BNG | NOTA DE PRENSA

O goberno local dille ao BNG que vai substituír “progresivamente” os cartaces e sinais que deturpan a forma galega dos topónimos, a única legal

O Goberno Local ten a intención de “substituír progresivamente os cartaces e sinais que presenten toponimia deturpada”.
O goberno local dille ao BNG que vai substituír “progresivamente” os cartaces e sinais que deturpan a forma galega dos topónimos, a única legal

A Coruña, a 22 de xaneiro de 2020. Así llo di o Executivo coruñés ao BNG en resposta a unha pregunta formulada por escrito pola concelleira Avia Veira, quen, nunha iniciativa sobre o uso do galego por parte do Concello, se interesaba por saber que pensaba facer o gabinete liderado por Inés Rey para “corrixir aquela toponimia deturpada que permanece na sinalización da cidade”. Cumpre lembrar que a única forma legal dos topónimos é a galega (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística de 1983).

“A intención declarada do Goberno Local de cumprir coa lei e eliminar os topónimos deturpados é claramente unha boa noticia. En todo caso, desde o BNG fiscalizaremos que esa intención se converta en realidade”, afirma Avia Veira.

A concelleira nacionalista preguntaba tamén se era consciente o Goberno Local da “numerosa sinalización que aínda permanece en castelán na nosa cidade”. O Executivo responde que si avalía “as necesidades de sinalética, o seu estado e o cumprimento da lei de normalización, así como o respecto pola toponimia de uso oficial”.

Interpelado sobre se no proceso de mudanza dos colectores de lixo o Goberno Local pensa solicitar á nova empresa concesionaria que os rótulos e letreiros estean en galego, a resposta é: “Si, sempre que couber nos termos do contrato”. Ao mesmo tempo, o Executivo coruñés manifesta a vontade de mudar progresivamente a sinalización das instalacións municipais para que esta poida estar en galego.

E, finalmente, canto a se se vai mudar a páxina web para a versión galega ser a opción por defecto, a resposta do Goberno Local é elusiva. Non di nin se si nin se non, limítase a consignar que se vai “lanzar” unha nova web municipal “ao longo do mes de xaneiro”.

Comentarios
O goberno local dille ao BNG que vai substituír “progresivamente” os cartaces e sinais que deturpan a forma galega dos topónimos, a única legal