en que un dos obxectivos prioritarios é a saúde e a sanidade pública, polo que, tras analizarmos a actualidade desta crise na Coruña, sentamos as bases do futuro sociosanitario da cidade e acordamos asinar o convenio para o novo CHUAC en xaneiro, un hospital que xa é unha referencia en Galicia e no Estado, e que ampliaremos e dotaremos con máis medios materiais".

Pola súa banda, o presidente da Xunta agradeceu a dispoñibilidade do Concello para impulsar o proxecto e destacou o compromiso desde María Pita para xestionar os servizos municipais do novo hospital. O mandatario remarcou o gran servizo que lle dá o Concello á cidadanía, tanto á da Coruña como á da súa área e recordou que a Xunta reservou os primeiros 19 millóns de euros para esta obra futura, un hospital de 225.000 metros cadrados, co 55% das habitacións individualizadas, e 2.600 prazas nun aparcadoiro ordenado.

A actuación comezará pola reforma do primeiro edificio, para o que o Concello desbloqueará a súa licenza nos vindeiros días, co fin de iniciar a fase cero. Deste xeito, Rey e Feijóo sinalaron que neste mes iniciarase a traza destas obras no edificio xa operativo e que terán un prazo máximo de execución de 14 meses.

CENTRO DE SAÚDE DE SANTA LUCÍA

Por outra banda, desbloqueouse a posta en marcha das obras no Mercado de Santa Lucía para trasladar, por fin, o ambulatorio de Federico Tapia á praza de abastos. Rey asegurou que nas vindeiras semanas asinarase un convenio entre as dúas administracións para que a Xunta financie o proxecto e que este sexa executado por parte do Concello. Un proxecto, apuntou a alcaldesa, que incluirá a remodelación do mercado para localizar o centro de saúde mais que tamén recollerá un centro cívico para o barrio.

FUTURO DO PORTO

Segundo a alcaldesa, a reunión de hoxe foi unha ocasión para acordarmos cuestións que transcenden á cidade "e que necesitan da actuación das demais administracións". En concreto, a alcaldesa lembrou que hai unhas semanas emprazou a todos os entes implicados no porto coruñés para falarmos da débeda portuaria, dos protocolos e da conexión ferroviaria con Langosteira, "que agardamos que sexa unha realidade en pouco tempo". Abordaron a situación do porto interior da Coruña, sobre o que a alcaldesa sinalou que é importante traballar de forma conxunta co resto das administracións públicas co obxectivo de facer un porto viable economicamente e recuperar os espazos para a cidade.

RESIDENCIA DE EIRÍS

Respecto ao centro de maiores de Eirís, Rey anunciou que o estudo detalle aprobarase mañá na Xunta de Goberno Local. Esta infraestrutura daralles acubillo a 150 persoas e empregará a outras 140, cun investimento de 15 millóns de euros sufragados pola Fundación Amancio Ortega.

INTERMODAL

Por outra banda, ambos os dirixentes apuntaron a necesidade de impulsar a estación Intermodal e iniciar deste xeito, en marzo, as obras. Concello e Xunta acordaron executar os traballos da estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo como unha única peza cun investimento de 27,5 millóns de euros, dos que 10 millóns serán achegados polo Concello.

ALBERGUE DE PEREGRINOS/AS

Concretaron tamén a construción dun novo albergue na cidade co que impulsaren o Camiño Inglés, polo que desde a Xunta se instou o Concello a seleccionar unha localización: "Esta semana veremos os emprazamentos para realizar un exame técnico e poder executalo". Engadiu que esta infraestrutura é clave para a cidade no ámbito das rutas xacobeas.

Rey recalcou a importancia do diálogo entre as administracións e asegurou que "con independencia dos proxectos políticos, debémonos a todas as cidadás e cidadáns e esa obriga fainos sentar as bases dunha relación de lealdade institucional". Non contempla un escenario de confrontación permanente coas demais administracións porque "nas cuestións relevantes, temos que ser capaces de chegarmos a acordos". Iso é, para alcaldesa, a política: "ser capaz de pór por diante os intereses da cidadanía, e o meu único interese é o ben da Coruña, por iso a miña obriga é acadar investimentos e benestar, calidade de vida para as miñas veciñas e os meus veciños".

Comentarios
Concello e Xunta acordan a construción do novo CHUAC, do centro de saúde de Santa Lucía, da Intermodal e dun albergue de peregrinos