“O peche do Cantón Grande non provocou afección substancial sobre o tráfico da zona”, aseverou o responsable municipal

Daniel Díaz Grandío celebra a "boa acollida" entre a veciñanza da Semana Europea da Mobilidade "

O edil salientou “o papel fundamental” das entidades locais vinculadas á mobilidade e medios de transporte alternativos “á hora de colaborar na realización e difusión das actividades”

Daniel Díaz Grandío celebra a "boa acollida" entre a veciñanza da Semana Europea da Mobilidade "
Daniel Díaz Grandío2
O edil Daniel Díaz Grandío, nun adestramento do Club Ciclista Riazor no Cantón Grande durante a Semana sen Coches

Concello da Coruña | 24/09/2017

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou esta mañá a boa aceptación entre a cidadanía dos actos organizados polo goberno local con motivo da celebración da Semana Europa de Mobilidade, que finaliza hoxe e que tiña, como principal obxectivo, poñer en valor os servizos públicos de transporte e favorecer a reflexión sobre os diversos modelos de mobilidade que conviven no espazo público. "O goberno local ten unha fonda aposta pola transformación da Coruña a través dunha mobilidade máis sustentable, polo que este ano a celebración desta efeméride tivo como eixo fundamental unha proposta programática de iniciativas que, desde diversas perspectivas, daban pé á reflexión sobre que modelos de mobilidade conviven neste intre na cidade, e que pasos se teñen que dar, desde a corresponsabilidade, para camiñar cara a unha Coruña máis sostible e saudable", afirmou Díaz Grandío. Tal e como sinalou o edil, as intervencións, cun marcado carácter lúdico e pedagóxico, buscaron achegar á veciñanza "o debate sobre a necesaria recuperación do espazo público para mobilidades e medios de transporte máis eficientes, amables e respectuosos co medio ambiente". A este respecto, Díaz Grandío destacou a celebración da Carreira de Medios de Transporte, "que permitiu dar a coñecer a veciñas e veciños, dun modo visible e participativo, o custo económico e ambiental que supón cada un dos seus desprazamentos pola contorna urbana".

Precisamente, tanto para esta carreira, que contou coa participación directa de representantes de asociacións veciñais, como para outras actividades, o edil salientou "a fundamental colaboración" de entidades locais "que desde o primeiro momento mostraron o seu interese en colaborar para a difusión destas propostas de sensibilización". "Este ano apostouse pola implicación directa de diversos colectivos locais vinculados á mobilidade e ao tecido social na cidade, desde entidades deportivas, como Crunia, Club Ciclista Riazor ou Roller Derby, até Stop Accidentes ou as que forman parte do Grupo Accesibilidade Coruña, como Grumico, ONCE ou Acropor", dixo Díaz Grandío. A Semana Europea da Mobilidade tamén contou co apoio de Bicicoruña, que bonificou o rexistro de todas as persoas que se inscribiron no programa municipal de bicicletas o Día Sen Coches --22 de setembro-- ou a Compañía de Tranvías, tanto a través das visitas guiadas á Cocheiras como co servizo gratuíto de transporte público nocturno durante as dúas fines de semana de actividades. "Este ano, o uso do bus nocturno por parte da veciñanza aumentou entre un 15 e 30% nas catro noites de celebración", afirmou o responsable municipal.  "A pesares das condicións climatolóxicas, que obrigaron a suspensión de algunhas actividades de rúa como roteiros, adestramentos ou a foto comparativa de medios de transporte, a acollida das iniciativas desta programación foi moi boa", sinalou Díaz Grandío, quen destacou, en particular, o interese que despertaron propostas como o Combate Poético no ParkingDay, as intervencións artísticas de graffiti e ilustración nos Cantóns, a segunda edición do Ciclo Monólogos en Movemento, "que se afianza como unha proposta sorprendente entre as persoas usuarias do servizo público de autobús", o peche controlado de tráfico nos Cantóns "que permitiu a realización de numerosas actividades e que a propia cidadanía gozar, con seguridade, do espazo público que habitualmente pertence ao vehículo motorizado", ou as xornadas de portas abertas tanto á Sala de Pantallas da Policía Local así como a Cocheiras. "Son visitas de prazas limitadas e que tiveron unha demanda notable, polo que se estudará ampliar estas xornadas a outras campañas que se desenvolvan desde a Concellería ao longo do ano para seguir dando a coñecer o traballo tanto do 092 como do servizo público de transporte", expuxo o edil.

"Esta programación permitiu dar a coñecer propostas nas que o goberno local leva dous anos traballando, como a mellora da seguridade viaria na contorna dos centros escolares e medidas de pacificación do tráfico no termo municipal; a aposta pola bicicleta como medio de transporte, tanto a través do servizo de Bicicoruña como da enquisa participativa que definirá as novas localizacións de aparcabicis --e que permanecerá aberta até o mércores 27 a través de https://emapic.es/custom/bicicoruna/aparcabicis--; ou a posibilidade de gañar espazo público para a mobilidade peonil co peche temporal do Cantón Grande". A este respecto, o concelleiro sostivo que a zona, na que se centralizou a meirande parte da programación municipal, "estivo monitorizada en todo momento polos servizos municipais", e o peche do espazo "non provocou afección substancial sobre o tráfico da contorna".

"Iniciativas como esta Semana da Mobilidade son cruciais para favorecer o  necesario debate que se debe afrontar na cidade sobre que modelo de mobilidade queremos, e que pasos debemos dar cara esta transformación", engadiu o titular da área de Mobilidade Sostible.

Daniel Díaz Grandío celebra a "boa acollida" entre a veciñanza da Semana Europea da Mobilidade "