Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

A CRMH leva ao pleno a creación dun Consello da Memoria e dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo

O Pleno Ordinario do Concello da Coruña debaterá mañá luns unha moción presentada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña na que se insta aos grupos a apoiar a constitución dun CONSELLO DE MEMORIA DEMOCRÁTICA e a creación dunha OFICINA DE ATENCIÓN ÁS VÍTIMAS da represión franquista.

A CRMH leva ao pleno a creación dun Consello da Memoria e dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo
logo_crmh
logo_crmh

A proposta da CRMH, que foi rexistrada o venres, pide ademais que o Concello da Coruña se incorpore á Rede de Municipios polo Acceso á Xustiza das Vítimas do Franquismo, tal e como se comprometeu o alcalde en outubro do 2016 coa sinatura do manifesto municipalista de Pamplona.

A CRMH lembra que tanto a nova lei de memoria histórica de Andalucía, como iniciativas municipais en Andalucía, Barcelona, Euskadi ou Valencia, teñen creado organismos semellantes aos que reclama a moción.  A propia CRMH xa solicitou no 2008, baixo goberno do PP, a constitución deste Consello de Memoria.

En canto as funcións destes organismos, a proposta da CRMH precisa que, entre outras, deberán “elaborar informes para a eliminación da simboloxía franquista, recoller documentación sobre as vítimas e testemuñas da vulneración de dereitos humanos durante a Guerra Civil e o franquismo, e participar na dignificación dos lugares da represión que serán convertidos en espazos da memoria”. Como parte do Proxecto Cárcere que está a traballar nunha proposta de recuperación do antigo cárcere provincial da Coruña, a CRMH suxeriu que a futura Oficina de Atención ás Vítimas se instale nese lugar.

Máis información: http://memoriadacoruna.com/

Comentarios
A CRMH leva ao pleno a creación dun Consello da Memoria e dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo